O sábado 23 de marzo Santiago de Compostela será a sede da xornada técnica organizada pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos), para pensar a biblioteca escolar do 2020. Esta xornada de traballo reúne a persoas expertas no ámbito das bibliotecas en xeral, das bibliotecas escolares en particular xunto a representantes das CCAA presentes na Comisión Técnica de Bibliotecas Escolares e do Ministerio, un dos organismos integrantes do Consejo de Cooperación Bibliotecaria a nivel estatal.
Participarán representantes de Andalucia, Aragón, Asturias, Canarias, Castilla y León, Cataluña, Comunidad de Madrid, Comunidad Valenciana, Extremadura, Islas Baleares, Navarra, País Vasco e Región de Murcia. O Ministerio de Educación y Deporte estará representado por persoal adscrito ao CNIIE. Asistirán a esta xornada técnica, así mesmo, responsables da Subdirección de Bibliotecas, da Consellería de Cultura, así como asesores e asesoras da Rede de Formación do Profesorado e os integrantes da Asesoría de bibliotecas escolares da consellería. Previamente, todos os participantes están convidados a participar, en calidade de observadores, á segunda xornada dos Encontros PLAMBE, que se celebrarán os días 21 e 22 de marzo, no Palacio de Congresos, e onde poderán coñecer de preto un bo feixe de experiencias que se están a vivir nas bibliotecas escolares galegas.
A actualidade sobre a lectura, as competencias informacionais e mediáticas, a transformación dos espazos e a función das bibliotecas escolares nos centros centrarán os debates dunha xornada que se deseñou como espazo de encontro, reflexión, debate e xeración de coñecemento compartido, co fin de formular propostas de avances neste ámbito da educación. A biblioteca escolar é, en efecto, unha cuestión de enfoque; é o resultado de coñecer as prioridades das comunidades educativas e de poñer en xogo recursos materiais e humanos ao servizo dunha educación máis acorde coas necesidades do alumnado nunha sociedade complexa e cambiante. Unha sociedad que se move a un ritmo de vertixe, por veces, polo que cómpre crear foros como este para pensar e construír xuntos novas paisaxes de actuación e mellora.