Outros

Primeiras producións sonoras de Radio na biblio. Curso 2017/2018

Imaxe Radio na biblio no CEIP A Lama
Poesía, narrativa, crítica literaria, investigación, reportaxes, entrevistas, divulgación científica, animación á lectura... 20 centros e case que 20 emisoras con moita vida. O Programa Radio na Biblio semella un mosaico ben colorista de fermosas iniciativas onde o alumnado cobra un protagonismo especial, as nenas e os nenos modelan a súa competencia comunicativa en contextos multimedia ao tempo que enriquecen os seus proxectos de investigación con formatos audiovisuais. Estas pequenas emisoras das bibliotecas escolares foron testemuñas de momentos máxicos e de interesantes conversas, pois por elas pasaron desde importantes personaxes de hoxe en día (artistas, escritores e escritoras, científicos e políticos), ata senlleiras presenzas doutros tempos, como Alfred Hitchcock, Marilin Monroe, Charles Chaplin, ou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Velaquí algúns exemplos: 

A imaxe que ilustra esta entrada corresponde ao laboratorio de radio do CEIP A Lama (A Lama, Pontevedra) 

Día das Letras 2018 nas bibliotecas escolares galegas

María Victoria Moreno é unha das figuras da literatura galega homenaxeada no Día das Letras que máis posibilidades de tratamento, de xogo, de achegamento á literatura e de vínculo coa lingua proporciona no contexto de lectores máis novos. Foi así que este ano, unha vez máis, as bibliotecas escolares galegas aproveitaron estas datas para organizar actividades relacionadas con esta autora e destinadas a valorar a lingua. Algúns exemplos podémolos atopar nas seguintes ligazóns: 

24 de febreiro, Día de Rosalía

Retrato de Rosalía de Castro
O 24 de febreiro está recollido no Calendario do Libro e da Lectura, publicado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, como o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a poeta de referencia da literatura galega. Son moitas as institucións que se suman desde hai anos a esta celebración do DÍA DE ROSALÍA que as bibliotecas escolares aproveitan para dar a coñecer ao alumnado os poemas, a vida e o significado desta gran autora. A obra de Rosalía cobra vida nas voces de nenas e nenos que recuperan en recitais, lecturas compartidas e todo tipo de actividades a forza da súa palabra. Atopan mozos e mozas na lectura dos seus versos unha muller actual e poderosa que se amosa cada ano que pasa máis próxima a todos e todas, a medida que os investigadores van desfacendo cos seus estudos as capas de escuridade que nola ocultaban. 
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega convida neste 2018, baixo o lema #AbrideAFiestra, a celebrar este Día de Rosalía co agasallo dun libro galego e unha flor a amigos e familiares. Publica un manifesto na voz de María Reimóndez e propón, así mesmo, múltiples actividades ás que se poden sumar os centros educativos. 
Recollemos aquí algúns exemplos de actividades nas bibliotecas escolares galegas, como exemplo de que Rosalía de Castro habita un ano máis nos centros educativos. Ogallá os seus poemas sementen nas nenas e nos nenos o vinculo coa lingua que ela tanto dignificou.

Novos artigos sobre bibliotecas escolares na Revista Eduga de Xuño 2017

A Consellería de Cultura, Educación e O.U. vén de facer público o novo número da Revista Galega do Ensino (EDUGA), que conta cunha sección fixa de Bibliotecas Escolares con tres sub-seccións: Biblioteca escolar, Boas prácticas e Hora de ler. Neste número 73 de Xuño de 2017 publícanse un total de 8 artigos e unha entrevista relacionados con biblioteca escolar e lectura. Unha revisión destes artigos, e do resto de traballos publicados en números anteriores da revista, serve para achegarse á viva realidade das bibliotecas escolares galegas, auténticos motores de innovación pedagóxica na última década: 

 

 

“Nas propostas lectoras para os clubs teñen que asumirse riscos”
   Val dos libros, club de lectura do IES de Ponte Caldelas: percorrendo camiños
   

Biblioteca escolar, abrindo novos camiños
   O traballo por proxectos nunha escola rural
   

Traballando as competencias clave e a creatividade desde a comunicación audiovisual a partir de centros de interese
 

Unha experiencia coa robótica na biblioteca e nas aulas
   O proxecto documental integrado na biblioteca como motor de cambio metodolóxico na escola
   

A experiencia da integración da biblioteca no ciclo superior de Educación Infantil
   Inclusión, a necesidade de romper barreiras nas bibliotecas escolares

Letras Galegas todo o ano nas bibliotecas escolares, en maio tamén.

