A Federación de Libreiros de Galicia fixo entrega, na noite do sábado 28 de marzo, dos premios Irmandade do Libro 2009, destinados a poñer en valor o libro galego e recoñecer a persoas e institucións que traballan pola difusión do libro e a lectura. Resultaron galardonados, no apartado de centros de ensino, tres centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares. Recibiu o primeiro premio o IES Eduardo Blanco Amor, de Ourense, e resultaron finalistas o CEIP San Martiño , de Pontevedra, e o CEIP Quintela, de Moaña. Noraboa aos tres centros e ás súas comunidades educativas, moi especialmente ao profesorado que traballa incansablemente por facer da biblioteca escolar un espazo de convivencia e aprendizaxe, un espazo educativo e cidadán de primeiro orde.
O escritor Xabier P. Docampo, que recibiu o galardón na categoría de autor, ao recoller o seu premio falou de lectura, de libros, de librerías, de lingua e de país... nun discurso ben fermoso e ben necesario, que agradecemos.