Novos artigos na sección de Bibliotecas Escolares da revista EDUGA. Número 85 (xuño de 2023)

 

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén de facer público un novo número da Revista Galega do Ensino (EDUGA), que conta cunha sección fixa de Bibliotecas Escolares. Neste número de xuño publícanse un total de cinco artigos, nas tres sub-seccións: Biblioteca escolar (textos que falan sobre aspectos esenciais e básicos), Boas prácticas (artigos de reflexión sobre accións e desenvolvemento de proxectos de especial relevancia e interese),e Hora de Ler (achegas que poñen en valor iniciativas a prol da lectura e da escritura nas bibliotecas escolares)

 

Lecturas recomendables e nutritivas para estas vindeiras semanas, nas que quizais podamos atopar algo máis de tempo para achegarnos a estes cinco textos que poden inspirar novas reflexións e iniciativas para o futuro das nosas bibliotecas.


 

Facer biblioteca en tempos de migracións

 

Algunhas ferramentas que poden ser interesantes para ampliar redes e atender as demandas de acadar competencias en tempos de migracións. 

 

O reto de adaptarnos aos rápidos cambios da sociedade, aos novos contextos e incipientes demandas en formación a través de iniciativas abertas de traballo interdisciplinario e traballo cooperativo nas bibliotecas escolares. Fluír a través de proxectos que conecten os diferentes perfís profesionais do profesorado e provocar accións que amplíen redes coa nosa contorna e comunidade.

         

A biblioteca, o corazón do colexio

Historia da ampliación da nosa biblioteca en función dos proxectos do centro.

 

Descubrirás como un centro educativo público transforma pouco a pouco a súa biblioteca. Contaremos a evolución metodolóxica do noso centro desde o curso anterior a entrar no PLAMBE (2015) ata ao momento no que a biblioteca fixo a súa última mellora de espazos e recursos grazas á aprobación por parte da Consellería do proxecto que presentamos para ser un centro LIA.3 no curso 2021/22.

         

Construbot. Comeza a partida!

 

Traballo por proxectos desde a biblioteca escolar seguindo a metodoloxía científica

A finalidade do proxecto foi indagar como a robótica pode ser un medio para favorecer a aprendizaxe, evocar o recordo, xestionar as emocións etc. mediante o xogo. Para iso, empregouse un sistema de traballo que combina o método científico coa aprendizaxe baseada en proxectos, de xeito que o alumnado, ademais de ir superando os distintos obxectivos do currículo, viu unha finalidade no seu proceso de ensino-aprendizaxe, traballou distintos temas transversais e adquiriu as correspondentes competencias curriculares.

         

A biblioteca nun centro de Educación Permanente de Adultos (EPA)

 

O presente artigo nace da experiencia na biblioteca do Centro de Educación Permanente de Adultos (EPA) do Berbés, de Vigo, que no curso pasado foi incluída no Plan de mellora de bibliotecas escolares, iniciando así un plan de traballo condicionado polas características específicas da comunidade á que serve.

     

         
 

Familias e biblioteca escolar: unha alianza necesaria


Sobre como involucrar ás familias en actividades que redunden no desenvolvemento do hábito lector do alumnado

 

Neste artigo debúllanse media ducia de estratexias desenvolvidas na biblioteca escolar do CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa para involucrar as familias en actividades que redunden no desenvolvemento do hábito lector do alumnado, partindo do suposto de que unha acción conxunta da escola e da casa vai permitir atinxir o noso obxectivo de facer nenas e nenos lectores.