Coñecemos, da man de nenas e nenos, nais e profesoras, a biblioteca do CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño, Pontevedra), unha biblioteca moi activa desde a súa incorporación ao PLAMBE en 2007. Incorporada ao proxecto "Bibliotecas LÍA.2" en 2018, ampliou espazos e funcións, ofrecendo agora maiores posibilidades a toda a comunidade educativa para aprender con recursos diversos e ter acceso a bens e actividades culturais, nunha dinámica de atención á diversidade e igualdade de oportunidades para todas e todos. Explícao moi ben a responsable da biblioteca, Aurora Leirado cando di: "Todos estes recursos ao alcance do nos alumnado en medios onde, ao mellor, non teñen tanto acceso a nivel persoal a ter contacto con todo este tipo de cousas, é sen dúbida o mellor exemplo de que unha biblioteca é fundamental para a igualdade de oportunidades no acceso á cultura, á educación e a crear cidadáns capaces de compartir un espazo común e uns recursos comúns."