24 de outubro: Día das Bibliotecas

O día 24 de outubro está sinalado, no Calendario do Libro de Galicia, como Día das Bibliotecas. Este ano 2007, a Consellería de Cultura e Deporte encargoulle a Xaquín Marín a imaxe para o cartel divulgativo que lle foi remitido a todas as bibliotecas públicas e escolares. A celebración noutras comunidades autónomas pódese consultar na páxina de Amigos del Libro Infantil y Juvenil.

As bibliotecas non son lugares neutros. Na construción dunha sociedade lectora, requisito para a consecución dunha sociedade máis xusta e solidaria, os bibliotecarios e bibliotecarias deben tomar partido, partido hasta mancharse, retomando o verso de Gabriel Celaya. Así nolo lembra Javier Pérez Iglesias, bibliotecario da Universidade Complutense de Madrid, no texto Por una multitud de minorías, recollido no volume Palabras por la biblioteca:

"As nosas seleccións de documentos, a nosa forma de presentalos aos usuarios, a maneira de clasificalos e de facelos accesibles, todo elo son tarefas estrictamente bibliotecarias que supoñen tomar partido. Ao deseñar a biblioteca estamos actuando, tomando decisións que teñen implicacións políticas e sociais."

Neste día, desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares propoñemos:

Non calquera libro. Si todas as lecturas.

Bo Día das Bibliotecas!!!!