Novos artigos sobre bibliotecas escolares na Revista EDUGA de decembro de 2021

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de facer público o novo número da Revista Galega do Ensino (EDUGA), que conta cunha sección fixa de Bibliotecas Escolares. Neste número 82 de decembro de 2021 pubícanse un total de sete artigos, nas tres sub-seccións: Biblioteca escolar, Boas prácticasHora de ler. Nestes artigos, atopamos reflexións e actividades sobre as posibilidades do traballo coa linguaxe oral na biblioteca escolar de xeito xeral e a través de programas como Radio na biblio, Biblioteca Creativa ou Clubs de lectura; sobre a alfabetización mediática e informacional na biblioteca creativa e o traballo por proxectos e a biblioteca como motor de inclusión.
 

Falar e escoitar: outras caras da linguaxe

Aurora Ramilo Alfaya

CEIP P. de Leirado (Salvaterra de Miño-Pontevedra) 

 

A palabra habita a biblioteca escolar

Cristina Novoa Fernández 

 

O club de lectura como escusa

Juan Manuel Vázquez

IES Lama das Quendas (Chantada-Lugo) 

 

Obradoiro na Biblioteca Creativa

Paola Guimerans e Diego Rúa 

 

BiblioMaraña ten a palabra 

Laura Gómez Gómez

CEIP P. Vilar de Barrio (Vilar de Barrio-Ourense) 

 

A biblioteca como motor inclusivo

Nuria Garrido, Cruz Rivas e Fátima Rodríguez

IES Antón Alonso Rivas (Tomiño-Pontevedra) 

 

 

Os instrumentos do Pórtico da Gloria 

Rafael Sánchez-Agustino e Cristina Campos

CEIP A Lama (A Lama-Pontevedra) 

Lecturas para iluminar os días escuros - 2021

 
 
Achéganse os días de lecer que coinciden cos primeiros días do inverno, co tempo frío e a pouca luz no exterior. Son ocasión fantástica para ocupar parte do tempo na lectura, sós ou en compañía de amigos ou familiares.
 
As bibliotecas escolares comezan a difundir as súas recomendacións de lectura (tamén de cine, música, xogos, apps, fontes dixitais de interese...). Diferentes en propostas, en contido, en deseño... todas elas responden ao interese dos equipos de biblioteca por facilitar  unha escolla axeitada á hora de agasallar . Buscan, tamén, que as lectoras e os lectores desenvolvan autonomía á hora de seleccionar as súas propias lecturas, aprendendo a mirar nos libros máis aló da súa capa e das estratexias do mercado, aprendendo a escoller con criterio. 
 
Son propostas feitas desde a especialización dos integrantes dos equipos de biblioteca. Reflicten a variedade de oferta que a industria editorial galega e foránea pon a disposición das persoas lectoras. Son, pois, un instrumento para o fomento da lectura especialmente cando inclúen unha pequena recensión que orienta sobre o contido de cada un dos títulos seleccionados. Orientacións que inclúen a recomendación da compra no comercio de proximidade.
 
Imaxe de Cristina Novoa
 
As bibliotecas escolares galegas recomendan: 
 

Resolución da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2021/2022


 
 
O Portal Educativo vén de publicar a resolución definitiva da Convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2021/2022, segundo Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos do 20 de decembro de 2021. Distribúense contías, por un importe global de 400.000 €, para o funcionamento de grupos de lectura en 346 centros públicos que matriculan alumnado de ensino primario, secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime xeral.
 
Estas asignacións estarán destinadas nun mínimo do 75% á adquisición de libros para o desenvolvemento da actividade propia do club, a lectura (os libros que se adquirirán pasarán a integrarse na colección da biblioteca escolar); un máximo do 25% poderá destinarse a costear actividades complementarias do club tales como encontros con creadores/as, visitas culturais relacionadas con librerías, bibliotecas, encontros con outros clubs, visionado de películas ou asistenca ao teatro, sempre relacionadas coa actividade dos grupos de lectura.
 
