|
|
Recentemente coñeceuse o resultado a nivel estatal da avaliación diagnóstica dos nenos e nenas de 4º de primaria. En relación á competencia lingüística constatábase a influencia dalgunhas variables nos bos resultados neste ámbito: a presenza de libros na casa, por exemplo. Así na páxina 125 do estudo pódese ler: "La puntuación media obtenida por los alumnos en las cuatro competencias correlaciona intensamente con la variable "número de libros en casa". Cuanto mayor es el número de libros que el alumnado tiene en su casa, más alta es la puntuación media que obtiene". Un IES da provincia de Ourense, nun interesante estudo sobre a situación da lectura na súa comunidade educativa constata a escasa presenza de libros nas casas do alumnado. Tamén resulta inquietante o gráfico referido ao hábito de lectura nas familias. Á vez, vese a importancia da biblioteca escolar como instrumento de acceso á cultura e factor de compensación social: mentres só un 4% do alumnado asegura acudir á biblioteca municipal, un 52% do mesmo acude á biblioteca do seu centro.
O coñecemento da realidade na que un centro vive inmerso é fundamental á hora de deseñar ou reconducir as prácticas educativas e a organización e aproveitamento dos recursos educativos dispoñibles.
Unha vez máis, os datos confirman a necesidade de apuntalar unha infraestrutura básica para o fortalecemento do sistema educativo e a formación do alumnado como é a biblioteca dos centros educativos.