CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal-Pontevedra). Un centro LÍA.2

 
A Quinta dos Libros é o nome polo que se coñece a biblioteca do CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal, Pontevedra), unha biblioteca escolar singular que soubo adaptarse ás necesidades e características dun "centro público integrado" (CPI, que alberga alumnado de infantil, primaria e de secundaria), sen caer na tentación de arredar as diferentes etapas, como pasa ás veces; pola contra, o equipo docente foi construíndo aos poucos unha biblioteca común, centro neurálxico das prácticas educativas innovadoras, unha das referencia para todos os centros deste tipo. O seu CMAL (Centro Médico de Atención Lectora), o seu Club de Jazz, ou a emisora de radio, A Voz da Mata, son exemplos de actividades de dinamización e formación, pero tamén de estratexias para a vinculación entre os integrantes da comunidade educativa. Integrada no proxecto PLAN LÍA.2, no ano 2017, esta biblioteca gañou novos espazos e novas funcionalidades que lle permite ser ese "centro creativo das aprendizaxes" que se pretende. O camiño segue na medida en que a biblioteca sabe adaptarse ás novas esixencias educativas, pero tamén ás tendencias comunicativas e ás necesidades da sociedade que entre todos estamos a construír... E se queremos unha sociedad lectora, crítica, formada, participativa, xusta e igualitaria, pódese empezar pola biblioteca escolar, que están demostrando as súas posibilidades de contribución a estas finalidades.