Ao fío da lectura das memorias e proxectos dos centros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, algunhas oportunidades para a reflexión e mesmo o debate:
"Neste momento, os fondos adquiridos son o suficientemente variados, están actualizados e inclúen diferentes formatos (libros, revistas, cdroms, dvds, etc.). O problema que observamos é que están infrautilizados, tanto por parte do alumnado (especialmente en secundaria), pero, sobre todo, polo profesorado. A nosa biblioteca non é utilizada dun xeito xeralizado polos profesores como centro de recursos (nin para eles nin para os seus alumnos). Cremos que existe unha excesiva dependencia do libro de texto e os materiais complementarios que ofrecen as editoriais, e o profesorado non considera importante traballar con outras fontes. Asemade, o alumnado manifesta importantes carencias á hora de buscar, cotexar, seleccionar e utilizar información (tanto en fontes tradicionais como electrónicas). Por iso, consideramos que a B.E. debería ir camiñando cara á súa constitución como elemento e lugar fundamental de aprendizaxe." (Extracto das liñas prioritarias para o curso 2009/2010 dun centro PLAMBE)
Un motivo máis: esta excelente invitación a facer das bibliotecas escolares un espazo "mellor que Internet" para facer fronte aos retos da sociedade actual: Teresa Calçada, coordenadora do programa de Bibliotecas Escolares Portuguesas