 
Na imaxe, club de lectura "Lendo no Galiñeiro" do IES Valadares (Vigo-Pontevedra)
 

Materiais da Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia 2021

 


 O pasado 20 de novembro de 2021 celebrouse, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, a  Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia 2021  que reuniu, presencialmente, a preto de 600 persoas, entre participantes, relatores e asesores e asesoras de formación do profesorado.

 
 
No enlace que adxuntamos a redeBE podedes acceder aos vídeos das presentacións e aos materiais aportados  polos poñentes.
 

Bibliotecas Escolares Solidarias. Centros inscritos nos programas de voluntariado para o curso 2021/2022 (primaria e secundaria

 

 
 
Portal Educativo publicou as relacións de centros que se adscriben a dúas das accións incluídas no programa Bibliotecas Escolares Solidarias, segundo a convocatoria deste programa do  15 de novembro de 2021.
 
VOLUNTARIADO DE LECTURA-A (alumnado de 5º e 6º de primaria): 68 centros inscritos. 
 
VOLUNTARIADO NA BIBLIOTECA ESCOLAR(alumnado de ensino secundario): 105 centros adheridos.
 
Esta é unha iniciativa da Consellería de Cultura Educación e Universidade  (Dirección Xeral de Centros e RR HH) en colaboración coa Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
 

Traballos seleccionados no VII Concurso de Traballo por Proxectos coordinados ou co apoio da biblioteca escolar

 
Está xa publicada no Portal Educativo a resolución do VII CONCURSO DE TRABALLO POR PROXECTOS realizados durante o curso 2020/2021 baixo a coordinación (ou coa participación) da biblioteca escolar.
 
Seleccionáronse 20 traballos de entre os 66  presentados desde diferentes centros. Algunhas sub-modalidades ficaron desertas pero distribuíronse os premios dispoñibles seleccionando máis centros de modalidades con moita participación e alto nivel de calidade.
 
Este concurso busca estimular, mediante o recoñecemento de boas prácticas, o deseño e desenvolvemento de proxectos de carácter interdisciplinario ou de proxectos de investigación, baixo a coordinación da biblioteca ou co apoio desta, na liña da metodoloxía de aprendizaxe baseada en proxectos (ABP). Estos proxectos están propiciando profundos cambios nas dinámicas de traballo dos centros, nos usos dos espazos educativos, na distribución de horarios e grupos, no aproveitamento dos recursos, promovendo unha cultura participativa e colaborativa, emancipadora do alumnado. Parabenizamos ás comunidades educativas que botan a andar estas experiencias, e ao profesorado que as impulsa, deseña, guía, enriquece coa súa profesionalidade e experiencia, e ademáis as difunde e comparte para beneficio común. Existen tamén excelentes exemplos de prácticas de investigación nas modalidades de grupo/nivel ou ciclo/departamento, así como os traballos realizados na materia de libre confuguración de Secundaria "Investigación e Tratamento da Información" ("Aprender a Investigar en Primaria), que poden servir de orientación para outros proxectos. Da mesma forma, os proxectos de investigación intercentros son unha práctica que cómpre estender e que pode dar lugar a experiencias educativas moi enriquecedoras.
 
Na imaxe, o alumnado do CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña)
 
