Os días 15 e 16 de abril celebraranse en Santiago de Compostela os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, 2009/2010. Están convocadas as persoas responsables das 299 bibliotecas escolares incluídas no presente curso neste programa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Os encontros teñen como finalidade avanzar na formación específica deste colectivo nos aspectos máis variados da biblioteca escolar: o papel que xogan hoxe en día estas bibliotecas nos centros educativos e as posibilidades que ofrecer para educar a un alumnado que medra na sociedade da información. Son espazo de reflexión e de intercambio de experiencias; unha oportunidade para a creación de vínculos profesionais que posibilite traballos colaborativos entre as distintas bibliotecas, nunha dinámica xa creada e que está a demostrar a súa efectividade.
A lectura para a aprendizaxe, a educación de competencias básicas como o "tratamento da información e competencia dixital", a presenza dos soportes audiovisuais e electrónicos, a imprescindible integración da cultura impresa e a cultura dixital, serán algúns dos contidos a tratar en maior profundidade.