"Espazo fedelleiro", ou cando a biblioteca avanza cara un "centro creativo das aprendizaxes".

 
Comeza o curso e comeza a materializarse un pequeno proxecto piloto no que participan 4 centros educativos [EEI Barrionovo (Arteixo), CEIP Condesa de Fenosa (O Barco), CPI Cruz do Sar (Bergondo) e CEIP Canosa Rus (Coristanco)] integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, con longa e experimentada traxectoria de atención á biblioteca e de traballo a prol da innovación metodolóxica e situados, ademais, en zonas rurais. Con eses vimbios, a colaboración dos equipos docentes (e o compromiso dos equipos directivos correspondentes), estes centros van axudar a explorar novos avances na configuración da biblioteca escolar como "centro creativo das aprendizaxes".  Durante o curso 2016/2017 recibiron axudas extra para equipamento así como orientación da Asesoría de bibliotecas escolares. A pilotaxe deste Proxecto LIA.2 (unha iniciativa contemplada no Plan LÍA 2016/2020 ca CCEOU), esténdese ao longo do presente curso 2017/2018 coa utilización plena das bibliotecas renovadas e a posta en marcha de proxectos que implican o uso extensivo de todos os recursos e posibilidades da biblioteca escolar. O seguimento desta pilotaxe e as valoracións obtidas, permitirá novos avances na Rede de bibliotecas escolares de Galicia. 
Unha das liñas de traballo marcadas é a inclusión dun espazo maker na biblioteca, que ten comezado en moitos casos coa presenza dos "escornabots", pero que garda moitas outras posibilidades. Vemos un excelente exemplo nesta Inauguración do ESPAZO FEDELLEIRO, da EEI de Barrionovo (Arteixo), un dos centros participantes desta pilotaxe.