A experiencia dun bo número de bibliotecas vinculadas ao programa "Radio na biblio" durante o período de cese da actividade presencial nos centros durante a primavera de 2020, por mor da COVID-19, puxo de manifesto as posibilidades desta ferramenta para desenvolver actividades educativas a distancia, con capacidade para vincular ao alumnado ao ámbito educativo e para conectar á comunidade escolar arredor dunha proposta temática. A radio foi unha ferramenta pedagóxica de gran alcance capaz de xerar unha importante dinámica de comunicación, de apoio aos proxectos, de difusión de produtos culturais e das investigacións elaboradas polo alumnado. A situación vivida facilitou, a través do programa, a educación para a competencia en información e medios tanto para o alumnado como para as súas familias.
A Radio na biblio transformouse no espazo de encontro da comunidade educativa, o lugar no que escoitarse, no que poñer en común o traballo feito na casa, no que falar ...
De entre todas as marabillosas experiencias deste periodo, seleccionamos oito que ofrecen unha variedade de recursos e propostas do que se pode facer en tempos complexos, mesmo poñer en marcha a emisora.