Fomento da lectura

Matemática próxima

BIBLIOTECA ESCOLAR E XOGOS MATEMÁTICOS on PhotoPeach

As bibliotecas escolares galegas está a dar vida ao cartel deste curso "Biblioteca escolar... matemático!!!", organizando exposicións de materiais relacionados coas matemáticas, así como actividades para dar a coñecer estes materiais, sesións de xogos matemáticos, acertixos matemáticos, recompilacións literarias relacionadas coas matemáticas e outros... Un exemplo é este vídeo da biblioteca do IES Blanco Amor (Ourense), no que podemos ver a exposición de materiais e unhas imaxes do alumnado en plena actividade. Outras mostras de actividades:

Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas

ENTUSIASMO E PROXIMIDADE SON A CLAVE DA DIVULGACIÓN CIENTÍFICA. Ángel Carracedo.

 

Desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vaise impulsar a celebración anual do mes de novembro como MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO,  do científico Ángel Carracedo, profesor de Medicina Legal, Ética Médica e Bioloxía Molecular da Universidade de Santiago de Compostela. Conocido investigador e divulgador científico, Ángel Carracedo ten colaborado coas bibliotecas, tanto públicas como escolares, na difusión dos valores científicos e do acceso ao coñecemento. 

Desde a Asesoría de bibliotecas escolares realizouse unha recompilación de recursos dixitais relacionados coa ciencia, en galego, que se pon a disposición de todas as bibliotecas: libros e unidades didácticas descargables en formato pdf, páxinas web de institucións, museos e asociacións de profesores e divulgadores científicos, convocatorias e propostas, blogues de ciencia dos centros educativos, experiencias de bibliotecas escolares, etc. 

  • MANIFESTO DE ÁNGEL CARRACEDO
  • FOLLETO INFORMATIVO: MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS
  • MATERIAIS. MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS
  • Amplíase a oferta de maletas viaxeiras

     

    Coincidindo co mes da biblioteca escolar, neste mes de outubro, a Asesoría de Bibliotecas Escolares daba a coñecer unha nova aplicación que, baixo o nome de MALETAS VIAXEIRAS, permite ás bibliotecas dos centros interesados a reserva de maletas de diferentes temáticas para levar en préstamo temporal, como apoio ás súas actividades. 

    Ademais das xa coñecidas sobre cómic, lectura, Camiño de Santiago, Os mundos de Cunqueiro, matemáticas, e materiais para as familias, veñen de incorporarse dúas maletas moi especiais e que poden ser do interese dos centros de ensino secundario e formación profesional. Trátase das maletas de "economía", cunha selección coidada de libros e recursos audiovisuais que poden contribuír ao coñecemento das claves para entender o momento económico e social que vivimos nos últimos anos, pero tamén para introducir ao alumnado no ensaio, un xénero que precisa dun lector específicamente activo. 

    As maletas ofrécense en préstamo temporal (15 días, agás excepcións) e os centros deben recollelas e entregalas na Asesoría de bibliotecas escolares (Consellería de Educación, San Caetano, Santiago de Compostela), persoalmente ou a través dos medios que consideren oportuno.  INSTRUCIÓNS

    Día da biblioteca 2014: un día, moitas propostas

    Poética matemática

    As matemáticas están presentes na vida cotiá, tamén na ficción  e mesmo na poesía. As bibliotecas escolares comezan a compartir recursos moi diversos para facer efectivo o lema deste curso "Biblioteca escolar... matemático!". Destacamos algúns deles relacionados coas  matemáticas e a poesía. 

     

    Imaxe obtida aquí (ver recursos didácticos de matemáticas) 

     

    Convocatoria en apoio dos Clubs de lectura para o curso 2014/2015

    O Portal Educativo publica hoxe a Convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos que, con data 15 de setembro, busca incentivar o funcionamento de clubs de lectura en centros públicos, de titularidade da consellería, que acollan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxima especial (conservatorios, escolas oficiais de idiomas, ensinanzas de persoas adultas e outras). 

    O prazo de presentación de solicitudes remata o 10 de outubro de 2014. 

