"Capacidade de adaptación aos retos e á diversidade: todo está na Biblioteca Escolar"

Un ano máis, a IASL (International Association of School Librarianship) difunde un cartel e un lema para poñer en valor, no mes de outubro dunha forma intensiva, as bibliotecas escolares. Nesta ocasión, o lema (de tradución complexa) fai fincapé nos recursos que as bibliotecas escolares proporcionan ao alumnado e ao profesorado nese difícil asunto da adaptabilidade, da capacidade de enfrontar novos desafíos, novos retos; de enfrontar con éxito a diversidade individual e a pluralidade e complexidade que as aulas presentan.

As bibliotecas escolares o teñen todo: libros en formatos e soportes diferentes, para cubrir os intereses de lectores tamén diferentes, por idade, capacidade, situación social, afectiva, económica; materiais informativos para as distintas áreas e materias; xogos educativos; ficción e información; materiais impresos e materiais electrónicos; unha colección diversificada e axeitada ao alumnado do centro, pero tamén útil para as familias e o profesorado, cada quen no seu labor e na súa función para cos rapaces e rapazas. As bibliotecas escolares dispoñen dun material único para que cada quen atope un espazo persoal de crecemento: os textos literarios de calidade, os álbumes, as novelas gráficas, os clásicos, os contos tradicionais, a poesía, os textos teatrais, a música, o cine... 

CARTEL IASL