O I Concurso de lectura en voz alta "Ler e escoitar" chegou á súa fase final. O pasado 16 de decembro tivo lugar a sesión prevista, na que os 49 rapaces e rapazas finalistas pasaron as últimas probas, nun acto ben emotivo. Todos os participantes deron mostras dun grande aplomo e saber estar á hora de subir a un escenario e amosaron, sen excepción, grandes habilidades de lectura en voz alta. A selección dos textos escollidos libremente polas lectoras e os lectores sorprendeu pola súa calidade e pertinencia. Foi, en fin, unha mañá longa pero emocionante, dedicada á lectura e aos libros, na que os sorrisos estiveron presentes en todo momento en pequenos e grandes. A narradora Charo Pita, que foi a guía deste acto de exaltación da palabra escrita, pero tamén da oralidade, fixo unha defensa da lectura e da necesidade de escoitar aos outros, de saber escoitar. Houbo tamén tempo para os contos, e como broche final, a entrega de premios con "foto de familia" incluída. Parabéns a todas e todos os participantes. + Información
Publicada no Portal Educativo a listaxe de alumnado galardoado