O Portal Educativo publica a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 14 de outubro de 2020, pola que se resolve a convocatoria do programa BIBLIOTECA CREATIVA correspondente ao curso 2020/21. Incorpóranse 25 novos centros e publícanse as asignacións que recibirán os 77 centros que presentaron a súa solicitude de continuidade neste proxecto. En total, son 102 centros PLAMBE os que participan nesta iniciativa destinada a apoiar a cultura da experimentación, a creación e a investigación en espazos creativos e cooperativos no seo da biblioteca escolar.
Os espazos creativos ou espazos maker creados nestas bibliotecas son bos exemplos da evolución que pode vivir unha biblioteca escolar que acolle os multialfabetismos e atende as necesidades da comunidade escolar, ofertando oportunidades para as aprendizaxes a modo de laboratorio de creación e experimentación.
Profesorado integrante dos equipos de biblioteca destes centros participarán nunhas xornadas mixtas (modo presencial/telemático) que se celebrarán os vindeiros 26 e 27 de outubro na Cidade da Cultura e do que xa se pode adiantar un programa.