 Modalidade  Centros Seleccionados  Concello  Provincia  Proxecto
 1. Proxectos Documentais Integrados, coordinados desde a biblioteca escolar  CEIP Emilia Pardo Bazán  A Coruña  A Coruña  Paseando con Emilia
 CEIP dos Muíños  Muxía  A Coruña  Facemos camiños
 CEIP P. de Outes  Outes  A Coruña  Mens sana in corpore sano
 IES P. Aquis Celenis  Caldas de Reis  Pontevedra  As palabras no camiño II
 CEIP P. Meaño-As Covas  Meaño  Pontevedra  Botarse ao monte
 CEIP Valle-Inclán  O Grove  Pontevedra  Ardia 2020-2021
 CEIP de Leirado   Salvaterra de Miño  Pontevedra  A tope coa saúde
 CEIP Manuel Padín Truiteiro  Soutomaior  Pontevedra  Viaxe á Idade Media a través do castelo de Soutomaior
  2.a. Proxectos de investigación grupo/nivel  CEIP Pedro Barrié de la Maza  Sada  A Coruña  A nosa Odisea
 CEIP A Lama  A Lama  Pontevedra  Os instrumentos do Pórtico da Gloria
  2.b. Proxectos de investigación ciclo/departamento  CPI Cruz do Sar  Bergondo  A Coruña  Que podo facer eu para... ?
 IES Ramón María Aller Ulloa  Lalín  Pontevedra  Unha aldea global, en perspectiva de xénero
 2.c. Proxectos realizados na materia de 1º/2º da ESO "I.T.I."ou noutras materias equivalentes en ESO ou primaria  IES Xoán Montes  Lugo  Lugo  A caixa de Pandora
 3. Proxectos de investigación intercentros  CEIP Canosa-Rus  Coristanco  A Coruña  Carpiño está en perigo, un mar de valores
 CRA de Culleredo  Culleredo  A Coruña  Carpiño está en perigo, un mar de valores
 4. Proxectos realizados con metodoloxía científica  CIFP de Someso  A Coruña  A Coruña  Crecemento do pelo
 CPI de Cervantes  Cervantes  Lugo  Cervantes 100XCIENcia
 CEIP García Barbón  Vigo  Pontevedra  Cando medre quero ser entomólogo
 IES de Valadares  Vigo  Pontevedra  MeteoValadares
 IES de Valadares  Vigo  Pontevedra  Sensor de CO2

Biblioteca Inclusiva, todos os días do ano

 
 
No ano 1992 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 3 de decembro como Día Internacional das Persoas con Discapacidade. 
 
Este ano o tema do Día Internacional das Persoas con Discapacidade (IDPD) é Liderado e participación das persoas con discapacidade na construción dun mundo  postcovid inclusivo, accesible e sostible. Céntrase  na inclusión da discapacidade resultará nunha resposta fronte á COVID-19 e unha recuperación da crise máis efectiva e igualitaria. No  apoderamiento das persoas con discapacidade para un desenvolvemento  inclusivo, equitativo e sustentable, como se pedía na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable, que se compromete a "non deixar a ninguén atrás" e considera a discapacidade como unha cuestión transversal na implementación dos seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS).
 
Hai catro cursos a Consellería de Cultura, Educación e Universidade iniciou o programa Biblioteca Inclusiva, dentro do Plan LÍA 2016-2020 de Bibliotecas Escolares. Este programa pretende sensibilizar sobre a necesidade de avanzar cara a unha biblioteca que responda realmente ás necesidades de todo o alumnado do centro e que enfronte, dunha forma decidida, os retos que presenta a diversidade.
 
O Plan LÍA 2021-2025 contempla continuar co desenvolvemento do programa de biblioteca inclusiva, na procura  de que as bibliotecas escolares sexan espazos accesibles que ofrezan recursos e oportunidades de aprendizaxe para todas e todos.
 
As bibliotecas escolares galegas levan tempo reflexionando e traballando para seren espazos nos que o alumnado atope o seu lugar para traballar en proxectos comúns, espazos que integren a todos e todas sen deixar a ninguén atrás, promovendo unha actitude inclusiva, igualitaria, normalizadora, respectuosa e visibilizadora da diversidade.
 
Estes son algúns dos materiais do programa: 
 
 
Actividades das bibliotecas escolares neste día que moitos colectivos reivindican como da "diversidade funcional": 
 

#BibliotecasSTOPviolencia

 
As bibliotecas escolares son espazos privilexiados para traballar valores democráticos, de igualdade e cidadanía, espazos únicos para a aprendizaxe da convivencia.
 
O 25 de novembro é unha data do calendario civil que as bibliotecas escolares integraron nas súas programacións porque cómpre unha chamada de atención fronte a actitudes larvadas  de violencia contra as nenas e as mulleres (con presenza nas relacións sociais, na publicidade ou en moitos produtos audiovisuais), que fixan valores contrarios á igualdade.
 
Un curso máis, seguimos necesitando accións para denunciar a violencia sistémica contra  as mulleres e as violencias cotiás exercidas contra nenas, mozas e mulleres de toda idade e condición en distintos espazos e ámbitos, tanto privados como públicos. Desde a ONU alertan de que ademais do impacto da COVID-19, hai un evidente aumento da violencia contra as mulleres e as nenas en todo o mundo debido ás crises actuais causadas por desastres naturais e desastres provocados polo home, como conflitos e guerras. 
 
