No ano 2010 o Conselleiro de Cultura, Educacion e Ordenación Universitaria presentaba no Parlamento de Galicia o Plan LIA 2010/2015 de bibliotecas escolares para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe, co que se pretendía dar resposta ás necesidades que neste terreo se viñan manifestando, logo dun periodo de iniciativas da consellería en relación coas bibliotecas escolares e o fomento da lectura no ámbito educativo, iniciadas en setembro do 2003 coa creación da asesoría de bibliotecas escolares.
Este Plan LIA buscaba a integración de todas as actuacións da consellería a prol das bibliotecas escolares para a mellora das competencias de lectura, escritura e habilidades investigadoras e de uso da información do alumnado galego.
O Plan tivo continuidade nunha segunda fase, o Plan LIA 2016/2020. Logo do seu correspondente informe de resultados, e unha vez analizados logros e ámbitos de actuación que precisan reforzo tras estas dúas primeiras fases do Plan LIA, no periodo 2010/2020, cómpre agora abordar unha terceira fase, que implica a actuación dos obxectivos e liñas prioritarias de actuación que garantan a presencia estable de bibliotecas escolares en todos os centros educativos galegos de nivel non universitario, como recurso imprescindible para o desenvolvemento dos currículos e que, ao mesmo tempo, amplíe a experiencia de lectura e de acceso aos bens culturais de toda a poboación escolar galega e facilite a abordaxe dos cambios que as novas dinámicas sociais e educativas demandan.