O CEIP Milladoiro, de Malpica de Bergantiños é un centro con longa traxectoria no coidado e atención á súa biblioteca escolar e ao traballo para a formación lectora, literaria e nas competencias informacionais e mediáticas do seu alumnado. Xa fora un centro tomado como referencia anteriormente, cando se gravaron vídeos en bibliotecas escolares galegas en colaboración co Ministerio de Educación. Actualmente o CEIP Milladoiro é un dos 20 centros incluídos no proxecto CENTROS LÍA.2, a través do que a consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional explora a evolución do modelo de biblioteca escolar acorde coas necesidades do alumnado actual e coas tendencias en materia bibliotecaria e educativa.
A través desta nova produción audiovisual, coa axuda das alumnas voluntarias, visitamos de novo a biblioteca escolar dun centro da Galicia rural que pon ao servizo do seu alumnado todos os recursos posibles, pero que sobre todo ofrece oportunidades de aprendizaxe variadas, significativas e imprescindibles na actual sociedade da comunicación e da información.