O DOG de hoxe, 7 de maio, publica a orde de 23 de abril de 2010 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para o curso 2010/2011. O mesmo que en anos anteriores, os 299 centros que xa están integrados no PLAMBE deben confirmar a súa vontade de continuidade e remitir a documentación requerida, quedando supeditada esta continuidade á valoración da memoria final do presente curso. Incorporaranse 75 centros novos (número que poderá incrementarse en función das baixas ou renuncias). As contías destinadas a esta acción suman un total de 1.210.500€, estando cofinanciada pola Consellería de Educación e o Ministerio de Educación, en virtude da Adenda asinada en 2009 ao Convenio de colaboración para a mellora das bibliotecas escolares. Recoméndase unha lectura pausada e detallada da orde de convocatoria. O prazo final para a presentación de solicitudes é o 7 de xuño.