Co gallo do Día da Biblioteca, o pasado 24 de outubro, convocouse o certame "XOGANDO COA CDU" destinado aos equipos de bibliotecas dos centros educativos galegos, coa finalidade de estimular a creación de materiais para as actividades de formación de persoas usuarias da biblioteca escolar, tomando como base o cartel CDU ILUSTRADA, remitido ás bibliotecas galegas a comezos de setembro de 2018.
Desde a Asesoría de bibliotecas escolares elaborouse un documento de apoio, para lembrar o que é a Clasificación Decimal Universal e a súa adaptación ás bibliotecas escolares, proposta xa en 2004, nos inicios desta Asesoría. Este documento revisado pretende apoiar ao profesorado no seu labor de formación de usuarios e usuarias e, tamén, aos equipos de voluntarios e voluntarias da biblioteca escolar. Pode descargarse e empregarse do xeito que os docentes consideren máis oportuno.
Lémbrase que o prazo para presentar as propostas ao concurso XOGANDO COA CDU remata o 23 de novembro.