Na primeira semana de setembro, celebrouse en Santiago de Compostela a 10ª Conferencia Internacional de libros de texto baixo o título Textbooks & Educational Media, organizada por IARTEM (Asociación Internacional de Investigación sobre libros de texto). No contexto desta reunión de profesionais da edición de textos para a educación falouse moito do libro dixital e do libro de texto no actual contexto educativo, social e tecnolóxico. Tamén estivo presente Víctor Freixanes, profesor, escritor e editor, quen na súa columna semanal no diario La Voz de Galicia, lembra neste principio de curso que "Vivimos rodeados de efectos especiais: titulares de xornal que se esquecen ao día seguinte. Sen un investimento axeitado nos profesionais do ensino, capaces de incorporarse activamente a esa iniciativa, temo que esteamos diante dun novo fracaso. A educación é un dos grandes espazos de frustración, eiva obxectiva (tamén) do sistema democrático, que ou se fundamenta sobre a liberdade crítica de saber ou é unha gran mentira, que no fondo os escolares perciben."
En momentos de tránsito coma o que vivimos, no que o libro electrónico se debuxa como o soporte máis oporturno para os textos e manuais de carácter informativo, e cando se chama á utilización co alumnado de fontes informativas diversificadas e actualizadas, as bibliotecas escolares xorden como espazos inmellorables e únicos para unha educación realmente integrada na sociedade da información, como centros de recursos educativos e como centros de aprendizaxe e de acceso ao coñecemento.