- Adaptación das táboas da CDU para as bibliotecas escolares galegas (versión abreviada)
Xestión técnica
Adaptación da CDU para as bibliotecas escolares galegas
Avaliación crítica dos fondos (expurgación)
Desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares elaborouse un pequeno documento en relación coa expurgación dos fondos. Este material de apoio pretende matizar e resolver dúbidas sobre estes labores, básicos na xestión técnica da coleccion das bibliotecas escolares. É fundamental a súa lectura e difusión entre os membros dos equipos de bibliotecas.
PEQUENO TITORIAL DE COMO IMPORTAR REXISTROS DE KOHA A MEIGA
Pequeno titorial no que explicamos como exportar de forma rápida e
sinxela os datos de libros xa rexistrados en bibliotecas públicas, que
xa contan co programa KOHA, a Meiga.
Resultado do Concurso "XOGANDO COA CDU", convocado o 24 de Outubro, Día da Biblioteca.
Co gallo do Día da Biblioteca, o pasado 24 de outubro, convocouse o certame "XOGANDO COA CDU" destinado aos equipos de bibliotecas dos centros educativos galegos, coa finalidade de estimular a creación de materiais para as actividades de formación de persoas usuarias da biblioteca escolar, tomando como base o cartel CDU ILUSTRADA, remitido ás bibliotecas galegas a comezos de setembro de 2018.
Unha vez revisados os traballos recibidos, escolléronse para o premio tres propostas especialmente interesantes tanto pola calidade do seu deseño como pola súa funcionalidade. Son as seguintes:
• Unha aplicación dixital interactiva. CEIP Condesa de Fenosa. O Barco de Valdeorras. Ourense.
• Un xogo analóxico de preguntas e respostas. CEIP O Graxal. Cambre. A Coruña.
• Unha actividade mixta analóxico-dixital para a formación de usuarios. CEP Brea-Segade. Taragoña-Rianxo. A Coruña.
Ademais das premiadas, salientamos polo seu interese, dúas propostas de formación de usuarios que utilizan os escornabots:
• Xogo “Atopa o libro”. CEIP Valle-Inclán. O Grove. Pontevedra
• “A cidade dos libros”. CPI San Sadurniño. A Coruña.
Os tres centros seleccionados recibirán un lote de libros, como o que se mostra na imaxe.
Miniaturas CDU ILUSTRADA
O pasado mes de setembro de 2018, todas as bibliotecas galegas recibiron o novo cartel CDU ILUSTRADA, creado para a ocasión polo ilustrador Óscar Villán.
Este documento ten como finalidade principal servir de apoio ao profesorado no seu labor de formación de usuarios, así como continuar coa adaptación da Clasificación Decimal Universal (CDU) para as bibliotecas escolares galegas iniciada en 2004.
Continuando con esta liña de traballo, dende a Asesoría de Bibliotecas Escolares poñemos a disposición dos centros as miniaturas correspondentes ao citado cartel, para que cada equipo as poida empregar do xeito que considere máis oportuno.
Os cadriños atópanse en diferentes tamaños, a toda cor e en formato imprimible A4. No caso de que algún dos centros precise outro formato ou definición poderase poñer en contacto coa Asesoría de Bibliotecas por correo electrónico explicando as súas necesidades.
Enlaces de descarga:
O CEIP de Outes elaborou uns rótulos da CDU para a súa biblioteca, partindo desas iconas, que pon á nosa disposición neste documento.
A propósito do CONCURSO "XOGANDO COA CDU"
Co gallo do Día da Biblioteca, o pasado 24 de outubro, convocouse o certame "XOGANDO COA CDU" destinado aos equipos de bibliotecas dos centros educativos galegos, coa finalidade de estimular a creación de materiais para as actividades de formación de persoas usuarias da biblioteca escolar, tomando como base o cartel CDU ILUSTRADA, remitido ás bibliotecas galegas a comezos de setembro de 2018.
Desde a Asesoría de bibliotecas escolares elaborouse un documento de apoio, para lembrar o que é a Clasificación Decimal Universal e a súa adaptación ás bibliotecas escolares, proposta xa en 2004, nos inicios desta Asesoría. Este documento revisado pretende apoiar ao profesorado no seu labor de formación de usuarios e usuarias e, tamén, aos equipos de voluntarios e voluntarias da biblioteca escolar. Pode descargarse e empregarse do xeito que os docentes consideren máis oportuno.
Lémbrase que o prazo para presentar as propostas ao concurso XOGANDO COA CDU remata o 23 de novembro.
Datos de contacto co CAU Periférico (atención técnica de usuarios de MEIGA)
As bibliotecas escolares informatizadas co programa MEIGA, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (Secretaría Xeral de Cultura), poden acceder ao apoio técnico en relación con esta aplicación informática, a través do CAU PERIFÉRICO (Centro de Atención a Usuarios Periférico ou de nivel específico), da Xunta de Galicia. Os datos de contacto son os seguintes:
Tfno: 881 995 300
Correo electrónico: cau-periferico@xunta.es
A biblioteca debuxada
Desde o CPI Dr. López Suárez, de Friol (Lugo) chéganos este plano-debuxo da biblioteca do centro, con moita información sobre os recursos e as posibilidades que esta ofrece á comunidade educativa. Parabéns!
Pódese ver con máis detalle AQUÍ
Os lectores electrónicos botan a andar o IES Agra de Raíces
A biblioteca do IES Agra de Raíces (Cee) ofrece xa libros electrónicos, mediante o préstamo dos lectores. Un servizo máis da biblioteca escolar. Elaboraron diversa documentación para que este servizo funcione con maior eficacia:
|
Recursos electrónicos na biblioteca escolar
Unha das funcións máis importantes da biblioteca escolar é a de seleccionar recursos electrónicos en función das necesidades do centro, sempre ao servizo do desenvolvemento do currículo e a formación de lectores competentes. Estes recursos deben estar clasificados cun estandar, como a CDU, e dispoñibles para toda a comunidade educativa (por exemplo, a través do blogue da biblioteca escolar, integrado así mesmo na páxina web do centro). Nno blogue da biblioteca do CPI Luís Díaz Moreno (Barralla, Lugo) atopamos unha sección titulada Recursos CD, na que aparecen recollidos unha importante cantidade de espazos web e materiais, seleccionados e clasificados segundo os distintos apartados da CDU, e tamén, dispoñibles para tod@s. Un bo exemplo, sen dúbida. Cómprenos agora establecer un sistema para integrar nun só espazo os recursos seleccionados por distintas bibliotecas, co fin de rendabilizar esforzos e aproveitar todos a enerxía posta nestas actividades. Niso andamos. |
Instrumentos para a avaliación do uso da biblioteca escolar
A biblioteca escolar ten necesidade, e mesmo obriga, de avaliar os servizos que ofrece, así como o uso que destes servizos e dos recursos dispoñibles fai a comunidade educativa, co fin de mellorar e avanzar.
As ferramentas dispoñibles para realizar esta avaliación son diversas, en función tamén da finalidade da avaliación e dos aspectos que se queiran medir.
- CUESTIONARIO para "fotografar" dunha forma áxil a presenza da biblioteca escolar no centro.
- Bibliotecas escolares ¿entre interrogantes? Ferramenta de autoavaliación , con diversos itinerarios para realizara análise dos distintos aspectos da biblioteca como centro de recursos de lectura, información e aprendizaje no centro.
- Cuestionarios de uso da biblioteca escolar e hábitos de lectura: PRIMARIA -- SECUNDARIA -- PROFESORADO
Pola súa parte, os centros educativos van elaborando os seus propios instrumentos de valoración. Velaquí temos dous excelentes exemplos de enquisa elaborados polo equipo de biblioteca do IES A Pastoriza (Arteixo) destinados a coñecer o uso da biblioteca escolar e recabar información e suxestións para a súa mellora (no caso de querer empregalas, consultar coa persoa responsable da biblioteca, no propio centro).
Recursos da web social para as bibliotecas
Presentación de Natalia Arroyo, da Fundación Germán Sánchez Ruipérez, nas II Jornadas de Actualización Bibliotecaria y Formación de Monitores de Clubs de Lectura, celebradas en Cáceres, na Biblioteca Pública do Estado (2009). Polo seu interese, aínda vixente, difundímula a través desta páxina, pois conecta co camiño emprendido por moitas das bibliotecas escolares galegas, e achega recursos para avanzar. Aíinda que a tecnoloxía foi evolucionando en tres anos de forma significativa, o fundamental, a base da biblioteca 2.0, está recollido neste traballo, que agradecemos. Fonte Biblioteca 2.0
Biblioteca e comunidade escolar
Comeza un novo ano escolar e as bibliotecas prepáranse para recibir ao alumnado; moitas delas, contemplan nos seus programas, tamén, actividades para as familias, nese intento (sempre ben recibido) de involucrar a nais e pais na formación dos novos lectores.
Neste DÍPTICO, Biblioteca e comunidade escolar, sinálanse algunhas das actividades máis frecuentes e que mellor resultado veñen dando desde hai anos, pois poñen en valor os libros, a lectura e o acceso ao coñecemento; facilitan orientación a nais e pais nestes temas; posibilitan a súa colaboración; aproveitan o entusiasmo e o bo facer daquelas familias que queren contribuír á construción dunha escola máis aberta e mellor para os seus fillos e fillas.
Hora de botar contas, de facer números, de ver indicadores... Hora de avaliar.
A cultura da avaliación entrou nas bibliotecas escolares galegas e vaise asentando, poñendo de manifesto a profesionalidade do profesorado que as xestiona e lles dá vida. Se ben o indicador do préstamo vai perdendo protagonismo fronte a outros de maior significado, o certo é que este servizo é un dos máis importantes na biblioteca escolar. Unha ollada atenta á súa evolución dentro dun centro pode servir para reorientar as decisións a tomar na política de adquisicións, no necesario equilibrio da colección, na planificación de novas propostas e servizos.
Velaquí os datos do préstamo dunha biblioteca escolar, a do IES As Mariñas, de Betanzos, correspondente ao curso que remata, e o gráfico da evolución do préstamo nos últimos cursos, así como a interesante valoración que fan os responsables da biblioteca destes datos.
Guias para axudantes da biblioteca
Unha das fórmulas para integrar ao alumnado na xestión e dinamización da biblioteca escolar, avanzando así na súa formación en tanto que usuarios da biblioteca, e favorecendo a súa participación, é a de formar equipos de colaboradores. Cómpre que este alumnado reciba unha formación básica e, despois, actuará baixo a dirección do profesorado da biblioteca escolar. Pero a súa colaboración non se debe desdeñar e os resultados respecto da implicación deste alumnado nas actividades de busca de información ou de animación á lectura son o suficientemente interesantes como para telos en conta. Velaquí exemplos de guías para axudantes da biblioteca, que poden resultar de interese para fomentar esta participación e garantir enha eficacia mínima.
Recursos electrónicos na Rede
En datas recentes déronse a coñecer na Rede dous novos recursos electrónicos de grande interese para as bibliotecas escolares:
- A Biblioteca Escolar Digital, posta en marcha pola Fundación Germán Sánchez Ruiperez
- Europeana, a biblioteca multimedia en liña da Unión Europea.
Por outra parte, as bibliotecas escolares que estean integradas no Proxecto Meiga teñen ao seu alcance, grazas aos acordos entre as Consellerías de Educación e Cultura da Xunta de Galicia, diversos recursos electrónicos de acceso restrinxido. Para acceder a eles, só é necesario ingresar a través da páxina da Rede de Bibliotecas de Galicia, co número de lector da biblioteca escolar correspondente e nome ou apelidos do lector ou lectora como contraseña.
Neste mesmo portal do sistema bibliotecario galego existe un apartado de recursos electrónicos dispoñibles na Rede seleccionados, en función do seu interese informativo e pedagóxico, por un grupo formado por bibliotecari@s da rede de bibliotecas públicas e da rede de bibliotecas escolares de Galicia.
Guías de uso da biblioteca escolar
As bibliotecas escolares poden e deben facer difusión dos seus servizos, ao tempo que facilitan a formación de usuarios e a educación documental. Algúns exemplos deste tipo de materiais:
- Guía de usuarios. Biblioteca escolar do IES Afonso X O Sabio, de Cambre.
- Guía da biblioteca. IES Afonso X O Sabio, de Cambre
- Guía de uso. Biblioteca Escolar IES As Mariñas, de Betanzos.
A estas guías, únese agora a Guía da Biblioteca do CEIP Milladoiro, de Malpica: un bo exemplo, tamén, das transformacións que están a "gozar" as bibliotecas escolares deste país, grazas aos recursos que as administracións van dispoñendo, a través por exemplo do Plan de mellora de bibliotecas escolares, pero especialmente, grazas ao traballo cotián, ao entusiasmo e á convición do profesorado que tira delas e que inviste estes recursos en beneficio sempre dunha mellora da calidade do ensino do alumnado.
- APIs de Blogue
CDU para as bibliotecas escolares
Dende a creación da Asesoría de bibliotecas escolares púxose a disposición dos responsables das bibliotecas escolares de Galicia unha adaptación da CDU que servise ás necesidades e características destas.
Pódense descargar os seguintes arquivos, con adaptacións axeitadas para os centros de primaria (nivel 1) ou de secundaria (nivel 2), así como algunhas cuestións básicas sobre as signaturas a colocar nos libros e outros materiais. Elaborouse tamén unha táboa simplificada da CDU, a xeito de recordatorio:
Pautas para o mantemento da colección
Enténdese por colección o conxunto de documentos e recursos de todo tipo, en diversos soportes, que unha biblioteca escolar pon ao servizo dos seus usuarios e usuarias para o desenvolvemento das actividades de ensino e aprendizaxe, busca de información e lectura con distintas finalidades.
No documento Pautas para actualizar a colección recóllense orientacións e criterios para unha selección equilibrada dos fondos da biblioteca escolar.
- APIs de Blogue