Os equipos de profesoras e profesores que atenden as novas bibliotecas escolares procuran dar resposta a demandas que xorden desde as distintas áreas e materias: as relacións de materiais informativos e libros de ficción, películas, discos, recursos electrónicos, etc, sobre un tema determinado que se quere tratar co alumnado, son un bo exemplo e un dos cometidos que máis pode axudar ao profesorado do centro. Cando se queren tratar determinados temas que teñen que ver coa educación en valores, coa EDUCACIÓN, que teñen un carácter transversal, cómpre coñecemento, horas de traballo e ademais, sensibilidade, para realizar esta selección. Un bo exemplo do traballo excelente que se está a facer desde as bibliotecas escolares dos centros galegos é este traballo realizado polos responsables da biblioteca do IES Sánchez Cantón (Pontevedra), co fin de apoiar o labor educativo de todo o profesorado para a erradicación paulatina da violencia de xénero.
Nesta mesma páxina pódese acceder aos blogs das bibliotecas escolares de centros de primaria e secundaria de Galicia, e coñecer a actividade que arredor desta temática se está a levar a cabo nestes días.