VII Xornada dos Clubs de Lectura from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.
Van chegando as recomendacións de lectura para o verán que elaboran as bibliotecas escolares galegas. Estas guías de lectura, diversas en forma e contido, supoñen unha ferramenta esencial para as persoas mediadoras, e dan fé do excelente traballo dos equipos de biblioteca dos centros, ofrecendo títulos de libros ou películas, referencia electrónicas ou musicais para toda a comunidade educativa. En conxunto, son un instrumento ao servizo da lectura no noso país, porque detrás destas recomendacións están outras prácticas de gran interese como os préstamos especiais para o verán ou os intercambios bibliotecarios coas bibliotecas públicas municipais de referencia. Velaquí o que o colectivo das bibliotecas escolares recomenda para este periodo vacacional:
Ao abeiro da convocatoria de axudas a Clubs de lectura deste curso 2013/204, recibiron apoio un total de 209 centros, que contan na súa meirande parte con varios grupos de lectura. Un mínimo dun 25% destes centros teñen tamén un grupo de lectura de adultos, nos que participa profesorado, nais e pais e persoal non docente.
A VII Xornada dos Clubs de lectura servirá para afondar no coñecemento do papel do mediador e no perfil dos lectores que conforman estes grupos de interese arredor da lectura, os libros, o cine, a música e a cultura en xeral. Haberá tempo para debates arredor de temas como as narrativas transmedia, os clubs de lectura para adultos, en contexto educativo, os clubs temáticos en función dos xéneros ou as disciplinas e, tamén, as posibilidades desta fórmula para traballar a lectura co alumnado de necesidades educativas específicas. Acompañarán ao profesorado participante o especialista en temas de lectura, Luis González, da Fundación Germán Sánchez Ruipérez e o escritor Pedro Feijoo.
O pasado día 13 de maio, publicouse no Portal Educativo a resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se daban a coñecer os centros seleccionados na convocatoria do programa VOLUNTARIADO DE LECTURA-A, para participar nunhas Xornadas de Convivencia de voluntariado cultural relacionado coa lectura, que se celebrará na última semana de maio no Centro Residencial Docente de A Coruña.
Nesta xornada os participantes (unha representación de 12 alumnos/as por centro, acompañados dun profesor ou dunha profesora), asistirán a diversos obradoiros, nos que se incidirá nos valores do voluntariado, con carácter xeral, e nas posibilidades do voluntariado cultural, o cooperativismo, os xogos tradicionais, a narración oral, o labor das ONG, os traballos solidarios e outros. Completarase con visitas a unha biblioteca e ás instalacións dunha ONG, onde desenvolverán diversas actividades. As nenas e nenos participantes tamén terán ocasión de presentar as actividades de voluntariado de lectura que levaron a cabo durante o curso ao resto de asistentes.
Como actividade integrada nos programas de voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, todo o alumnado protagonista na xestión das actividades recollidas nas memorias dos diferentes centros participantes, durante o curso 2013/2014, recibirá un diploma acreditativo polo seu labor de voluntariado de lectura.
Paco Nogueiras canta ao poeta Díaz Castro
Un ano máis, o alumnado do CPI dos Dices (Rois, A Coruña), baixo a dirección de Luís Aldegunde, achéganos o seu telexornal dedicado á figura que concita todas as miradas no mes das Letras Galegas, neste 2014 o poeta Xosé María Díaz Castro. Estes "informativos"son un bo exemplo de "proxecto" parara a educación informacional e mediática do alumnado: ten como obxectivo a realización dun "produto audiovisual" e o proceso esixe un importante esforzo de planificación, documentación e posta en práctica de habilidades e competencias clave, entre outras, de comunicación lingüística e de competencia dixital e de uso e tratamento da información.
|
O mes de abril ofrece dúas datas únicas para reforzar os vínculos entre os lectores e os libros. As bibliotecas escolares aproveitan estes fitos no calendario civil con finalidade de achegar á comunidade educativa, no seu conxunto, os recursos culturais dos que dispoñen e dando visibilidade ás actividades que realizana prol da lectura. O 23 de abril, Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor desde a súa declaración pola UNESCO en 1995, aglutina moitas vontades, como a da Directora Xeral da UNESCO, Irina Bokova quen, na súa mensaxe para este ano 2014 afirma: «...A nosa finalidade está clara: alentar aos autores e artistas e velar por que a alfabetización e os formatos accesibles cheguen a máis mulleres e homes, porque os libros son as nosas ferramentas máis poderosas para erradicar a pobreza e construír a paz.» Coma en anos anteriores, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica un pequeno marcapáxinas para lembrar esta data, cun texto inédito dunha autora ou autor que xenerosamente o cede para as Bibliotecas Escolares de Galicia. Nesta ocasión o texto que inclúe este punto de lectura é do escritor Paco Martín, de quen se cumpren 30 anos desde a publicación do seu libro "As cousas de Ramón Lamote", primeiro premio Barco de Vapor, da Editorial SM para un texto en galego. Foi tamén o primeiro libro galego recoñecido co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil (1986) e, tamén, o primeiro libro galego que ingresa na lista dos White Ravens (1988), un catálogo de libros imprescindibles para a infancia e a adolescencia: "A festra aberta ao ar vivivficador, franca aos saberes, ao pensamento diverso, ao voo da imaxinación, á descuberta verturosa de novos mundos, ao espello substancial do propio ser... O libro!" TEXTO COMPLETO (recoméndase descargar ao seu equipo ou mudar de navegador no caso de que haxa problemas para visionalo) "O libro esculpe lectores", recreación feita a partir deste marcapáxinas, pola responsable da Biblioteca BN, da EEI Barrionovo (Arteixo), María Pousa. |
En datas recentes, desde a Asesoría de bibliotecas escolares fíxose unha consulta urxente aos centros PLAMBE solicitando a relación de títulos galegos que se incluían nos itinerarios lectores (é dicir, os libros de lectura recomendada desde ciclos ou departamentos para o presente curso escolar). Dunha mostra de 30 centros que particparon coas súas respostas, seleccionamos os "40 principais"; os 40 libros galegos que máis se repiten nos centros no presente curso. Cómpre dicir que a variedade é moita, pois o listado total recollido ten un total de 758 títulos (para alumnado de primaria ou secundaria).
|
Comezan a chegar as recomendacións de lecturas que as bibliotecas escolares preparan para o alumnado neste tempo de descanso que se aveciña. Son as "lecturas de primavera", con textos narrativos e poético, banda deseñada, cine, música ou enderezos web de interese. Velaquí algúns exemplos:
|
As bibliotecas dos centros educativos de Tui, xunto coa Biblioteca Pública Municipal, organizaron unha vez máis o encontro de lectura TUI LEE, co gallo da celebración do Día Internacional do Libro Infantil, desta vez no Claustro gótico da catedral de Tui. Esta festa da lectura que vai xa pola súa V convocatoria, acolleu a máis dun milleiro de rapaces e rapazas que compartiron lecturas, recitais, música, danza e dramatización, xunto co seu profesorado e cos avós que quixeron achegarse a esta festa cultural. No blogue da biblioteca do IES SAN PAIO, un dos organizadores, podemos ler unha pequena crónica deste día.
Ademais da Biblioteca Pública Municipal, participaron alumnado dos |
Comeza abril cunha data esencial para lembrar a importancia de ofrecer libros de calidade aos nenos e nenas: 2 de abril, o Día Internacional do Libro Infantil, que se celebra en conmemoración do nacemento de Hans Christian Andersen. Tódos os anos, a IBBY (Internacional Board on Books for Young People) encarga unha imaxe e un texto a un autor dun país en concreto. Desta vez son irlandesas os autoras que poñen rostro e voz ao libro infantil e á lectura como actividade esencial na formación das persoas: Siobhán Parkinson é a autora do texto "Carta aos nenos do mundo" e Niamh Sharkey ilustra o cartel conmemorativo.
Agradecemos a GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) a difusión destes materiais. Tamén Galix encárgase de recoller as tarxetas postais para o concurso da OEPLI "Invita a Andersen". Máis información AQUÍ
Desde o CEIP Saco e Arce (Toén, Ourense), chéganos esta reprodución dunha situación real que se deu na biblioteca e que dá conta da importancia que cobran xa as rutinas "bibliotecarias" na vida cotiá das nenas e dos nenos deste centro. Porque "xogar ás bibliotecas" tamén é divertido!
O curso precipítase cara ao mes dos libros, pero antes fai unha paradiña na poesía, de forma significativa. O día 21 de marzo celébrase o Día Mundial da Poesía. a instancias da UNESCO, e as bibliotecas escolares aproveitan para estimula a lectura deste xénero e para encher corredores e aulas de palabra poética.
"Como expresión profunda do espírito humano, como arte universal, a poesía é unha ferramenta de diálogo e achegamento. Ao dar acceso á expresión auténtica dunha lingua, a difusión da poesía contribúe ao diálogo entre as culturas e ao entendemento mutuo", afirma Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO, con motivo desta celebración.
Velaquí algúns materiais e iniciativas levadas a cabo polas bibliotecas escolares:
E como achega de interese, incorporamos aquí a entrada que fixo Agustín Fernández Paz no seu blog para este día: Chove para que eu soñe, tomando prestado o verso de Uxío Novoneyra.
Febreiro garda unha data con tintes comerciais pero que se pode aproveitar para achegar a rapazada á poesía e a narración amorosa. As bibliotecas escolares, atentas aos intereses do alumnado, búscanlle as voltas ao 14 de febreiro e propoñen lecturas de autores clásicos e actuais. A cuestión é dar vida e voz aos textos que expresan un dos sentimentos máis potentes do corazón humano.
Son moitas as bibliotecas que contan con alumnado colaborador e todas e todos eles están realizando, de seguro, unha actividade de voluntariado cultural, de voluntariado de lectura. Na imaxe,colaboradora de biblioteca do CEIP Mestres Goldar (Vigo)
Pero ademais, algúns centros acolléronse á iniciativa "Voluntariado de Lectura -A" da Consellería de Cultura, Educación e O.U., que procura, en consonancia con esta dinámica xa creada nas bibliotecas escolares, contribuír á formación das nenos e dos nenos en actitudes de solidaridade e de colaboración ao ben común e, tamén, vinculalos á actividade lectora. Comezan a chegar algunhas novas sobre actividades encadradas nesta iniciativa:
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Unniversitaria fai pública no Portal Educativo, a resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se resolve a convocatoria para incentivar o funcionamento de Clubs de lectura en centros públicos de ensino secundario (ESO, BAC, FP, Ensinanzas de Adultos, Ensinanzas de Réxime Especial), para o curso 2013/2014. Un total de 209 centros con club de lectura (un ou varios grupos) reciben axuda para o funcionamento desta iniciativa, encadrada no programa Hora de ler, para o fomento da lectura nos centros de ensino.
O Portal Educativo publica hoxe a relación de centros inscritos na iniciativa denominada "Voluntariado de lectura - A", da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, destinada a recoñecer o traballo do alumnado do 3º Ciclo de Primaria que participa ns grupos de colaboradores de biblioteca do seu centro, e noutras actividades de lectura compartida, dentro ou fóra do centro. Os centros participantes enviarán memoria das actividades realizadas antes do 30 de abril de 2014. |
LER CIENCIA NA BIBLIOTECA ESCOLAR on PhotoPeach
A biblioteca do IES Blanco Amor, de Ourense, aproveitou a data do 24 de outubro, Día da Biblioteca, e o cartel editado este curso pola consellería, para estimular a lectura científica entre o seu alumnado e para dar a coñecer á comunidade educativa os recursos informativos que ten á súa disposición. Esta exposición aproveitaba para difundir as posibilidades da biblitoeca escolar, da biblioteca municipal máis próxima así como da biblioteca nodal de Ourense.
Tamén no IES Torrente Ballester, de Pontevedra organizaron unha exposición de materiais relacionados coas ciencias. Ver AQUÍ
As bibliotecas escolares contemplan nos seus programas algunhas actividades pensadas para implicar ás familias na formación dos nenos e nenas como lectores. As mochilas viaxeiras ou as bolsas destinadas ao alumnado de infantil, e que serven para gardar o libro que collen en préstamo na biblioteca para levar á casa, son dous exemplos destes LIBROS QUE VAN E VEÑEN e que vinculan á biblioteca coa casa, espazos privilexiados para inciar aos máis pequenos na lectura. Editouse un tríptico informativo sobre as distintas posibilidades de colaboración entre a biblioteca e as familias que se envía xunto coas bolsas de "libros que van e veñen". A modo de exemplo:
As bibliotecas poden ofrecer: