2015/2016

Materiais dos ENCONTROS do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2015/2016

 

Todos os materiais (presentacións, ligazóns de interese, VÍDEOS e outra documentación) correspondentes aos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2015/2016, celebrados en Compostela os pasados 7/8 de abril, están xa dispoñibles en redeBE, o espazo virtual aberto a todo o profesorado interesado. Nesta entrada, unha pequena entrevista realizada a Mónica Baró, unha das relatoras participantes nestes encontros.

Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2015/2016

Os días 7 e 8 de abril próximos celebraranse en Compostela os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares do curso 2015/2016, coa asistencia de 145 responsables de bibliotecas integradas no programa, na primeira xornada, e representantes da totalidade dos centros (575) xa na segunda xornada.  Este encontro anual do profesorado que xestiona e coordina as bibliotecas integradas no PLAMBE, serve para avanzar na formación deste colectivo e constitúe un espazo de reflexión, intercambio de experiencias e propostas arredor dos ámbitos de actuación da biblioteca escolar: a lectura, a información, a aprendizaxe.

Abordaranse os retos educativos que a biblioteca debe enfrontar e as posibilidades que ofrece para o cambio metodolóxico imprescindible. Entre outras experiencias de interese presentaranse varios dos traballos galardoados no II Concurso de Traballos por Proxecto, coordinados ou co apoio da biblioteca escolar. 

Acompañarán ao profesorado expertos e investigadores en diversos ámbitos: Gemma LLuchMónica Baró, Eduardo Sáenz de Cabezón ou Ana Bernal. Pechará os encontros Manuela Silva, actual coordinadora da Rede de Bibliotecas Escolares de Portugal, programa que cumpre agora os 20 anos de existencia cunha excelente realidade, a pesar de todos os atrancos, faro sempre para as actuacións desde esta consellería.

Resolución definitiva da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares - PLAMBE 2015/2016

 
O DOG de hoxe, 9 de setembro, publica a Orde de 1 de setembro de 2015 coa resolución definitiva da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos de titularidade da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para o curso 2015/2016. 
O PLAMBE é un programa iniciado en 2005 que está a impulsar a transformación das bibliotecas escolares en centros de recursos de lectura, información e aprendizaxe. Pero máis aló dos recursos, as bibliotecas son un instrumento esencial para a innovación educativa na medida en que propician e lideran a utilización de metodoloxías activas, a integracións das TIC en contextos reais de aprendizaxe e o traballo por proxectos.
As bibliotecas  facilitan oportunidades de aprendizaxe en moi distintos ámbitos e son un espazo de encontro entre os diferentes membros da comunidade escolar. O seu funcionamento é esencial para o desenvolvemento do currículo pois apoia a todas as áreas e materias, non só cos recursos informativos que proporciona, senón tamén coas actividades que organiza en beneficio de toda a comunidade escolar. A lectura, entendida en sentido amplo, como alfabetización múltiple, a lectura do século XXI, é a base de todas as actuacións da biblioteca, pero tamén son fundamentais as actividades relacionadas co mundo da información. O alumnado precisa de forma urxente ser formado no uso, tratamento, aproveitamento e produción da información, nos múltiples formatos e soportes nos que hoxe se presenta na sociedade.
O Plan de mellora de bibliotecas escolares facilita recursos, formación e obxectivos comúns a un profesorado interesado en facer da súa biblioteca un espazo de aprendizaxe, en liña coas esixencias da normativa educativa vixente. Un total de 575 centros públicos forman parte desta "rede de bibliotecas escolares" de Galicia. 

Resolución provisional do Plan de mellora de bibliotecas escolares (2015/2016)

O Portal Educativo vén de publicar a Resolución provisional do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2015/2016, segundo o recollido na Orde de convocatoria de 30 de marzo de 2015 (DOG de 15/04/2015). Esta resolución provisional recolle a listaxe de 25 centros que, segundo o contemplado na convocatoria, serán incorporados ao Plan de mellora de bibliotecas escolares no vindeiro curso 2015/2016, cunha asignación provisional de contías.

Trala lectura e valoración das memorias dos centros até o momento integrados no PLAMBE, correspondentes ao curso que remata, e vistas as renuncias ou baixas ocasionadas (que na medida do posible serán suplidas con novas incorporacións), publicarase a resolución definitiva no DOG no mes de setembro. Nesta resolución recollerase a totalidade de centros que conformarán este programa no vindeiro curso (575) e as correspondentes contías asignadas para o curso 2015/2016.

RESOLUCIÓN  PROVISIONAL PLAMBE 15/16

Convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2015/2016

O DOG do 15 de abril publica a Orde de 30 de marzo de 2016 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2015/2016, destinada a centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Trátase da undécima convocatoria dun programa polo que se estimula a renovación das bibliotecas escolares de cara a que cada centro conte cunha biblioteca que poida exercer as funcións que o sistema educativo e a sociedade de información demandan: un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe; pero tamén un espazo de encontro entre os distintos sectores da comunidade educativa, no que poder medrar e formarse como lectores e como usuarios da información. Bibliotecas que apoian a alumnado e profesorado en todos os procesos de aprendizaxe, que facilitan recursos variados e actualizados; favorecen a adquisición de competencias clave para o alumnado (lectura, aprender a aprender, competencia dixital, competencia informacional....); ofrecen formación específica para o uso e produción de información, e posibilitan o acceso a actividades de extensión cultural  como presentacións de libros, recomendacións, recitais, lecturas compartidas, clubs de lectura, etc. As modernas bibliotecas escolares son tamén laboratorios de ideas e espazos de experimentación no que alumnado, profesorado e familias poden compartir inquedanzas, formación e lecer e nas que a cultura impresa e a cultura dixital se integran de forma natural. O empeño de profesorado, os recursos, as orientacións, a difusión das boas prácticas e a formación permiten avances neste programa, incluído no PLAN LÍA  (Lectura, Información e Aprendizaxe) de Bibliotecas Escolares da consellería. 

Os centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares no curso 2014/2015 deben solicitar a continuidade no programa, se así o desexan. Os centros que aspiren a formar parte do PLAMBE (Plan de mellora de bibliotecas escolares) poderán, así mesmo solicitalo con data límite do 15 de maio (incluído). Recoméndase en ámbolos dous casos unha lectura detallada da orde de convocatoria.