O #25N non é unha celebración, é unha data a borrar do noso calendario e imaxinario, pero até entón queda moito por facer, moitos muros por derrubar, non podemos, nin debemos, permitir una paso atrás. 
 
Imaxe do IES San Paio (Tui-Pontevedra)
 

Como en anos anteriores, difundimos actividades nas bibliotecas escolares galegas arredor destas datas e en prol da igualdade:
 

Convocatoria do programa LECTURA E FAMILIAS para o curso 2021/2022

 
 
O Portal Educativo vén de publicar a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 19 de novembro de 2021,  pola que se fai pública a convocatoria do programa LECTURA E FAMILIAS para o curso 2021/2022. A convocatoria forma parte das iniciativas para promover a lectura e un uso responsable da información entre os distintos sectores da comunidade escolar nos centros de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares que imparten ensinanzas de infantil, primaria, educación especial, secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial.
 
O obxectivo é estimular o deseño e desenvolvemento de iniciativas que favorezan a participación das familias en actividades da biblioteca escolar, destinadas ao conxunto da comunidade educativa ou especificamente pensadas para a formación e a participación destas familias en experiencias de lectura e, tamén, de traballo coa información e medios de comunicación, coa finalidade de que poidan, á súa vez, intervir con mellores recursos e eficacia na formación dos seus fillos e fillas como persoas lectoras e cidadás usuarias de información.
 
Seleccionarase un máximo de 50 centros, que recibirán orzamento que se destinará á adquisición de materiais necesarios para o desenvolvemento das actividades previstas así como para a realización de obradoiros de formación, ciclos de conferencias ou outras experiencias deseñadas e vinculadas ao obxecto desta convocatoria. 
 
O prazo límite para a presentación de solicitudes será o 10 de decembro de 2021.
 

  • PUBLICACIÓN NO PORTAL EDUCATIVO

Novembro, Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas - 2021

 
 
E temos a sorte de que esta viaxe (a científica) se poida facer dende as bibliotecas, que non só acollen libros e outros materiais, senón que tamén acollen descubrimentos e camiños de aprendizaxe, cos éxitos e tamén os fracasos da ciencia e da tecnoloxía, porque cometer erros tamén é aprender. Amparo Alonso Betanzos.
 
Desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, vense impulsando a celebración anual do mes de novembro como o MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO, de Amparo Alonso Betanzos, profesora, enxeñeira química e investigadora en intelixencia artificial. A autora salienta que "... a ciencia é o piar do benestar social e económico, o coñecemento xera persoas esociedades máis libres e críticas e as bibliotecas son, en parte, as gardas dese coñecemento. Que máis necesitamos para gozalas?."
 
Desde a Asesoría de bibliotecas escolares realizouse unha recompilación de recursos dixitais , relacionados coa ciencia, en galego, que se pon a disposición de todas as bibliotecas: libros e unidades didácticas descargables en formato pdf, páxinas web de institucións, museos e asociacións de profesores e divulgadores científicos, convocatorias e propostas, blogs de ciencia dos centros educativos, experiencias de bibliotecas escolares, etc. 
 

  •  
    Actividades nas bibliotecas escolares galegas:
     

    Resolución provisional da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2021/2022

     
     
    O Portal Educativo vén de publicar a resolución provisional  de 19 de novembro de 2021, pola que se dá a coñecer a relación de centros que reciben asignación para o funcionamento de clubs de lectura, segundo convocatoria de 12 de agosto de 2021, a través da cal se incentiva esta actividade de fomento da lectura en centros de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que acollen ensinanzas de educación primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial para o curso 2021/22.
     
    Ábrese un prazo de cinco días naturais para a presentación de alegacións ou renuncias no seu caso.
     

    Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia 2021

     
    O vindeiro sábado 20 de novembro celebrarase no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela a Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia 2021. Retomamos a presencialidade nun encontro con máis de 800 persoas inscritas. Daranse cita equipos de biblioteca, docentes, asesores/as dos centros de formación do profesorado e persoas expertas na temática do lema deste curso "A biblioteca escolar ten a palabra".
     