 

 

Achégase o día grande das Letras Galegas e as bibliotecas escolares, neste ano 2017, incorporan a Carlos Casares ao seu equipo de biblioteca, pois hai na súa obra textos fantásticos para poñer nas mans de nenos e nenas, textos para cuestionar o mundo cos adolescentes, textos para a reflexión e mirada diverxente, textos para facer lectores en galego. Desde pequeniños, que así nolo demostran na EEI de Barrionovo (Arteixo), onde fixeron "acuarelas para Carlos Casares" como a que ilustra esta entrada. Velaquí algúns exemplos de actividades nas bibliotecas escolares galegas nestes días de maio de 2017:

21 de marzo, equinoccio de poesía

Coincidindo co equinoccio de primavera, celebramos hoxe o Día Mundial da Poesía. Esta conmemoración, aprobada pola UNESCO en 1999, ten como principal obxectivo apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e dar oportunidade ás linguas ameazadas de ser vehículo de comunicación artística nas súas comunidades respectivas. 
Leamos poesía porque como di Fran Alonso: A poesía é unha barricada de palabras rebeldes, un aturuxo de liberdade. A poesía é diurética, dixestiva e antiestresante; é flexible coma o chicle e o seu ADN é profundamente subversivo. Un poema no aire é unha bomba de palabras

Poesía

Manuel María nas bibliotecas escolares. Letras Galegas 2016

 

O alumnado de 3º e 4º de primaria do CEIP A Pedra, de Bueu, elaborou unha biografía de Manuel María para kamishibai. Esta é unha das moitas actividades que nestes días iluminan as bibliotecas escolares e os centros todos cos versos e a mirada de Manuel María sobre o mundo. Velaquí algúns outros exemplos da intensa actividade que se está a dar arredor da figura do poeta homenaxeado este 2016 polo Día das Letras: 

Desde a Asesoría de bibliotecas escolares preparouse para este ano a Maleta MANUEL MARÍA que xa vai de centro en centro coa súa carga de versos. 

OUTROS ENLACES DE INTERESE

Matemática próxima

BIBLIOTECA ESCOLAR E XOGOS MATEMÁTICOS on PhotoPeach

As bibliotecas escolares galegas está a dar vida ao cartel deste curso "Biblioteca escolar... matemático!!!", organizando exposicións de materiais relacionados coas matemáticas, así como actividades para dar a coñecer estes materiais, sesións de xogos matemáticos, acertixos matemáticos, recompilacións literarias relacionadas coas matemáticas e outros... Un exemplo é este vídeo da biblioteca do IES Blanco Amor (Ourense), no que podemos ver a exposición de materiais e unhas imaxes do alumnado en plena actividade. Outras mostras de actividades:

Día da biblioteca 2014: un día, moitas propostas

Maio, mes das Letras: Xosé María Díaz Castro - IV


 Paco Nogueiras canta ao poeta Díaz Castro

  • O grupo Fuxan os Ventos súmase á celebración do Día das Letras con esta versión do poema Penélope, de Díaz Castro, que poñen a disposición de todas as persoas interesadas na súa páxina de facebook
  • O profesor de música do CEIP Fernández Latorre de A Coruña musicou o poema Esmeralda. Coñecémola a través do CEIP Milladoiro (Malpica) Canta unha alumna de 4º do CEIP Fdez. Latorre
  • Esmeralda, en versión musical da profesora de música do IES Poeta Díaz Castro
  • Esa Lus, poema de Díaz Castro nas voces de alumns do IES Poeta Díaz Castro 
  • Nimbos, en versión de 2naFronteira
  • Penélope, na versión do alumnado do IES Fermín Bouza Brey (Vilagarcía de Arousa)  

Kamishibai no Día do Libro. CEIP Frián-Teis


Conto "O pescador e a súa muller", en versión para kamishibai das nenas e nenos de 1º A do CEIP Frián-Teis, de Vigo 

Actividades arredor do Día do Libro nas bibliotecas escolares galegas

Algúns exemplos da actividade xerada polas bibliotecas escolares galegas arredor do Día do Libro neste curso 2013/2014: 

 

VI Encontros de Banda Deseñada da Mariña

 

O IES Perdouro, de Burela, bota a andar os VI Encontros de Banda Deseñada da Mariña, unha cita anual de gran interese para o achegamento do alumnado, e da sociedade en xeral, a textos, personaxes, temáticas e autores significativos do mundo do cómic e a da novela gráfica. 

Dentro das actividades destes VI Encontros o centro convoca un Concurso de Banda Deseñada, aberto á participación de persoas interesadas, non profesionais, así como de alumnado de primaria e de secundaria de calquera centro de Galicia. O prazo de presentación de orixinais remata o 4 de maio de 2014.

BASES DO CONCURSO

 

Conto para o Kamishibai: O APALPADOR

 

O kamishibai ou teatriño xaponés, é un bo aliado para reforzar a oralidade. Desde o CPI Luís Díaz Moreno, de Baralla, nos remiten este conto para kamishibai, que xenerosamente ofrecen a todos os centros interesados: 

Que é unha biblioteca para ti? CEIP A Lama


As familias do alumnado de ensino infantil do CEIP A Lama (A Lama, Pontevedra), colaboraron deste xeito á difusión das posibilidades da biblioteca no inicio deste curso 2013/2014. Fermosa recreación dunha fórmula que está a dar moi bos resultados. Parabéns!

Biblioteca escolar e Matemáticas

 

A colaboración da Biblitoeca Escolar cos distintos departamentos só pode traer beneficios para profesorado e alumnado. Cando a biblioteca está activa, é dicir, cando ten recursos materiais suficientes, un programa de actuacións orientado a cubrir as necesidades da comunidade educativa en materia de lectura e de información, e cando dispón tamén de recursos humanos axeitados ás funcións que realiza, pode exercer plenamente a súa "misión" (IFLA/UNESCO 2000), que é fundamentalmente apoiar o desenvolvemento do proxecto educativo de centro. Un exemplo recente é esta iniciatva da biblioteca "Rosalía de Castro" do IES Pazo da Mercé (As Neves, Pontevedra). Biblioteca e Departamento de Matemáticas propoñen actividades lúdicas relacionadas con esta materia: "XOGANDO COAS MATEMÁTICAS", cunha periodicidade semanal e un concurso final. A primeira actividade AQUÍ.

Esta iniciativa súmase a outras anteriores, de gran interese: 

Tamén foron bibliotecas escolares as que realizaron estas seleccións de recursos para este área:

Espazo de "lecturas compartidas" no CEIP de Andrade

Segundo van cobrando vida, as bibliotecas escolares van creando novos espazos e atopando novas funcións que cubrir. Atender a todos os sectores da comunidade educativa significa poñer atención ás súas necesidades e ás súas formas de relación con  respecto á lectura. Velaquí o novo espazo creado pola biblioteca do CEIP de Andrade (Pontedeume, A Coruña), destinado ao intercambio de libros entre os adultos da súa comunidade e que chamaron acertadamente "Lecturas Compartidas". A disposición das cadeiras chama ao encontro e á conversa, tan necesarios. 

Esta iniciativa súmase a outras anteriores nas que os centros recuperan pequenos espazos como "seccións" da biblioteca especialmente destinadas a pais e nais. En definitiva, trátase de abrir a biblioteca a todos os axentes que interveñen na formación dos pequenos lectores, pero que tamén queren vivir experiencias lectoras persoais e novidosas, en contacto con outros.

+ información 

 

Xeometría cálida no IES Sánchez Cantón

 

A biblioteca escolar é un espazo de ciencia e para a ciencia (como o foi sempre), máis alá de preconceptos e esquemas restrictivos aínda presentes nalgún profesorado. As novas bibliotecas escolares amosan esta realidade cada vez que poñen en marcha ou apoian proxectos do ámbito das ciencias. E cando a biblioteca escolar e o Departamento de Matemáticas se aúnan poden dar lugar a proxectos tan fermosos coma este: XEOMETRÍA CÁLIDA, proposta do profesor Manuel Cortegoso, do Departamento de Matemáticas do IES Sánchez Cantón, de Pontevedra, que recibe o apoio total e entusiasta do equipo de biblioteca. Os traballos realizáronse durante todo o curso no espazo da biblioteca escolar, en horas de titoría, con alumnado de 4º curso de ESO. Afirma a responsable da biblioteca, Charo Sánchez: "É tamén un traballo de equipo porque cando traballamos xuntos os proxectos tenden a mellorar". O vestíbulo do centro acolle a exposición dos traballos elaborados polo alumnado, e nós podemos acceder a través desta exposición virutal. Parabéns!!

A lus do mundo. Redescubrindo ao poeta Díaz Castro


Chéganos, desde o IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz (Lugo), este documental sobre o poeta que dá nome ao centro, Xosé María Díaz Castro.  A lus do mundo. Redescubrindo ao poeta Díaz Castro "inclúe entrevistas e enquisas na rúa, ademáis dun apartado musical importante con varios temas que inclúen os versos de Díaz Castro e son interpretados pola aula de música do centro. O documental foi realizado por alumnos de 2º, 3º e 4º da ESO dentro dun proxecto enmarcado nos programas da Consellería de Educación de fomento da excelencia..

Dende a escrita do guión, ata a realización das entrevistas, todo o documental foi realizado polo alumnado co apoio de profesores e máis de Cristina de la Torre, xornalista e realizadora en Pasen y Vean Comunicación, quen se encargou de dirixir o obradoiro. A directora do centro, Olga Aguiar, destaca que o resultado superou con moito as expectativas e agardan que a curtametraxe lle dea repercusión ó traballo educativo que se realiza cos alumnos do rural galego, ademais de axudar a difundir a figura de Díaz Castro: “Un autor aínda moi descoñecido e que precisa recuperar o seu lugar no imaxinario cultural galego”. Sandra Tenreiro, a profesora de música e que compuxo as cancións, destacou a creatividade e implicación dos rapaces, ata o punto de que un alumno de bacharelato versiona e rapea un dos poemas. Tódalas cancións terán licenza Creative Commons e estarán dispoñibles en Internet. "

Sumámonos á biblioteca do centro na difusión deste excelente traballo que fala por sí só da creatividade e da capacidade do alumnado, cando está ben acompañado por un profesorado atento e sensible, consciente do seu papel  no momento educativo que nos toca vivir. Parabéns!

Un paseo polo IES A XUNQUEIRA II da man de Rosalía de Castro


Celebrar os 150 anos da publicación de Cantares Gallegos e manter viva a palabra de Rosalía de Castro é o obxectivo. Pero tamén serve, neste caso, para integrar a poesía na vida cotiá do instituto e, de paso, permitirnos entrar no IES A Xunqueira II, percorrer as súas instalacións e escoitar a voz de Rosalía nas voces do alumnado e de parte do persoal do centro.

24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro (2013)

Eu ben vin estar o moucho

enriba daquel penedo.

¡Non che teño medo, moucho;

moucho, non che teño medo!

Contra vento e marea, e coma en anos anteriores, as bibliotecas escolares galegas súmanse á celebración do aniversario de Rosalía de Castro, o día 24 de febreiro, unha das datas sinaladas no "calendario da lectura" do noso país. Pero nesta ocasión, a celebración é dobre porque neste 2013 cúmprense os 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, libro fundamental para as xentes, a lingua e a cultura de Galicia.

Son moitas e variadas as actividades que se levan a cabo estes días nos centros educativos e que xuntan, nunha lectura colectiva da obra da escritora, a grandes e pequenos, para manter viva, nas voces das lectoras e dos lectores, os versos de Rosalía. Moitas destas actividades súmanse á proposta da AELG que trata de involucrar a todos os sectores da sociedade, e nas que o alumnado dos centros cobra un protagonismo alentador. ACCESO AOS VÍDEOS DOS CENTROS

Velaquí algunhas propostas, actividades e recursos que se están a difundir entre o colectivo das Bibliotecas Escolares de Galicia:

A título de exemplo, a programación completa dunha biblioteca escolar arredor deste Día de Rosalía: IES Pazo da Mercé (As Neves): O venres pasado celebramos co noso alumnado e @s nos@s ilustres invitad@s da Escola Unitaria de Vide o día de Rosalía. Intercalamos o visionado de videos con poemas musicados e o recitado de poemas da escritora, no caso de "Máis ó que ben quixo un día", co acompañamento ao piano por parte dunha alumna de 1º Bach. Dúas rapazas do club de lectura léronnos "Tecín soia a miña teia" e o Equipo de Escolas Unesco colaborou interpretando "Adios ríos, adios fontes" en Yogote,linguaxe de signos. Presentouse un vídeo colaborativo realizado por un grupo de 2ºESO no que cada imaxe de Rosalía vai asociada ao nome dun alumn@. Atoparédelo no blog do noso equipo de EDLG: http://dinamizaiespazodamerce.blogspot.pt/

Ás persoas participantes se lles obsequiou cun cravo bermello e unha tarxeta cun poema e unha ilustración. Aproveitamos o acto para entregar os premios aos gañadores do concurso convocado pola biblioteca no que se debían resolver cuestións sinxelas por escrito sobre Rosalía e a sua obra, traballando en algunha das preguntas aspectos de formación de usuarios/as. Organizado tamén pola biblioteca, celebrouse o sorteo de dous exemplares de "Cantares Galegos" entre o alumnado que entregou unha tarxeta co seu nome e o título dun poema de Rosalía. E, como despedida, a "Alborada de Rosalía" interpretada á gaita por un compañeiro do departamento de Lingua Castelá.

"EnREDando versos", ou a poética da colaboración.

EnrREDando versos é un blogue de poesía froito da colaboración de varias bibliotecas escolares que, neste curso, se embarcaron nun traballo conxunto arredor da poesía. A mellor presentación desta experiencia é a que fan os integrantes do grupo:

EnREDando versos é o título do proxecto que nace co obxectivo de achegar á poesía ás aulas. Os intereses comúns no campo da competencia lingüística así como nunha metodoloxía baseada no traballo colaborativo e no uso das TIC entre o alumnado fai que se constitúa un grupo de traballo intercentros co fin de aunar esforzos e intercambiar experiencias educativas que repercutan na práctica docente.

O proxecto está integrado por profesorado de dististos niveis educativos do ámbito de linguas, responsables de bibliotecas escolares, clubs de lectura, un asesor TIC e de novas tecnoloxías, procedentes de cinco centros da provincia de Pontevedra: IES de Poio, IES Ribeira de Louro, IES A Sangriña,  IES de Sanxenxo e CEIP A Lama.

Un exemplo de traballo colaborativo desde as bibliotecas escolares, en beneficio do alumnado (tamén de integración da cultura escrita e a cultura dixital), aproveitando os recursos electrónicos e as formas de comunicación propias da sociedade da información. A poesia é nesta ocasión o motivo de encontro... pero que mellor motivo!!

24 de febreiro: Día de Rosalía

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contempla, dentro do Calendario do Libro e da Lectura para o ano 2012, a data do 24 de febreiro como DÍA DE ROSALÍA, co gallo da conmemoración do nacemento da poeta. Nesta ocasión cúmprense 175 anos e á programación de actividades da FUNDACIÓN ROSALÍA, súmase nesta ocasión a proposta da AELG (Asocación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), cunha proposta ben fermosa: que agasallemos aos nosos seres queridos cun libro galego e unha flor, como unha forma festiva de lembrar a importancia da lingua (o 21 de febreiro celebrábase a instancias da UNESCO o Día Internacional da Lingua Materna), e homenaxear a esta escritora fundamental das nosas Letras. A AELG abriu un blogue no que ir recollendo achegas creativas e iniciativas en relación con esta conmemoración.

Pola súa parte, as bibliotecas escolares galegas veñen celebrando xa este día con diversas actividades, todas dirixidas a lembrar os poemas de Rosalía e manter viva a súa lembranza entre os máis novos. Van chegando as propostas deste ano 2012, que iremos recollendo aquí:

Ai, amor, amor! Hai moito amor na biblioteca escolar...

Ilustración de Pedro SeromenhoHai datas con gran presencia na sociedade do consumo que, ao igual que outros fenómenos coma o deporte de masas, por exemplo, poden servir para avanzar en habilidades de lectura, escritura e investigación. Téñeno claro os docentes que dinamizan as bibliotecas escolares galegas, que aproveitan estes días fríos de febreiro para poñer en valor a poesía amorosa... porque "aos mozos e ás mozas gústalles a poesía", inda que algúns non queiran crelo. Velaquí algunhas actividades e propostas destes días: