Co gallo da celebración do Día do Libro, a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, da Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades , fai pública a Resolución de 21 de abril de 2023 pola que se recoñece a Manuel Núñez Singala co Premio dos Clubs de Lectura 2023.
No ano 2015 creouse este premio co obxecto de recoñecer cada ano a aqueles autores e autoras que, cos seus libros, axudan á construción de lectoras e lectores nestas etapas da adolescencia e a mocidade que, no ámbito da lectura, están consideradas como etapas de risco de abandono, ao ampliarse o abano de estímulos e intereses. Desde o curso pasado, contribúe a este recoñecemento o alumnado dos clubs de lectura da educación primaria. Uns creadores comprometidos coa lingua que achegan a materia prima coa que os clubs de lectura poden contribuír á extensión da lectura en galego. Na resolución de creación do premio contemplábase que “o Premio dos Clubs de Lectura poderá entregarse unha soa vez a un autor ou autora. No caso de que o primeiro creador da relación resultante nun curso xa tivese recibido o premio, este seralle concedido ao autor ou autora seguinte na relación”. Até o momento recibiron este galardón os escritores Agustín Fernández Paz (2015), Ledicia Costas (2016), Miguelanxo Prado (2017), Carlos Negro(2018), María Reimóndez (2019), Andrea Maceiras (2020), Eva Mejuto (2021) e Antía Yáñez (2022).
Manuel Núñez Singala é un dos autores máis seguidos polo lectorado infantil e xuvenil galego. Dous dos seus títulos, O achado do castro e Atranco no banco, están entre os 50 libros máis lidos nos Clubs de lectura no curso 2021/2022.