Bibliotecas LÍA.2, entrega 1: EEI Barrionovo (Arteixo)

 
 
A finais de 2016 a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dentro do seu Plan LÍA de bibliotecas escolares, puxo en marcha un novo proxecto denominado LÍA.2, polo que se ofreceu a catro centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, con excelente traxectoria, espazo axeitado, experiencia no traballo por proxectos, compromiso do equipo directivo e do equipo docente e localización en zonas rurais, a posibilidade de realizar melloras na súa biblioteca nunha dinámica de exploración das posibilidades de evolución do modelo de biblioteca escolar cara un "centro creativo das aprendizaxes". Os primeiros catro centros que aceptaron o reto están xa a pleno rendemento e co fin de dar a coñecer a súa experiencia iniciamos a difusión dunha serie de vídeos gravados no último trimestre do curso 2017/2018 e todos e cada un destes primeiros catro centros integrados no proxecto. 
Comezamos a serie visitando a EEI Barrionovo, de Arteixo (A Coruña), un centro de educación infantil que puxo en marcha, ademais doutras melloras na súa biblioteca, unha sección á que denominan "espazo fedelleiro": un espazo creativo, sección vinculada á biblioteca inicial, configurado e deseñado para a experimentación e a creación. Coñecemos a súa realidade nas voces das profesoras e de outras integrantes da comunidade educativa: