O 13 de novembro celébrase, desde o ano 2011, o Día das Librarías promovido por CEGAL e a Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura do Ministerio de Cultura e Deporte. En Galicia está incluÍda no Calendario do Libro e a Lectura e conta co apoio da Federación de Librarías de Galicia. Desde CEGAL sinalan que “… queremos mostrar que somos espazos próximos, modernos e en continua evolución para xerar cultura, e crear comunidades en torno ao libro e a lectura”
Pensamos, que este é un bo ano para reivindicar, unha vez máis, as librarías de proximidade, espazos que van máis alá da venda de libros, transformándose en motores culturais da comunidade. Librarías con profesionais que entenden a literatura como algo non supeditado ás modas. Libreiros e libreiras que consiguen o imposible, que nos axudan a conformar unha colección rigorosa nas nosas bibliotecas. Librarías que son espazos de acubillo para alumnado e familias, con múltiples actividades compartidas.
Agora que nos precisan ao seu carón, promovamos actividades, entre a comunidade educativa, para achegarnos ao seu traballo: entrevistas, traballos de investigación, visitas virtuais... É necesario coñecer e preservar a cadea do libro.
Desde a Asesoría iremos visibilizando estas actividades baixo o lema E ti, de que libraría vés sendo?
- CEIP de Caión (A Laracha-A Coruña): Libraría "Encontos"
- CEIP de Carballedo (Cerdedo-Cotobade/Pontevedra): Día das Librarías (Eu merco na libraría)
- CEIP Eduardo Pondal (Vigo-Pontevedra): Visitas virtuais e entrevista a un libreiro
- CEIP Flavia (Padrón-A Coruña): Día das Librarías
- CEIP Graxal (cambre-A Coruña): Visita á libraría do barrio
- CEIP Rosalía de Castro (Padrón-A Coruña): Día das Librarías
- EEI de San Roque (Viveiro-Lugo): Día das Librarías e Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas
- IES Fin do Camiño (Fisterra-A coruña): Día das Librarías 2020
- IES Johan Carballeira (Bueu-Pontevedra): Día das Librarías 2020
- IES Xesús Taboada Chivite (Verín-Ourense): Día das Librarías