VIII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia

 

Os vindeiros 1 e 2 de decembro celebraranse en Compostela (Palacio de Congresos) as VIII Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia, a cita anual do grande colectivo de profesorado que pon en pé as bibliotecas nos centros educativos, vinculado a temas de lectura e de educación para as competencias en medios e información, atento á complexidade social na que medra o alumnado, sensible á necesidade de acadar maiores cotas de igualdade... preocupado e ocupado, en definitiva, nalgúns dos grandes retos do mundo educativo actual.

Fiadas co lema das bibliotecas escolares para este curso 2017/2018, Aprender a pensar coa biblioteca escolar, as xornadas ofrecen oportunidade para o encontro entre profesionais de distintos niveis educativos, de distintas disciplinas, con experiencia variada pero co interés sempre vivo. Serán ocasión para coñecer en profundidade programas relacionados co tratamento da filosofía cos máis pequenos, analizar os cambios que se están a producir no amplo mundo das bibliotecas, coñecer os rudimentos do pensamento crítico, as posibilidades da educación mediática ou analizar as potencialidades da literatura infantil e xuvenil (da literatura en xeral), para espertar o gusto polo coñecemento e manter viva a capacidade de asombro. As xornadas serán plataforma para difundir experiencias de interese que se están a dar no contexto das bibliotecas escolares galegas relacionadas coa lectura, o voluntariado na biblioteca, o desenvolvemento do Proxecto Lector de Centro, a introdución da robótica, as alfabetizacións múltiples, a evolución do modelo de biblioteca ou o desenvolvemento de proxectos a través de metodoloxías activas, con moi distintas temáticas.

O prazo de inscrición remata o 31 de outubro e deberá facerse a través da aplicación FPROFE buscando a actividade co código G1702011