     

    TEXTO DA CONVOCATORIA

    Imaxe: club de lectura no CPI José García García (Ourense)

    Biblioteca escolar... matemático!!!

     

     

     

     

    Biblioteca escolar... matemático!!! é o lema elixido este ano para o cartel da campaña de comezos de curso nas bibliotecas escolares galegas. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa así a liña iniciada no pasado curso, coa que se pretende incidir na función da biblioteca como apoio ás necesidades das distintas áreas de aprendizaxe. Nesta ocasión, o lema xoga a salientar o papel imprescindible da biblioteca escolar e, ao tempo, quere lembrar a necesidade de espertar o interese polas matemáticas, achegándose a elas de forma natural e incitando a descubrir a súa presenza na natureza e nos obxectos que nos rodean. 

    O ilustrador David Pintor foi o encargado de poñer imaxe ao lema desta campaña e velaquí a súa interpretación: unha biblioteca matemática polos catro costados, chea de vida e ben ilustrativa do que este espazo educativo pode ofrecer ao noso alumnado. 

    Existen xa interesantes experiencias en bibliotecas escolares galegas que contemplan entre as súas actividades propostas concretas arredor das matemáticas. Agardamos que esta  nova iniciativa sirva para apoiar novas propostas e favoreza unha maior presenza desta área do coñecemento nas bibliotecas escolares e no día a día dos centros. 

     

     ACCESO AO CARTEL

    Informe Proxecto Kamishibai (2012-2014)


    Neste vídeo podemos ver a nenas e nenos de 1º B do CEIP Frián-Teis, de Vigo, empregando o kamishibai para a presentación dun dos seus traballos de investigación, neste caso sobre a historia do Rainbow Warrior, a compañeiros seus do cuarto curso de primaria, un bo exemplo das posibilidades deste teatriño xaponés.

    Trala recollida de valoracións dos 15 centros que participaron  no Proxecto Kamishibai no periodo 2012-2014, presentamos un breve infome sobre as posibilidades do kamishibai nas bibliotecas escolares e nas aulas. 

    Entre as conclusións que se extraen das valoracións do profesorado destacamos: "O kamishibai é valorado claramente como un recurso moi útil para as actividades de expresión oral, narracións e recitais dentro da biblioteca escolar. Da mesa forma, considérase un recurso útil para a realización de actividades de expresión plástica e artística. Favorece o traballo e os intercambios colaborativos". Un 80% dos equipos de biblioteca consultados (usuarios do kamishibai), valoran positivamente o kamishibai como recurso para a adquisición de competencias básicas. 

    • "Aprenderon a sintetizar o texto nun só debuxo con trazos moi sinxelos"
    • "É un bo recurso para a atención á diversidade"
    • "Permite traballar distintas competencias de forma diferente"
    •  "Permite mellorar a competencia en comunicación lingüística desde a creación dos propios textos ata a posta en escea traballando a lectura expresiva".

    ACCESO AO INFOME COMPLETO

    Lendo ciencia no IES de Ponteceso


    Desde o departamento de Bioloxía do IES de Ponteceso e, máis concretamente, desde a asignatura de Ciencias pra o Mundo Contemporáneo, chéganos esta presentación de libros lidos polo alumnado no curso 2013/2014. Neste enlace podemos atopar maior información: CIENCIAS MUNDO CONTEMPORÁNEO
    A ciencia nas mans dos mozos e mozas demostra unha vez máis que cando estes son acompañados debidamente, con coñecemento e intención educadora, len moito e len o que se tercie, mesmo que sexa ensaio (ese do que tantos adultos fuxen a cotío). Parabéns á profesora Isabel Segura polo seu empeño en facer da divulgación científica entre o alumnado unha realidade.

