Xa leva un tempo na rúa o número 12 de Fadamorgana, a Revista Galega de Literatura Infantil e Xuvenil, un dos instrumentos que o profesorado galego ten ao seu alcance para avanzar na súa autoformación como mediadores, pois Fadamorgana presenta, en cada un dos seus números, interesantes temas monográficos (o teatro infantil, a literatura popular, a poesía, os novos soportes para a literatura, a literatura infantil sobre o mar, etc.), entrevistas, reseñas de novidades, noticias do mundo da LIX.
Este número 12, Espazos para a Lectura, está dedicado ás bibliotecas escolares e á lectura en contexto educativo, e conta con artigos, entre outros, de Mª José Vittorino, de Portugal, e Mariano Coronas, do CEIP de Fraga (Huesca), dous dos referentes peninsulares das bibliotecas escolares. Inclúense entrevistas á autora brasileira Lygia Bojunga e á escritora galega An Alfaya. Recensións de libros aparecidos recentemente en galego, catalán, euscaro, castelán, árabe ou italiano, compoñen tamén este número, que ofrece, ademais das fermosas ilustracións de Patricia Castelao, información útil para o profesorado implicado na formación da competencia lectora e literaria dos máis novos.