24 de outubro, Día da Biblioteca, tamén da Biblioteca Escolar.

O 24 de outubro é unha data sinalada como Día da Biblioteca no Calendario do Libro e da Lectura que todos os anos vén publicando a Xunta de Galicia, e está salientado nas axendas de todos cantos traballan a prol das bibliotecas, o libro e a lectura, desde que hai máis de vinte anos a Asociación Española de Amigos do Libro Infantil y Juvenil propuxera a celebración deste día. Na actualidade, o Ministerio de Cultura edita todos os anos un cartel conmemorativo e un pregón, e propón actividades para a súa celebración, entre outros, a través do Observatorio de la Lectura y el Libro.
Desde outubro de 2008, a Consellería de Educación edita un cartel específico para celebrar este Día da Biblioteca tamén nas Bibliotecas Escolares, cun lema para dar a coñecer e difundir as múltiples oportunidades que ofrece unha biblioteca escolar activa, e que este ano foi interpretado pola ilustradora Nuria Díaz. Este fermoso cartel de 2018 xa está presente en todos os centros galegos para a celebración do 24 de outubro. 
Comezan a chegar noticias sobre as múltiples actividades organizadas polas bibliotecas escolares galegas arredor desta xornada das que iremos dando conta en breve. Entre tanto, desde a D.X. de Centros e Recursos Humanos, a través da Asesoría de bibliotecas escolares, convócase un certame de materiais co gallo da celebración deste Día da Biblioteca.  Trátase do concurso de ideas para a formación de persoas usuarias da biblioteca escolar, "XOGANDO COA CDU", aproveitando o cartel CDU ILUSTRADA, realizado por Óscar Villán e remitido aos centros a comezos deste curso 2018/2019.
Animamos a todos os equipos de biblioteca dos centros educativos galegos a deseñar e enviar, antes do 23 de novembro, unha actividade manipulativa ou proposta didáctica (en soporte analóxico ou virtual) para a formación do alumnado no uso dos recursos da biblioteca.  Velaquí as BASES do concurso.
 
Así celebran algunhas das bibliotecas escolares este Día: