Velaquí un bo exemplo de como aproveitar eses espazos que acostuman estar infrautilizados, ata que a imaxinación e a profesionalidade do profesorado (guiado pola necesidade e as novas funcións da biblioteca escolar) os pon en valor. No CEIP O Ramo (Fene - A Coruña) crearon este "recuncho de lectura para nais e pais", preto dos despachos de dirección, onde as familias poden aproveitar para ler mentres agardan, facendo dese tempo "un tempo útil". Esta idea ben pode iluminar outros recunchos, existentes en case todos os centros, e ganalos para a lectura. O mapa na parede... fundamental, que a percepción espacial do alumnado tamén se constrúe con estes pequenos detalles, no día a día do centro. Parabéns!!!
Banco de experiencias
Rosalía de Castro... vive nas bibliotecas escolares galegas
Unha das datas do "calendario da lectura" en Galicia é o 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro. Calquera momento do ano é bo para achegarse á escritora, pero na Biblioteca Escolar do CEIP Alexandre Bóveda, de Chapela-Redondela (Pontevedra), aproveitan para recompilar materiais e realizar propostas ao alumnado, abrindo novas vías para dar a coñecer a súa obra. Elaboraron unha guía que titulan RABUÑANDO CANTARES na que podemos atopar as distintas edicións dos libros de Rosalía que poden resultar máis próximos ás nenas e aos nenos, así como discos de diferentes autores que versionaron os seus poemas ou lle dedicaron as súas creacións. Contén propostas de actividades para os distintos ciclos de ensino infantil e primaria e unha selección de recursos electrónicos para ampliar a mirada sobre esta autora clave da nosa literatura e do noso universo cultural, polo que é tan necesario axudar a camiñar aos máis novos, ás máis novas. Parabéns á "caracola Tola" e a todo o seu equipo.
A biblioteca do IES SAN PAIO, de Tui (Pontevedra) preparou tamén materiais específicos en relación con ROSALÍA DE CASTRO e a conmemoración do día 21 de febreiro do Día Internacional da Lingua Materna.
Ler e xogar nunha Escola de Educación Infantil
As normas da biblioteca, unha idea de participación.
A biblioteca escolar tamén pode dar motivos para traballos de carácter interdisciplinar ou proxectos nos que, a través da planificación, a colaboración, a toma de decisións, a posta en práctica de habilidades concretas (de lectura, de escritura, de investigación), os rapaces e rapazas vaian desenvolvendo as súas competencias básicas. Velaquí un exemplo: o alumnado de Atención Educativa do IES de Ponteceso, dirixidos polo profesor de EF, elaboraron estas "normas da biblioteca" en formato vídeo.
NORMAS DA BIBLIOTECA DO IES PONTECESO from biblioaponte on Vimeo.
Letras Galegas 2010, ou cando Uxío Novoneyra visitou as bibliotecas escolares.
Andan os versos de Uxío Novoneyra nos beizos da rapazada, pendurando dos muros e das fiestras... enchendo espazos virtuais e reais dos centros educativos galegos. Comezara xa en xaneiro, cando o CPI Luís Díaz Moreno, de Baralla (Lugo) difundira o seu fermoso calendario do ano Novoneyra. Posteriormente foron chegando propostas de traballo e materiais moi diversos sobre a obra de Uxío Novoneyra e, a partir dela, actividades para o tratamento de distintos contidos curriculares e, ao tempo, formación das competencias no uso, tratamento e produción de información (ALFIN). As bibliotecas escolares apoiando os programas e proxectos do centro (entre eles, o Proxecto lingüístico), unha das súas principais funcións. A título de exemplo, pódense consultar as seguintes:
Experiencias de interese nas bibliotecas escolares
Unha das funcións da biblioteca escolar é a de fomentar a lectura entre os distintos sectores da comunidade escolar. Preguntar ao profesorado e aos rapaces e ás rapazas sobre os seus hábitos de lectura é unha maneira de poñer en valor esta actividade. O blogue da biblioteca do CEIP Rosalía de Castro de O Grove (Pontevedra) recolle unha experiencia ben interesante neste sentido, que queremos dar a coñecer. Así podemos ler o "dontest" de Eva (alumna) ou de Elena (profe).
Outra experiencia a difundir é a que levan a cabo no IES Fontexería de Muros (A Coruña). A biblioteca acolle nos recreos a presentación de traballos elaborados polo alumnado nas distintas áreas ou materias. Esta difusión axuda a poñer en valor o coñecemento e a aprendizaxe e difunde cultura. ¿Non son estas tamén funcións da biblioteca escolar? Esta semana, por exemplo, están a a pasar, todos os recreos, a presentación "A vida cotiá na Grecia e Roma antigas", realizada por alumnado de Cultura Clásica de 4º de ESO. Parabéns por estas iniciativas!!!
8 de marzo nas bibliotecas escolares galegas
Un ano máis, chegado o mes de marzo, as bibliotecas escolares enfocan a súa actuación na conmemoración do Día Internacional da Muller, con finalidade educativa no amplo sentido do termo. A biblioteca do IES Río Cabe (Monforte de Lemos, Lugo) achéganos un dos seus excelentes carteis, con rostro de muller.... e os múltiples blogs das bibliotecas escolares de Primaria ou de Secundaria abren as súas fiestras e permítennos coñecer a intensa actividades destes días. A título de exemplo, esta interesante actividade, cunha persecptiva colaborativa, levada a cabo no IES Alexandre Bóveda (Vigo, Pontevedra):"Bata por fóra, muller por dentro" e que podemos coñecer a través do blog da biblioteca.
Colaboradores da biblioteca
|
Son moitos os centros educativos que teñen equipos de colaboradores: rapazas e rapaces que, desinteresadamente e de forma voluntaria, se comprometen coa biblioteca do seu colexio ou instituto, participan dos labores para mantela ordenada, realizan o préstamo aos compañeiros, axudan e orientan na busca de libros, na busca en Internet, na elaboración de traballos... As imaxes corresponden ao equipo de colaboradores do CEIP Curros Enríquez, de Celanova (Ourense) |
|
O profesorado do Equipo de Biblioteca forma a estes rapaces e conta coa súa colaboración. Son un activo máis para as bibliotecas escolares e, nesa actividade que realizan, vanse formando tamén como usuarios de bibliotecas e como lectores. Algunhas guías para colaboradores, elaboradas polas Bibliotecas que contan con estes equipos, poden verse aquí |
Biblioteca escolar, espazo de creación - II
Ao longo de todo o ano, as bibliotecas realizan propostas de creación: contos, poesía, cómic, ilustración, fotografía, regueifas (ou rap á galega)... As fórmulas poden ser diferentes pero a finalidade é a mesma: estimular a expresión oral, escrita e gráfica do alumnado. É tamén unha forma de incitar á lectura. Os exemplos multiplícanse a estas alturas do curso:
Así conta Emilio, da biblioteca do IES Pedra da Aguia (Ponte do Porto, Camariñas) a xestación da narración colectiva "O misterio do exame desaparecido": Alá por novembro ou decembro, deume por retar a algúns dos habituais da biblio a darlle continuidade a unha historia. Engancharonse varios rapaces de 4º e algún profe/a. Estes días dinlle remate, porque a cousa xa se complicaba de máis e podíase poñer rancia. Pero o experimento funcionou bastante ben. Houbo que correxir moi pouco, que
foron moi coidadosos, máis que nada cuestións de formato, para igualar letras e tamaños. agora que rematou algún queixouse de que non fixera o seu capítulo, o cal me parece estgupendo, non hai mel.lor que deixalos con fame.
As bibliotecas escolares, espazos de creación
As bibliotecas escolares poden asumir, como unha das súas funcións, a de estimular a creación literaria (e a expresión artítstica en xeral), entre o alumnado. Así o están facendo os centros educativos de todo o país mediante concursos de poesía, cómic, narración, fotografía, ilustración, artigos xornalísticos ou textos teatrais....
Unha destas bibliotecas é a do IES Fontexería, de Muros (A Coruña) que nestes días fixo entrega dos premios correspondentes á 2ª Recollida de Nanocontos, un certame de creación moi especial e que está a ter gran éxito na comunidade educativa. A través do seu blogue podemos coñecer esta experiencia e acceder aos nanocontos.
Traballar sen libro de texto, con textos de libros, integrando as TIC
Todo comezou cando a Biblioteca escolar fixo a súa programación cun tema moi peculiar: "Piratas". A proposta parecía interesante. Pero...como entrar no mundo pirata a través das Matemáticas? Pouco a pouco a idea foi madurando e collendo forma. Só había que buscar materiais e adaptalos para que os contidos matemáticos de 6º tiveran algo que ver co tema en cuestión.
E así foi como apareceu o fío conductor que precisabamos: a novela "Os piratas da illa da Esperanza" do escritor muxián X.H. Rivadulla Corcón. Esta obra de temática mariñeira sobre a lealtade e a amizade constitúe a base da programación de Matemáticas deste curso para 6º de Primaria. E permite non só afondar no mundo das cantidades, dos espazos e formas, do tratamento da información e azar, senón tamén nos temas transversais: educación para a saúde, para o ocio e tempo libre, para a paz..
Contra a violencia de xénero
Os equipos de profesoras e profesores que atenden as novas bibliotecas escolares procuran dar resposta a demandas que xorden desde as distintas áreas e materias: as relacións de materiais informativos e libros de ficción, películas, discos, recursos electrónicos, etc, sobre un tema determinado que se quere tratar co alumnado, son un bo exemplo e un dos cometidos que máis pode axudar ao profesorado do centro. Cando se queren tratar determinados temas que teñen que ver coa educación en valores, coa EDUCACIÓN, que teñen un carácter transversal, cómpre coñecemento, horas de traballo e ademais, sensibilidade, para realizar esta selección. Un bo exemplo do traballo excelente que se está a facer desde as bibliotecas escolares dos centros galegos é este traballo realizado polos responsables da biblioteca do IES Sánchez Cantón (Pontevedra), co fin de apoiar o labor educativo de todo o profesorado para a erradicación paulatina da violencia de xénero.
Nesta mesma páxina pódese acceder aos blogs das bibliotecas escolares de centros de primaria e secundaria de Galicia, e coñecer a actividade que arredor desta temática se está a levar a cabo nestes días.
Proxecto interdisciplinar en 1º da ESO
A biblioteca escolar constitúe o centro de recursos imprescindible para o desenvolvemento dunha materia pensada para mellorar a competencia informacional do alumnado: PROXECTO INTERDISCIPLINAR (1º ESO). No IES Alexandre Bóveda, de Vigo, están a traballar neste curso un proxecto denominadao Todos somos romanos, e publican un blogue no que se pode seguir o desenvolvemento das súas actividades. Un bo exemplo de aproveitamento desta nova materia dos currículos-LOE en Galicia, unha das dúas comunidades autónomas (a outra é Cataluña) nas que se recoñece cun tempo específico(aínda que mínimo) a necesidade de educar nas habilidades de uso e tratamento da información.
Proxecto Interdisciplinar - 1º ESO: un excelente exemplo
A nova materia de 1º de ESO, Proxecto Interdisciplinar, é unha boa ocasión para que a biblioteca escolar, cos seus recursos e o apoio dos seus responsables, amose toda a súa potencialidade nos centros de ensino secundario. Desde o IES Río Cabe, de Monforte de Lemos, Beatriz González convídanos a coñecer un destes proxectos, apoiado pola biblioteca escolar:
"Mándovos un enlace á entrada do noso blog onde podedes ver o traballo dos alumnos do Proxecto Interdisciplinar co profesor de Plástica do centro (Manuel Sánchez). Tamén colaboramos dende a Biblioteca posto que no 1º trimestres fixemos con eles (na Biblioteca) a formación de usuarios, no segundo aprenderon a facer un traballo de investigación (proporcionámoslles material). No último trimestre centráronse no Guernica. A montaxe do vídeo é de M. Luz Paramio. Penso que o resultado é magnífico. Quedamos impresionados cando o venres,espontáneamente, os rapaces empezaron a aplaudir cando viron no blog o resultado do traballo."
http://bibliocabe.blogspot.com/2008/06/proxecto-interdisciplinar.html
E outro excelente exemplo do mesmo centro:
http://bibliocabe.blogspot.com/2008/06/proxecto-interdisciplinar-ii.html
- APIs de Blogue
Libros ao patio!!
|
|
|
No CEIP Fermín Bouza Brey, de Ponteareas, levan xa algún tempo "botándose a ler ao patio", con gran éxito e moita alegría... que este tipo de experiencias gratas son as que espertan as ganas de ler. Dinos, Beatriz González, a responsable da biblioteca: Nos tamén para celebrar o Día do Libro decidimos sair ao patio, como xa fixeramos fai dous anos.Tanto o profesorado como o alumnado tiña que traer o seu libro favorito da casa e..."Libros ao patio". Obxectivo: Descubrir o pracer da lectura fora dos espacios pechados |
|
- APIs de Blogue
As mochilas xa están a viaxar
As mochilas viaxeiras están xa en marcha, con distintas fórmulas segundo as idades do alumnado e a finalidade que os equipos de biblioteca pretenden con esta actividade. Achégannos materiais elaborados por algunhas bibliotecas escolares arredor desta iniciativa:
- IES Sanxenxo: Presentación das mochilas - aula
- CEIP Bergantiños, de Carballo: Carta presentación mochilas
- CEIP Mestres Goldar, de Vigo:
Por fin empezaron o seu percorrido as mochilas viaxeiras. Polo de agora circularán entre as familias do segundo ciclo (3º e 4º de EP).
Día Internacional da Muller, traballos colaborativos e bibliotecas escolares
A celebración do Día Internacional da Muller foi unha nova ocasión para iniciativas comúns no mundo das bibliotecas escolares galegas. Nestes días, algúns dos blogues destas bibliotecas presentaron informacións comúns, elaboradas polos seus coordinadores e coordinadoras e postas a disposición de todos e todas. Estes traballos reflicten dinámicas de actuación nos centros escolares e falan da importancia da biblioteca escolar, e dos recursos que esta pon a disposición da comunidade educativa de cada centro, para a educación integral do alumnado e, como moi ben se reflicte neste caso, para a educación en valores e a sensibilización de cara a construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria. Hora de ler sumouse a esta iniciativa, pero recomendamos un percorrido polos blogues das bibliotecas escolares, entre eles, e a modo de exemplo:
- APIs de Blogue
Semana da prensa na escola. CEIP Abelendo - Moaña (Pontevedra)
A iniciativa do Equipo de biblioteca, o profesorado do CEIP Abelendo, de Moaña, ten programado para a semana do 10 ao 14 de marzo de 2008 unha Semana da prensa na escola, tomando como fío conductor temático a conmemoración do 25 aniversario da inauguración do centro. Esta actividade deseñouse para darlle continuidade ao labor de fomento da lectura como fonte de información levado a cabo no primeiro trimestre, co obxectivo de traballar a prensa en formato impreso e dixital como nova vía de adquisición e tratamento de datos. Achégase proxecto desta actividade remitido polo centro e materiais complementarios.
8 de marzo: Día Internacional da Muller
Desde o IES do Sar (Santiago de Compostela) achégannos unha proposta de traballo, iniciativa do Colectivo de Mulleres Ensinantes, de cara á celebración do Día Internacional da Muller, o vindeiro 8 de marzo.
Tamén recibimos unha proposta de traballo desde o IES David Buján, de Cambre:
No noso instituto vimos realizando unha actividade relacionada co Día Intenacional da Muller Traballadora que consiste nun certame co título "Coñeces esta muller?". Este ano celebraremos a terceira edición. A actividade está encadrada na formación de usuarios e consiste en publicar cinco pistas correspondentes a cinco mulleres durante cinco días consecutivos (total 25 mulleres) que inclúen o 8 de marzo (este ano empezaremos o venres 7 e remataremos o xoves 13, deixando o venres 14 para o desempate)
O alumando ten formar equipos e que anotarse previamente na Biblioteca e entregar cada día as respostas correctas, ao final o equipo que teña máis acertos gañará o certame e de se producir un empate, realízase un desempate na Biblioteca durante un recreo, neste caso gaña o equipo que localice antes a información para resolver o enigma.
Día da Paz: Sadako e as grullas no IES Poeta Añón (Outes-A Coruña)
O Día Escolar da Paz é unha data aproveitada nos centros educativos para incidir especialmente en contidos relacionados coa educación en valores, moi especialmente a solidariedade, a xustiza, a convivencia pacífica, o diálogo e a colaboración. Desde a biblioteca do IES Poeta Añón chéganos unha experiencia de interese, que si ben xa se ten posto en práctica noutros centros, garda unha gran potencialidade educativa, polo que cómpre a súa difusión:
"Partindo da historia de Sadako Sasaki (recollida no libro SADAKO Y LAS MIL GRULLAS DE PAPEL de Eleanor Coerr. Edit. Everest), propuxemos a toda a comunidade practicar un pouco a papiroflexia creando 1000 grullas de papel. Aproveitamos recreos, horas de garda e ratos libres na casa para chegar a ese número e o resultado o tedes nas fotos. O primeiro día tememeos pola integridade das grullas e pensamos que non durarían moito, pero o certo é que o alumnado está respetándoas. penso que no fondo están orgullosos delas xa que eles colaboraron a facelas; mesmo queren que as deixemos postas todo o ano.
O interese por este primeiro contacto coa papiroflexia foi tal, que estamos valorando crear un obradoiro de ORIGAMI dous recreos á semana. Cada semana proporase unha figuriña distinta. Xa vos contarei como vai a cousa. De momento conseguimos desempolvar os libros da biblioteca sobre papiroflexia." Dolores Martínez, responsable da biblioteca escolar do IES Poeta Añón (Outes-A Coruña)
- APIs de Blogue
- Leer máis
30 de Xaneiro: Día Escolar da Paz
Aínda que este ano cadran nunha mesma semana datas tan dinámicas nos centros educativos como o Entroido e o Día da Paz, a actividade xerada polas bibliotecas escolares está a ser intensa, como intensas son as ganas de colaborar e enorme a xenerosidade do profesorado dos equipos destas bibliotecas que están a compartir iniciativas, materiais, programas de actividades, guías de lectura.... construíndo a Paz día a día.... Traballar no ámbito da educación é algo moi complexo no momento social no que nos atopamos... e queremos, desde a Asesoría de bibliotecas escolares, lembrar aquel texto de Eduardo Galeano:
"... son cousas pequenas. Non acaban coa pobreza, non nos sacan do subdesenvolvemento, non socializan os medios de produción e de troco, non expropian as covas de Alí Babá.
Pero quizáis desencadeen a alegría de facer, e a traduzan en actos.
Ao fin, actuar sobre a realidade e cambiala, aínda que sexa un pouquiño, é a unica maneira de probar que a realidade é transformable..."
30 de Xaneiro: Día Escolar da Paz
As bibliotecas escolares galegas percorren estes días camiño de paz e colaboración. Dende os seus blogues chaman, cunha soa voz, ao sentido común, á educación nos valores de xustiza, solidaridade, diálogo e convivencia pacífica. Fóra do sinfín de actividades que se levan a cabo nos centros escolares de todo o país para conmemorar este día, as bibliotecas escolares propoñen lecturas, poemas, música, actividades compartidas nas que sensibilizarse, é dicir, abrir todos os sentidos, e espertar. Porque "só se pode ler cos ollos abertos":
"As persoas que queren cambiar o mundo acostuman ser lectoras, pero non é menos certo que, despois de ler, xorden máis facilmente as ganas de cambiar o mundo." (Blanca Calvo)
A título de exemplo, unha guía de lectura e programas de actividades dalgúns centros educativos:
- CEIP Milladoiro, de Malpica: lecturas para o Día da Paz 2008
- CEIP Fermín Bouza Brey, de Ponteareas: Un mundo por descubrir
- VI Semana Intercultural do IES de Sar, Santiago: ¿Quen cose as nosas zapatillas? Nenas e nenos do mundo.
Unha visita aos blogues das bibliotecas escolares pode dar unha visión do intenso dinamismo dos centros educativos e da súa colaboración á construción dunha sociedade lectora, pero tamén xusta e solidaria. E seguen chegando guías de lectura:
Dereitos Humanos, todos os días
Pasou o día, pero non a romería. Afortunadamente, son moitos os centros educativos que traballan de forma cotiá pola defensa dos Dereitos Humanos, comezando por facer efectivo o dereito á educación, a unha educación de calidade que favoreza a formación integral do alumnado, pero tamén a construción dunha sociedade máis xusta e solidaria. Os blogues das bibliotecas escolares galegas son estes días un indicador do dinamismo do profesorado que está á fronte destes servizos educativos. Dende a Asesoría de Bibliotecas Escolares desexamos felicitar a tod@s os participantes neste traballo colaborativo... sabemos que as sinerxias que se crean traballando xuntos por unha causa común xeran sempre boa enerxía... esa que fai andar o mundo. |
|
Cartel elaborado e posto a disposición de todas as bibliotecas escolares desde o IES Río Cabe, de Monforte de Lemos. |
- APIs de Blogue
BIBLIOTECA ESCOLAR, ESPAZO PARA A IGUALDADE
A biblioteca escolar, as bibliotecas, lugares nos que atopar:
- PALABRAS para nomear o que sentimos.
- PALABRAS para entender, para entendérmonos.
- PALABRAS para berrar, cando todos calan.
- PALABRAS para dicir baixiño, pero que se escoiten.
- PALABRAS para expresar e expresármonos... e expresar ao OUTR@.
25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero.
As bibliotecas escolares programaron diversas actividades para a sensibilización da comunidade educativa no seu conxunto, e do alumnado en particular, en relación á necesidade de eliminar toda violencia e moi especificamente, a violencia de xénero da nosa sociedade. Algúns exemplos:
- Cómpre estar atentos aos blogues das bibliotecas escolares galegas neste día 25, moi especialmente a dous deles que iniciarán unha "cadea" de vontades:
- APIs de Blogue