    Unha xuntanza que falará do poder da palabra na narración oral, as novas oralidades, os medios de comunicación... e do papel facilitador da biblioteca a través do diálogo, o debate, a exposición, a radio, os clubs de lectura...
    Será, novamente, unha ocasión para o encontro entre o profesorado deste amplo colectivo de docentes que poñen en pé as bibliotecas escolares galegas, o reforzo de vínculos persoais e profesionais e, con toda seguridade, o comezo de novas colaboracións para o presente curso.  
     

    Resolución da convocatoria do programa BIBLIOTECA CREATIVA para o curso 2021/2022

     
    O Portal Educativo publica a
    Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 12 de novembro de 2021, pola que se resolve a convocatoria do programa BIBLIOTECA CREATIVA correspondente ao curso 2021/22. Incorpóranse 25 novos centros e  publícanse as asignacións que recibirán os  centros que presentaron a súa solicitude de continuidade neste proxecto. En total, son 125 centros PLAMBE, con ensinanzas de infantil e/ou primaria, os que participan nesta iniciativa destinada a apoiar a cultura da experimentación, a creación e a investigación en espazos creativos e cooperativos no seo da biblioteca escolar.
     
     
    Os espazos creativos ou espazos maker creados nestas bibliotecas son bos exemplos da evolución que pode vivir unha biblioteca escolar que acolle os multialfabetismos e atende as necesidades da comunidade escolar, ofertando oportunidades para as aprendizaxes a modo de laboratorio de creación e experimentación. 
     
     

    Convocatoria do programa Bibliotecas Escolares Solidarias para o curso 2021/2022

     
    O Portal Educativo vén de publicar hoxe a Resolución de 15 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convoca o programa "Bibliotecas Escolares Solidarias" para o curso 2021/2022. Esta iniciativa lévase a cabo coa colaboración da Dirección Xeral de Xuevntude, Participación e Voluntariado, da Consellería de Política Social.
     
     
    O seguinte cadro resume o contido do programa e as datas claves para cada unha das modalidades:
     
     
     Iniciativa  Finalidade  Carcaterísticas
      1 Concesión do Selo “Biblioteca Escolar Solidaria”  Recoñecer bibliotecas que traballan de forma salientable a compensación de desigualdades e fomentan o voluntariado cultural entre os integrantes da comunidade escolar.

     

    •  Convocatoria anual
    • Destinado ás bibliotecas dos centros de Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Secundaria, Bacharelato, ciclos formativos ou ensinanzas de réxime especial.
    • Presentación de memorias por parte dos centros interesados: 10 de maio de 2022.
    • Concesión dos selos (un máximo de 15 selos por curso escolar)
    • As candidaturas deberán responder aos obxectivos da Axenda 2030 da ONU de desenvolvemento sustentable.

     

     

     2 Voluntariado na biblioteca escolar (Secundaria)

    Recoñecemento de horas de voluntariado na biblioteca escolar para o alumnado colaborador, mediante a emisión de diplomas de acción voluntaria correspondentes.

     

    • Convocatoria anual
    • Destinado a alumnado de Educaión Secundaria, Bacharelato, ciclos formativos ou ensinanzas de réxime especial .    
    •  As bibliotecas escolares deberán adherirse ao programa no momento que se estipule e levar rexistro das actividades do alumnado (data límite: 10/12/2021).
    • Remitir datos alumnado (data límite: 27/05/2022)

     

     3  Voluntariado de lectura-A (Primaria)  Estimular o voluntariado cultural relacionado coa biblioteca e a lectura
    •  Convocatoria anual
    • Destinado a alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria.
    • Inscrición con data límite 10/12/2021
    • Os centros inscritos presentarán memoria de actividades (data límite 29/04/2022).
    • Seleccionaranse un mínimo de 10 experiencias.
    • Concreción en convocatoria complementaria (febreiro 2022)

     

    Pegadas dunha viaxe. Traxectorias e futuros das bibliotecas escolares en Galicia

     
    Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica o estudo sobre o programa de bibliotecas escolares que a Comunidade Autónoma puxo en marcha coa creación da Asesoría de bibliotecas escolares (2003) e, concretamente, a través das iniciativas a prol das bibliotecas escolares e o fomento da lectura nos centros educativos de niveis non universitarios, que se foron deseñando e desenvolvendo  a partir do 2005, coa publicación da primeira convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares. Transcorridos os primeiros quince anos de existencia do PLAMBE, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos encargou a elaboración dun estudo a un grupo de investigación externo, comandado por Inés Miret, especialista en materia de bibliotecas e de lectura, e que se completaba con outras tres investigadoras vinculadas ao mundo das bibliotecas e da pedagoxía como son Mónica Baró, Teresa Mañá e Inés Dussel. 
     
    Pegadas dunha viaxe. Traxectorias e futuros das bibliotecas escolares en Galicia é un completo informe que serve para revisar o feito nestes anos, as políticas públicas postas en xogo para fortalecer e renovar as bibliotecas escolares galegas, pero tamén indaga nos imaxinarios construídos neste tempo arredor da biblioteca escolar por alumnado, docentes e familias e inclúe un estudo de casos no que, a través dun achegamento ás situacións cotiás, dáselles voz aos seus protagonistas para entender os procesos de transformación que se están levando a cabo nas bibliotecas escolares. Por primeira vez, e a través dunha importante mostra, é posible achegarse ás prácticas de lectura do alumnado na nosa Comunidade, e coñecer  o uso que fan das bibliotecas dos centros, entre outras moitas cuestións de gran interese. O informe remata cun apartado, Trazos de futuro, no que se analizan as claves do presente e se avanzan unhas propostas de futuro. 
     
    As distintas metodoloxías empregadas na investigación e a fondura coa que foi formulado este estudo ofrécennos unha oportunidade única para entrar no mundo das bibliotecas escolares galegas, coñecer os camiños que seguiron no seu desenvolvemento e, tamén, para coñecer as vivencias que profesorado, alumnado e familias tiveron na biblioteca e que foron integrando na súa experiencia persoal e no seu imaxinario.  Este informe, en versión en galego e castelán, está dispoñible na Libraría Institucional da Xunta de Galicia.
     

    Os medos toman a palabra!

     
    Chegado o tempo de outono, as bibliotecas escolares galegas acollen múltiples actividades  que facilitan e promoven o uso da palabra e a linguaxe para facer fronte aos medos. As seleccións e recomendacións lectoras,  os concursos de relatos, os obradoiros de ilustración, as propostas creativas, as receitas, as lendas da tradición oral, a mitoloxía na arte galega, as propostas audiovisuais, a radio, os proxectos de investigación... 
     
    Imaxe do IES Espiñeira de Boiro
     

    Resolución da convocatoria do programa Radio na biblio para o curso 2021/2022

     
    Portal Educativo publica a Resolución de 26 de novembrode 2021, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se relacionan os 30 centros de nova incorporación ao programa RADIO NA BIBLIO para o curso 2021/2022, unha vez resolta a convocatoria publicada con data de 29 de setembro de 2021. Tamén se detallan os 108 centros integrados en convocatorias anteriores e que solicitaron continuidade. Desta forma, aparecen incluídas no programa un total de 138 bibliotecas escolares, distribuidas por todo o territorio galego, pertencentes a centros de infantil, primaria, ESO, Bacharelato ou Formación Profesional integradas no Plan de mellora de bibliotecas escolares.
     

    Clubs, lectoras e lectores no ensino secundario de Galicia.

     
     
    Transcorridos dez anos desde a primeira convocatoria de axudas para o funcionamento de Clubs de lectura destinadas a centros que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional e outros de nivel post-obrigatorio, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade  a través da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos /Asesoría de bibliotecas escolares, abordou a realización dun estudo cualitativo sobre a lectura e os clubs de lectura, os impactos desta iniciativa na cualidade da lectura e nas competencias comunicativas (e outras) do alumnado participante, así como o seu impacto nas comunidades educativas dos centros que contan con club de lectura. José Antonio Millán dirixiu este estudo (Clubs y lectores en la enseñanza secundaria de Galicia), do que se realizou a fase de "grupos de discusión" durante a primavera de 2018 e do que se presentaron as primeiras conclusións nas IX Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia, celebradas en novembro de 2018.
     
