Educación documental

8 de marzo a través de actividades ALFIN

Achégase un novo 8 de marzo necesario. Os centros educativos están xa a traballar na temática propia desta data: presencia da muller na sociedade, valores de igualdade, coeducación, xustiza social... Os equipos das bibliotecas escolares galegas, contextualizando, ofertan actividades de educación documental/ALFIN de gran interese. Obxectos de aprendizaxe que aúnan a formación de alumnas e alumnos en tanto que seres sociais, e a súa educación en habilidades de acceso, uso e produción de información.

Máis Darwin

Seguen os centros a ofertar actividades de educación  no uso da información asociadas á figura de Charles Darwin, quen pola súa biografía e pola súa obra "dá moito xogo". Desde o IES Ribeira do Louro, de Porriño, remítennos este "xogo" de busca documental. Agradecemos esta información e a xenerosidade de poñer estes materiais a disposición de toda a comunidade "bibliotequera".

E no IES de Sanxenxo, no contexto do Plan anual de lectura 08/09, o Departamento de Ciencias da Natureza elaborou este boletín especial Darwin.

Guias para axudantes da biblioteca

Unha das fórmulas para integrar ao alumnado na xestión e dinamización da biblioteca escolar, avanzando así  na súa formación en tanto que usuarios da biblioteca, e favorecendo a súa participación, é a de  formar equipos de colaboradores. Cómpre que este alumnado reciba unha formación básica e, despois, actuará baixo a dirección do profesorado da biblioteca escolar. Pero a súa colaboración non se debe desdeñar e os resultados respecto da implicación deste alumnado nas actividades de busca de información ou de animación á lectura son o suficientemente interesantes como para telos en conta. Velaquí exemplos de guías para axudantes da biblioteca, que poden resultar de interese para fomentar esta participación e garantir enha eficacia mínima.

ALFIN en tempos de Entroido

Xa está iniciado o ciclo do Entroido e xa as bibliotecas escolares, en colaboración cos equipos de normalización lingüística andan a programar actividades relacionadas coa tradición destas datas. É tempo tamén para investigar e aprender a usar a información. Con esa finalidade, desde o CEIP Mestres Goldar, de Vigo, achégannos esta "caza do tesouro" para saber algo máis sobre o entroido. Esta actividade está pensada para 3º ciclo de Primaria e 1º ciclo de ESO. Incorporan ademais un exercicio de "autoavaliación"

E desde o CEIP de VIDE, en As Neves (Pontevedra), unha escola unitaria integrada no Plan de mellora de bibliotecas escolares, dan a coñecer esta guía de recursos sobre o entroido, especialmente destinado ao alumnado de educación infantil e ás súas familias. 

ALFIN para a Paz. Biblioteca do CEIP Mestre Martínez Alonso

Desde a Biblioteca Escolar do CEIP Mestre Martínez Alonso (Mos, Pontevedra) achégannos unha proposta excelente para avanzar na educación documental  do alumnado. Esta webquest: xaneiro, mes da paz, está pensada, segundo o equipo da biblioteca, para 2º/3º ciclo de primaria, pero nalgúns centros tamén a van empregar para 1º ciclo de ESO. Agradecemos a xenerosidade do profesorado que comparte este recurso co resto das bibliotecas escolares, nunha dinámica de traballo absolutamente contextualizada no tempo e na realidade máis brutal.

Formación de usuari@s en JCLIC

Desde o IES As Mariñas, de Betanzos (A Coruña), achégannos este material destinado á educación documental do alumnado, en JCLIC.

Agradecemos a difusión deste traballo que, sen dúbida, pode ser útil para o resto das bibliotecas escolares galegas.

Proxecto Interdisciplinar - 1º ESO: un excelente exemplo

A nova materia de 1º de ESO, Proxecto Interdisciplinar, é unha boa ocasión para que a biblioteca escolar, cos seus recursos e o apoio dos seus responsables, amose toda a súa potencialidade nos centros de ensino secundario. Desde o IES Río Cabe, de Monforte de Lemos, Beatriz González convídanos a coñecer un destes proxectos, apoiado pola biblioteca escolar:

"Mándovos un enlace á entrada do noso blog  onde podedes ver o traballo dos alumnos do Proxecto Interdisciplinar co profesor de Plástica do centro (Manuel Sánchez). Tamén colaboramos dende a Biblioteca posto que no 1º trimestres fixemos con eles (na Biblioteca) a formación de usuarios, no segundo aprenderon a facer un traballo de investigación (proporcionámoslles material). No último trimestre centráronse no Guernica. A montaxe do vídeo é de M. Luz Paramio. Penso que o resultado é magnífico.  Quedamos impresionados cando o venres,espontáneamente, os rapaces empezaron a aplaudir cando viron no blog o resultado do traballo."

http://bibliocabe.blogspot.com/2008/06/proxecto-interdisciplinar.html

E outro excelente exemplo do mesmo centro:

http://bibliocabe.blogspot.com/2008/06/proxecto-interdisciplinar-ii.html

Educación documental a propósito de Álvarez Blázquez

Jullia González, desde a biblioteca do CEIP Mestres Goldar, de Vigo, achéganos un material sinxelo pero eficaz, para a educación documental, co gallo do Día das Letras... ou sexa, integrando contidos desde a biblioteca escolar.

Como todos os caderniños que propón a Biblioteca, é unha actividade voluntaria, para facer na hora da biblioteca ou no recreo. O "gancho" que utilizamos son os "mikopuntos" pero tamén os motiva moito o feito de ter que empregar os ordenadores.
Nesta ocasión está destinado ao 2º e 3º ciclos de Primaria para facer en grupo, porque é un pouco longa e poden repartir o traballo. Utilizamos os poemas de Álvarez Blázquez de "Roseira do teu mencer".

Este enlace accede a todos os caderniños, incluídos os de Educación Infantil e 1º ciclo de Primaria

Outras bibliotecas como a do CEIP Quintela, de Moaña, prepararon materiais específicos para a conmemoración deste día. Recoméndase unha visita polos blogues de bibliotecas escolares galegas.

 

Webquest sobre Xosé María Álvarez Blázquez, Letras Galegas 08

Novos materiais froito do traballo colaborativo do profesorado, nesta ocasión as persoas que están detrás de tres blogues de bibliotecas escolares  ben activos: O Segrel do Penedo, A Nosa Biblioteca e Biblioafonso. Xenerosamente, poñen a disposición de todo o profesorado unha webquest para alumnado da ESO sobre Xosé María Álvarez Blázquez, autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Benvido este material!!!

Materiais para a educación documental - Ensino Secundario

Desde a biblioteca do IES Poeta Añón de Outes (A coruña) remítennos uns materiais para educacióndocumental de gran interese. Atendendo a un dos contidos do Alfabetización Informacional, o uso ético da información, sendo como son na súa meirande parte tradución e adaptación de materiais preexistentes, dispoñibles a través de internet, recoñécese a autoría orixinal cunha mención explícita. En calquera caso, son excelentes instrumentos para a formación do alumnado de ESO, bacharelato e ciclos formativos no uso e tratamento da información, e debe recoñecerse o traballo realizado e agradecer a posibilidade de difundilo e poñelo a disposición do resto de bibliotecas escolares a través desta páxina:

Día Internacional do Libro: materiais para a educación documental

Este mes de abril é un fervedoiro de actividade arredor do libro e a lectura na práctica totalidade dos centros educativos. Algunhas propostas poden aproveitarse para reforzar as habilidades no uso e tratamento da información, unha das competencias básicas que o alumnado debe ir adquirindo pouco a pouco, aproveitando todas as oportunidades posibles. Así o entenderon, por exemplo, no CEIP Mestres Goldar, de Vigo, que poñen a disposición de todas as bibliotecas escolares a súa proposta de educación documental para estes días próximos á conmemoración do Día Internacional do Libro.

Leo quere saber: educación documental para o ensino primario

Olga Rodríguez, responsable da biblioteca do CEIP Milladoiro de Malpica, achéganos uns materiais para a educación documental:

"Este ano comezamos a deseñar un programa de actividades novo para educación documental no 2º ciclo de Primaria. Trátase da serie de cadernos Leo quere saber...

De momento contamos con 11 caderniños das series Animais e Preguntas Temáticas. Temos no forno unha serie sobre plantas e árbores, e sobre o papel: o universo e os planetas, o corpo humano, inventos e inventores e medios de comunicación. Sempre adaptados a ese ciclo. Veredes que hai un orde de dificultade: comezamos con consultas nunha única fonte, seguimos con dúas e ó final incluímos 3: dúas en papel e a wikipedia.

Inclúo un par de cadernos como mostra. O resto podedes velos (collelos, cambialos, usalos......) no blog: materiais. educacion documental. Leo quere saber".

  1. Leo quere saber...: Elefante
  2. Leo quere saber...: Preguntas feroces

Formación de usuarios: actividade Jclic

Xaquín Freixeiro, desde a biblioteca escolar do CEIP Condesa de Fenosa, de O Barco achéganos unha  interesante actividade de formación de usuarios realizada en Jclic, que está dispoñible na páxina deste centro, no seguinte enlace:

http://centros.edu.xunta.es/ceipcondesadefenosa/bibliocondesa/docs/formusuarios/index.htm

Guías de uso da biblioteca escolar

As bibliotecas escolares poden e deben facer difusión dos seus servizos, ao tempo que facilitan a formación de usuarios e a educación documental. Algúns exemplos deste tipo de materiais:


A estas guías, únese agora a Guía da Biblioteca do CEIP Milladoiro, de Malpica: un bo exemplo, tamén, das transformacións que están a "gozar" as bibliotecas escolares deste país, grazas aos recursos que as administracións van dispoñendo, a través por exemplo do Plan de mellora de bibliotecas escolares, pero especialmente, grazas ao traballo cotián, ao entusiasmo e á convición do profesorado que tira delas  e que inviste estes recursos en beneficio sempre dunha mellora da calidade do ensino do alumnado.

Día Internacional da Muller, traballos colaborativos e bibliotecas escolares

A celebración do Día Internacional da Muller foi unha nova ocasión para iniciativas comúns no mundo das bibliotecas escolares galegas. Nestes días, algúns dos blogues destas bibliotecas presentaron informacións comúns, elaboradas polos seus coordinadores e coordinadoras e postas a disposición de todos e todas. Estes traballos reflicten dinámicas de actuación nos centros escolares e falan da importancia da biblioteca escolar, e dos recursos que esta pon a disposición da comunidade educativa de cada centro, para a educación integral do alumnado e, como moi ben se reflicte neste caso, para a educación en valores e a sensibilización de cara a construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.  Hora de ler sumouse a esta iniciativa, pero recomendamos un percorrido polos blogues das bibliotecas escolares, entre eles, e a modo de exemplo:

En busca do personaxe perdido: un xogo para a educación documental

Dende o IES Río Cabe achégannos este material para a educación documental: buscando a Rembrandt.

Formación de usuarios - IES Río Cabe

Mª Luz Paramio, da biblioteca escolar do IES Río Cabe, de Monforte de Lemos, pon a disposición de todos esta excelente ferramenta para iniciar a educación documental.

IES de Fene

O Preguntón do venres: unha proposta para a educación en habilidades de información ou educación documental.

Estes e outros materiais xenerosamente postos a disposición de todas e todos, pódense descargar nesta páxina ou no enlace que nos leva ao blog de Educación Documental da biblioteca escolar do IES de Fene: http://osegreldopenedo.googlepages.com/aolimp%C3%ADadadosaber

IES de Fene - A aposta da semana

Varias cuestións para este xogo semanal de busca documental.

IES de Fene - Pista a Pista

Materiais do xogo de busca documental que denominan Pista a Pista

IES DE FOZ

Desde a biblioteca do IES de Foz remítennos materiais para educación documental, traballando con:

  • Diccionarios
  • Enciclopedias e anuarios

IES de Fene

Selección de recursos electrónicos sobre o cine.

IES Auga da Laxe

Actividades para a formación de usuarios