Lembramos que a data de presentación da xustificación de gastos e da memoria correspondente ao curso 08/09 remata o 15 de xuño, tal e como aparece recollido no punto oitavo da correspondente orde de convocatoria.
En canto ao contido da MEMORIA, é importante reflectir as medidas organizativas e de xestión que se levaron a cabo no proceso de transformación da biblioteca nun centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, e reflectir como mínimo, os contidos que se detallan no punto 3, do devandito apartado:
- grao de cumprimento dos obxectivos propostos
- horario real asignado á persoa responsable da biblioteca e ao equipo de biblioteca (dificultades ou logros a maiores, no seu caso)
- actividades desenvolvidas, facendo fincapé naquelas que son propias da biblioteca como recurso educativo, ou que se desenvolven a proposta do equipo de biblioteca (e non tanto nas actividades de carácter extraescolar ou que afectan a todo o centro, nas que poida colaborar a biblioteca, aínda que se poidan e se deban citar).
- grao de implicación do centro e da comunidade educativa. Cómpre incidir no nivel de "integración" dos recursos da biblioteca na práctica cotiá da vida pedagóxica do centro, no tratamento dos contidos curriculares, na educación no acceso á información, na procura da adquisición das competencias básicas do alumnado. Achegas da biblioteca ao desenvolvemento do Proxecto Lector do centro.
- actividades de formación do ámbito das bibliotecas escolares nas que participou o profesorado.
- materiais producidos, no seu caso (especialmente guías de biblioteca, boletíns, blogs, materiais para a educación en información.....)
- avaliación (procurando incluír algún dato estatístico de uso dos servizos; a informatización dos fondos permitirá sen dúbida esta estatística); cómpre darlle importancia a este apartado, que serve para avanzar.
- previsións de futuro
É bo incluír imaxes.