Grazas ao Equipo Tics-Biblioteca do IES Sánchez Cantón, de Pontevedra (un dos centros que levan tempo integrando de forma admirable as tecnoloxías da comunicación e da información en toda a actividade xenerada ou apoiada desde a biblioteca escolar), temos acceso a unha presentación sobre o papel das bibliotecas escolares nos centros educativos, e as súas posibilidades. A partir dos carteis que a consellería publicou nos tres últimos anos, co gallo do mes de outubro, mes da biblioteca escolar, con ilustracións de Manuel Lariño, Miguelanxo Prado e Mariña Seoane, respectivamente, a compañeira Charo Sánchez, co resto do seu equipo, ofrécenos esta atractiva ferramenta sobre as oportunidades da biblioteca escolar. Porque hai unha ducia de motivos para que as bibliotecas escolares sexan, dunha vez por todas, contempladas como eses recursos imprescindibles para un ensino de calidade na sociedade actual. Grazas por compartilo!