    Lecturas para o verán 2014

     

    Van chegando as recomendacións de lectura para o verán que elaboran as bibliotecas escolares galegas. Estas guías de lectura, diversas en forma e contido, supoñen unha ferramenta esencial para as persoas mediadoras, e dan fé do excelente traballo dos equipos de biblioteca dos centros, ofrecendo títulos de libros ou películas, referencia electrónicas ou musicais para toda a comunidade educativa. En conxunto, son un instrumento ao servizo da lectura no noso país, porque detrás destas recomendacións están outras prácticas de gran interese como os préstamos especiais para o verán ou os intercambios bibliotecarios coas bibliotecas públicas municipais de referencia. Velaquí o que o colectivo das bibliotecas escolares recomenda para este periodo vacacional: 

     

    VII Xornada dos Clubs de Lectura

     
    O vindeiro 6 de xuño reuniranse en Compostela os profesores e profesoras que coordinan os clubs de lectura nos centros de ensino secundario de Galicia. Centros que matriculan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional, ensinanzas de persoas adultas, escolas oficiais de idiomas e conservatorios de música. Arredor de 215 mediadores de lectura, comprometidos coa formación do seu alumnado e coa construción dunha sociedade lectora.

    Ao abeiro da convocatoria de axudas a Clubs de lectura deste curso 2013/204, recibiron apoio un total de 209 centros, que contan na súa meirande parte con varios grupos de lectura. Un mínimo dun 25% destes centros teñen tamén un grupo de lectura de adultos, nos que participa profesorado, nais e pais e persoal non docente.

    A VII Xornada dos Clubs de lectura servirá para afondar no coñecemento do papel do mediador e no perfil dos lectores que conforman estes grupos de interese arredor da lectura, os libros, o cine, a música e a cultura en xeral. Haberá tempo para debates arredor de temas como as narrativas transmedia, os clubs de lectura para adultos, en contexto educativo, os clubs temáticos en función dos xéneros ou as disciplinas e, tamén, as posibilidades desta fórmula para traballar a lectura co alumnado de necesidades educativas específicas. Acompañarán ao profesorado participante o especialista en temas de lectura, Luis González, da Fundación Germán Sánchez Ruipérez e o escritor Pedro Feijoo.

    Voluntariado de lectura-A: centros seleccionados.

     

    O pasado día 13 de maio, publicouse no Portal Educativo a resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se daban a coñecer os centros seleccionados na convocatoria do programa VOLUNTARIADO DE LECTURA-A, para participar nunhas Xornadas de Convivencia de voluntariado cultural relacionado coa lectura, que se celebrará na última semana de maio no Centro Residencial Docente de A Coruña.

    Nesta xornada os participantes (unha representación de 12 alumnos/as por centro, acompañados dun profesor ou dunha profesora), asistirán a diversos obradoiros, nos que se incidirá nos valores do voluntariado, con carácter xeral, e nas posibilidades do voluntariado cultural, o cooperativismo, os xogos tradicionais, a narración oral, o labor das ONG, os traballos solidarios e outros. Completarase con visitas a unha biblioteca e ás instalacións dunha ONG, onde desenvolverán diversas actividades. As nenas e nenos participantes tamén terán ocasión de presentar as actividades de voluntariado de lectura que levaron a cabo durante o curso ao resto de asistentes.

    Como actividade integrada nos programas de voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, todo o alumnado protagonista na xestión das actividades recollidas nas memorias dos diferentes centros participantes, durante o curso 2013/2014,  recibirá un diploma acreditativo polo seu labor de voluntariado de lectura.

     

    Maio, mes das Letras: Xosé María Díaz Castro - IV


     Paco Nogueiras canta ao poeta Díaz Castro

    • O grupo Fuxan os Ventos súmase á celebración do Día das Letras con esta versión do poema Penélope, de Díaz Castro, que poñen a disposición de todas as persoas interesadas na súa páxina de facebook
    • O profesor de música do CEIP Fernández Latorre de A Coruña musicou o poema Esmeralda. Coñecémola a través do CEIP Milladoiro (Malpica) Canta unha alumna de 4º do CEIP Fdez. Latorre
    • Esmeralda, en versión musical da profesora de música do IES Poeta Díaz Castro
    • Esa Lus, poema de Díaz Castro nas voces de alumns do IES Poeta Díaz Castro 
    • Nimbos, en versión de 2naFronteira
    • Penélope, na versión do alumnado do IES Fermín Bouza Brey (Vilagarcía de Arousa)  

    Maio, mes das Letras: Xosé María Díaz Castro - I

     

    Un ano máis, o alumnado do CPI dos Dices (Rois, A Coruña), baixo a dirección de Luís Aldegunde, achéganos o seu telexornal dedicado á figura que concita todas as miradas no mes das Letras Galegas, neste 2014 o poeta Xosé María Díaz Castro. Estes "informativos"son un bo exemplo de "proxecto" parara a educación informacional e mediática do alumnado: ten como obxectivo a realización dun "produto audiovisual" e o proceso esixe un importante esforzo de planificación, documentación e posta en práctica de habilidades e competencias clave, entre outras, de comunicación lingüística e de competencia dixital e de uso e tratamento da información. 

     


    Xosé Mª Díaz Castro foi motivo xa de estudo por parte do alumnado do IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz, neste documental que contribuíu, sen dúbida, á proclamación deste poeta como referente para a conmemoración do Día das Letras Galegas do ano 2014.

    Hänsel e Gretel, dos Irmáns Grimm, en versión para kamishibai


    Adaptacion do conto dos Irmáns Grimm, a partir da versión "A casiña de chocolate" publicada pola editorial Galaxia, con ilustracións realizadas polo alumnado de 1º B do CEIP A Gándara (Monforte de Lemos), para kamishibai.  

    23 de abril, Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor 2014

     

     

    O mes de abril ofrece dúas datas únicas para reforzar os vínculos entre os lectores e os libros. As bibliotecas escolares aproveitan estes fitos no calendario civil con finalidade de achegar á comunidade educativa, no seu conxunto, os recursos culturais dos que dispoñen e dando visibilidade ás actividades que realizana prol da lectura.

    O 23 de abril, Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor desde a súa declaración pola UNESCO en 1995, aglutina moitas vontades, como a da Directora Xeral da UNESCO, Irina Bokova quen, na súa mensaxe para este ano 2014 afirma: 

    «...A nosa finalidade está clara: alentar aos autores e artistas e velar por que a alfabetización e os formatos accesibles cheguen a máis mulleres e homes, porque os libros son as nosas ferramentas máis poderosas para erradicar a pobreza e construír a paz.»

    Coma en anos anteriores, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica un pequeno marcapáxinas para lembrar esta data, cun texto inédito dunha autora ou autor que xenerosamente o cede para as Bibliotecas Escolares de Galicia.  Nesta ocasión o texto que inclúe este punto de lectura é do escritor Paco Martín, de quen se cumpren 30 anos desde a publicación do seu libro "As cousas de Ramón Lamote", primeiro premio Barco de Vapor, da Editorial SM para un texto en galego. Foi tamén o primeiro libro galego recoñecido co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil (1986) e, tamén, o primeiro libro galego que ingresa na lista dos White Ravens (1988), un catálogo de libros imprescindibles para a infancia e a adolescencia

    "A festra aberta ao ar vivivficador, franca aos saberes, ao pensamento diverso, ao voo da imaxinación, á descuberta verturosa de novos mundos, ao espello substancial do propio ser...  O libro!" 

     TEXTO COMPLETO (recoméndase descargar ao seu equipo ou mudar de navegador no caso de que haxa problemas para visionalo) 

    "O libro esculpe lectores", recreación feita a partir deste marcapáxinas, pola responsable da Biblioteca  BN, da EEI Barrionovo (Arteixo), María Pousa. 

    Actividades arredor do Día do Libro nas bibliotecas escolares galegas

    Algúns exemplos da actividade xerada polas bibliotecas escolares galegas arredor do Día do Libro neste curso 2013/2014: 

     

    Os 40 libros galegos máis repetidos nos itinerarios lectores

     

     

    En datas recentes, desde a Asesoría de bibliotecas escolares fíxose unha consulta urxente aos centros PLAMBE  solicitando a relación de títulos galegos que se incluían nos itinerarios lectores (é dicir, os libros de lectura recomendada desde ciclos ou departamentos para o presente curso escolar). Dunha mostra de 30 centros  que particparon coas súas respostas, seleccionamos os "40 principais"; os 40 libros galegos que máis se repiten nos centros no presente curso. 

    Cómpre dicir que a variedade é moita, pois o listado total recollido ten un total de 758 títulos (para alumnado de primaria ou secundaria). 

     

    Lecturas en primavera

    Comezan a chegar as recomendacións de lecturas que as bibliotecas escolares preparan para o alumnado neste tempo de descanso que se aveciña. Son as "lecturas de primavera", con textos narrativos e poético, banda deseñada, cine, música ou enderezos web de interese. Velaquí algúns exemplos: 

    "Tui lee"

     

    As bibliotecas dos centros educativos de Tui, xunto coa Biblioteca Pública Municipal, organizaron unha vez máis o encontro de lectura TUI LEE, co gallo da celebración do Día Internacional do Libro Infantil,  desta vez no Claustro gótico da catedral de Tui. Esta festa da lectura que vai xa pola súa V convocatoria, acolleu a máis dun milleiro de rapaces e rapazas que compartiron lecturas, recitais, música, danza e dramatización, xunto co seu profesorado e cos avós que quixeron achegarse a esta festa cultural. No blogue da biblioteca do IES SAN PAIO, un dos organizadores, podemos ler unha pequena crónica deste día. 

    Ademais da Biblioteca Pública Municipal, participaron alumnado dos
    seguintes centros: CEIP nº 1, CEIP Nº 2, CEIP Pazos, CEIP Randufe, CEIP
    Guillarei
    , CRA Mestra Clara Torres, CEIP Rebordáns,IES San Paio, IES
    Indalecio Pérez, Seminario de Tui e Colexio dos Maristas. 

    2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil

     

    Comeza abril cunha data esencial para lembrar a importancia de ofrecer libros de calidade aos nenos e nenas: 2 de abril, o Día Internacional do Libro Infantil, que se celebra en conmemoración do nacemento de Hans Christian Andersen. Tódos os anos, a IBBY (Internacional Board on Books for Young People) encarga unha imaxe e un texto a un autor dun país en concreto. Desta vez son irlandesas os autoras que poñen rostro e voz ao libro infantil e á lectura como actividade esencial na formación das persoas: Siobhán Parkinson é a autora do texto "Carta aos nenos do mundo" e Niamh Sharkey ilustra o cartel conmemorativo. 

    Agradecemos a GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) a difusión destes materiais. Tamén Galix encárgase de recoller as tarxetas postais para o concurso da OEPLI "Invita a Andersen".  Máis información AQUÍ 

     

     

     

    Xogando... "ás bibliotecas"

    Desde o CEIP Saco e Arce (Toén, Ourense), chéganos esta reprodución dunha situación real que se deu na biblioteca e que dá conta da importancia que cobran xa as rutinas "bibliotecarias" na vida cotiá das nenas e dos nenos deste centro. Porque "xogar ás bibliotecas" tamén é divertido!

    Moita, moita poesía...

    O curso precipítase cara ao mes dos libros, pero antes fai unha paradiña na poesía, de forma significativa. O día 21 de marzo  celébrase o Día Mundial da Poesía. a instancias da UNESCO, e as bibliotecas escolares aproveitan para estimula a lectura deste xénero e para encher corredores e aulas de palabra poética. 

    "Como expresión profunda do espírito humano, como arte universal, a poesía é unha ferramenta de diálogo e achegamento. Ao dar acceso á expresión auténtica dunha lingua, a difusión da poesía contribúe ao diálogo entre as culturas e ao entendemento mutuo", afirma Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO, con motivo desta celebración.

    Velaquí algúns materiais e iniciativas levadas a cabo polas bibliotecas escolares: 

    E como achega de interese, incorporamos aquí a entrada que fixo Agustín Fernández Paz no seu blog para este día: Chove para que eu soñe, tomando prestado o verso de Uxío Novoneyra.