    Publícase agora o estudo nas dúas versións: galego e castelán, que se pon a disposición do profesorado e de todas as persoas interesadas na Libraría Institucional da Xunta de Galicia.
     
     

    24 a 31 de outubro: Semana Mundial da Alfabetización Mediática e Informacional (AMI) a proposta da UNESCO

     
    A UNESCO propón a celebración da semana AMI baixo o lema: Alfabetización mediática e informacional polo ben público. Destácase que  no ecosistema actual de mensaxes e significados complexos, ás veces, contraditorios, é difícil concibir que se avance no benestar público, se o público está  desempoderado fronte ás oportunidades e ameazas. Cada individuo debe estar  provisto de competencias en alfabetización mediática e  informacional para comprender o que está en xogo, así como para contribuír e beneficiarse das oportunidades de información e comunicación.
     
    A desinformación xa existía antes da COVID-19, mais esta pandemia incrementou a desinformación, a polarización política e a crecente influencia das plataformas dixitais.
     
    As bibliotecas escolares deben , máis que nunca,  reforzar o traballo cos medios de comunicación e identificación das noticias falsas e as competencias ALFIN e AMI.
     

    24 de outubro, Día das Bibliotecas, de todas as bibliotecas.

     
     
    Dende 1997 celébrase o Día das Bibliotecas o 24 de outubro, unha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas. 
     
     
    A Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, a través da Subdirección Xeral  de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas, este 24 de outubro de 2021. "A edición deste ano, baixo o lema “Bibliotecas: ler, aprender, descubrir” céntrase en destacar o papel das bibliotecas de diferente tipoloxía como espazos libres, diversos e abertos para o acceso á cultura e o coñecemento, a partir da lectura e do conxunto de recursos que permiten a aprendizaxe e posibilitan o descubrimento doutras ideas, outras persoas, outras culturas e outros mundos."
     
    As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio. Cómpre reivindicalo e celebrar que son xanelas para ler, espazos onde aprender e lugares para descubrir.
     
    A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS. 
     
    Este curso, o lema das bibliotecas escolares de Galicia A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA , quere poñer o foco na palabra e na oralidade. Este lema é aproveitado por algunhas das bibliotecas para esta celebración. 
     
     
    Actividades nas bibliotecas escolares galegas:
     

    Día das Escritoras 2021

     
     
    O Día das Escritoras é unha iniciativa promovida pola Biblioteca Nacional de España en colaboración coa  Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas y Modernas. Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.
     
    Como en edicións anteriores, a data elexida é o luns máis cercano á festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro. A VI Edición celébrase este ano 2021  o 18 de outubro baixo o lema "Ler as idades da vida". Marifé Santiago Bolaños, é a comisaria esta VI Edición do Día das Escritoras 2021. "Os libros escríbense só para unha lectora, a que os fai estar de novo cando os le. Por iso, a escritura vai dando conta das idades da vida e permítenos elixirnos, recuperarnos e soñarnos entre as páxinas dos libros. Dos libros que lemos, dos que leremos. Dos que se escribiron para nós, aínda que non os atoparamos aínda."
     
    Desde as bibliotecas escolares propomos que se visibilice a obra das escritoras galegas, ben a través dunha exposición, ben lendo fragmentos nunha maratón literaria ou mesmo nos clubs de lectura ou a través de actividades de investigación, exploración ou creación...
     
    Animamos a toda acomunidade educativa a participar nesta actividade que visbilizaremos a través desta páxina e nas redes sociais. #bescolaresgal #bescolaresgalabertas #DíaDasEscritoras 
     
    "Vou ser vella. De nena quédame pouco. Oínllelo decir ás miñas tías: “¡Como pasa o tempo! Nunvisto e non visto, agora a nena logo se ha facer muller. ¿Que lle poden quedar? ¿Un ano, ou dous?E parece que foi onte cando naceu, coma se fose onte...”
    Si. É terrible.
    Converterse en muller é converterse en adulto. Certamente recoñezo que non teño présaningunha. Ademais, paréceme bastante perigoso ser adulto."
    Xela Arias "Non te amola!" (Editorial Galaxia) 
     
     
    Actividades nas bibliotecas escolares galegas:



    Convocatoria de Biblioteca Creativa para o curso 2021/2022

     
    Portal Educativo publica a convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 8 de outubro de 2021, do proxecto BIBLIOTECA CREATIVA, para apoiar a cultura da experimentación, a creación e a investigación, en espazos creativos e cooperativos no seo das bibliotecas escolares dos centros que matriculan alumnado de educación infantil e primaria, integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, para o curso 2021/2022.
     
    Poderán participar os centros integrados en anteriores convocatorias do proxecto BIBLIOTECA CREATIVA e seleccionaranse 25 centros de nova incorporación.
     
    Non poderán participar os centros que se incorporan ao PLAMBE no curso 2021/2022, curso no que cómpre centrar a súa actividade na consolidación do modelo de biblioteca escolar segundo os obxectivos presentados no seu proxecto.
     
    O prazo de presentación de solicitudes remata o 29 de outubro de 2021.
     

    Convocatoria do programa Radio na biblio para o curso 2021/22

     
    Portal Educativo vén de publicar a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 29 de setembro de 2021, pola que se convoca o programa RADIO NA BIBLIO para o curso 2021/2022. Esta acción, iniciada en 2017, pretende introducir a radio nas bibliotecas escolares e vai destinada aos centros públicos de titularidade da consellería que matriculen alumnado de educación infantil, primaria e secundaria, integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares (agás os incorporados no presente curso).
     
    O prazo de presentación de solicitudes remata o 20 de outubro de 2021. 
     
     

    Maletas viaxeiras 2022/2023

    Neste curso 2022-2023 retomamos o préstamo das maletas viaxeiras entre as cinco localizacións: Santiago, Zona Lugo, Zona Pontevedra, Zona A Coruña e Zona Ourense, para facilitar así o achegamento deste material aos centros educativos que o desexen empregar. 

    Asesoría Zona Lugo
    • Asesora:  Beatriz González Blanco
    • Enderezo: CFR de Lugo
    • Rúa Doutor Yañez Rebolo, 31
    • 27004 Lugo (Lugo)
    • Teléfono: 982 251 068
    • E-mail: abe.lugo@edu.xunta.gal
    Asesoría Zona Pontevedra
    • Asesor: Francisco César Díaz Rey
    • Enderezo: CFR de Pontevedra
    • Rúa Celso Emilio Ferreiro, 4
    • 36005 Pontevedra (Pontevedra)
    • Teléfono: 986 872 888
    • E-mail: abe.pontevedra@edu.xunta.es
    Asesoría Zona A Coruña
    • Asesora: María Pousa Rodríguez
    • Enderezo: CFR de A Coruña
    • Rúa da Educación, 3, 2º Planta (Edificio U.N.E.D.)
    • 15003, 15011 A Coruña (A Coruña)
    • Teléfono: 981 274 221
    • E-mail: abe.coruna@edu.xunta.es
    Asesoría Zona Ourense
    • Asesora: Dolores Nieto Campos
    • Enderezo: CFR de Ourense
    • Avenida da Universidade, 18
    • 32005 Ourense (Ourense)
    • Teléfono: 988 241 533
    • E-mail: abe.ourense@edu.xunta.es

    Os centros interesados poden solicitar estas maletas na aplicación MALETAS VIAXEIRAS, desta mesma páxina.

    Instrucións sobre organización e funcionamento da biblioteca escolar. Curso 2021/2022

     
     
     O Portal Educativo publica as Instrucións da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en relación coa organización e funcionamento da biblioteca escolar, destinadas aos centros públicos de niveis non universitarios, de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
     
    Estas instrucións inclúen unha cláusula específica relativa á situación xerada pola COVID-19, e actuacións que se consideran necesarias na biblioteca escolar, coordinadas e supeditadas ás instrucións xerais das autoridades sanitarias e educativas para os centros no seu conxunto.