Ver coa imaxinación ou volver ver por medio da memoria é o patrimonio da escritura.
Ernaux, Annie. El Acontecimiento.
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2022/2023. O lema elixido, ESCRIBIR A BIBLIOTECA ESCOLAR, quere poñer o foco en todas as formas de escrita que cuida e ofrece a biblioteca escolar . A escrita como medio de comunicación, expresión, creación, información e coñecemento.
A imaxe que interpreta este lema proposto para o curso 2022-2023 é obra da calígrafa, deseñadora gráfica e mestra de talleres de caligrafía e lettering Belén L. Méndez coñecida como nacu, que leva xa un tempo colaborando coas bibliotecas escolares en obradoiros.
A biblioteca escolar ofrece oportunidades e recursos para escribir e escribirnos:
- Escribir para saber, para aprender.
- Escribir para comunicar e comunicarnos.
- Escribir relatos, historias.
- Escribirnos, coñecernos a través da escrita: diarios, axendas, biografía...
- Escribir xuntos en relatos colectivos, encadeados, libros viaxeiros, wikis…
- Escrita creativa: microrrelatos, haikus, collages, caligrafía…
- Escribir para deixar pegada e preservar a memoria individual e colectiva.
- Escribir para incluír e visibilizar.
- Traducir.
- Reescribir, versionar e adaptar.
- Escribir no audiovisual: guións, escaletas.
- Escribir para estimular a creación.
Escribir para ser (lido), para que o lector e a lectora dea vida ao libro, ao escrito.