25N , todo o ano, nas bibliotecas escolares de Galicia

 
 
NON É AMOR
 
Por que, nos contos que gardabas, eu era a devorada,
por que, na imaxe do amor puro, a moza estaba morta,
por que, no mito que teciches, urdiches o abandono,
por que, no afán de posuírme, cegaches os meus ollos.
 
Mírame agora que son silencio, eternidade,
mira o meu corpo branco, case azul na quietude,
son Ofelia de novo aboiando nas augas,
arrastrada na historia dun mundo á túa imaxe.
Ofelia case azul, xa para sempre muda,
inmóbil perfección de obxecto posuído.
Ergue a man, Ofelia, esa man que aínda leva
o sangue, a pel, a proba do delirio covarde.
 
Como se pode amar o camiño da morte,
como se pode amar o silencio do medo.
Que non, non é amor ese velo de sombra,
non, non é amor a negación do soño,
non, non é amor o desprezo estridente,
non, non é amor a voz que todo cala,
non pode ser amor esa ventá escura,
pois non, non é amor esa porta fechada.
 
 
Non te quero máis branca, nin azul, nin silencio,
non te quero aboiando nese río de sombra.
Érguete Ofelia, esperta e renega do conto,
non cegues os teus ollos, que o corpo che pertence,
renega dese mito que mata as túas entrañas,
renega do amor puro que te viste de morte.
 
Dacosta, Marta. (2011). Acuática alma. Espiral Maior.
 
Na imaxe, instalación no IES Monte das Moas (A Coruña)
 
 
As bibliotecas escolares son espazos privilexiados para traballar valores democráticos, de igualdade e cidadanía, espazos únicos para a aprendizaxe da convivencia.
O 25 de novembro é unha data do calendario civil que as bibliotecas escolares integraron nas súas programacións porque cómpre unha chamada de atención fronte a actitudes larvadas  de violencia contra as nenas e as mulleres (con presenza nas relacións sociais, na publicidade ou en moitos produtos audiovisuais), que fixan valores contrarios á igualdade.
 
Un curso máis, seguimos necesitando accións para denunciar a violencia sistémica contra  as mulleres e as violencias cotiás exercidas contra nenas, mozas e mulleres de toda idade e condición en distintos espazos e ámbitos, tanto privados como públicos. Desde a ONU alertan de que "a violencia contra as mulleres e as nenas segue sendo unha das violacións dos dereitos humanos máis estendidas e xeneralizadas do mundo. Calcúlase que, a nivel global, case una de cada tres mulleres foron vítimas de violencia física e/o sexual polo menos unha vez na súa vida.
 
En 2023, ao redor de 51.100 mulleres e nenas de todo o mundo morreron a mans das súas parellas ou outros membros da súa familia. É dicir, asasinouse a unha muller cada 10 minutos. 
 
Trátase dunha secuela que se intensificou en diferentes contornas, incluídos o lugar de traballo e os espazos en liña, e viuse agravada polos conflitos e o cambio climático.
A solución radica en acabar coa impunidade, adoptar e financiar plans de acción e investir en solucións que propoñen os movementos polos dereitos das mulleres".
 
O #25N non é unha celebración, é unha data a borrar do noso calendario e imaxinario, pero até entón queda moito por facer, moitos muros por derrubar, non podemos, nin debemos, permitir un paso atrás. 
 
 
Actividades nas bibliotecas escolares de Galicia: