Biblioteca escolar, centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe

A actual sociedade da información fai imprescindible a presenza de bibliotecas escolares nos centros educativos, concibidas como dinámicos centros de recursos de información, con fondos documentais actualizados e diversos; espazos de achegamento á lectura de todo tipo de textos, en todo tipo de soportes, con todo tipo de finalidades; lugares para a aprendizaxe guiada ou autónoma; puntos de encontro e convivencia entre todos os membros da comunidade educativa.

Formarse, ensinar, aprender..., nunha sociedade complexa, diversa e democrática é dar resposta ás necesidades emerxentes, adaptarse e adoptar as medidas organizativas necesarias para que as "comunidades de aprendizaxe", que deberan ser todos os centros, sirvan aos intereses de todos e favorezan a formación permanente e o acceso aos bens culturais comúns.

A existencia dunha biblioteca escolar dinámica, ben dotada e actualizada, supón unha oportunidade para a innovación pedagóxica, achega recursos para o tratamento dos contidos propios de todas as áreas e ámbitos de aprendizaxe e muda a forma de entender o ensino e a aprendizaxe de quen participa da súa vitalidade.

Pódese descargar arquivo: A biblioteca escolar, centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe.