Nova convocatoria en apoio a clubs de lectura

O venres 31 de outubro vén de ser publicada no Portal Educativo a convocatoria pola que se incentiva o funcionamento de clubs de lectura en centros que matriculan alumnado de ensino secundario, formación profesional ou ensinanzas de réxiime especial, para o curso 2008/2009.

O prazo de presentación de proxectos remata o 18 de novembro.

Rematados os II Encontros de bibliotecas escolares de Galicia, con éxito de participación

O sábado á noitiña, cunha interpretación das conclusións en clave de clown, remataban os II Encontros de bibliotecas escolares de Galicia, que reuniron ao longo da tarde do venres e todo o sábado a uns 970 profesores e profesoras de toda Galicia integrantes, maioritariamente, dos equipos de biblioteca dos centros non universitarios, ademais doutro profesorado interesado neste ámbito.

A conferencia de peche, a cargo de Antonio Basanta Reyes, baixo o título "A primeira biblioteca", emocionou, divertiu e incitou á reflexión sobre diversos aspectos da lectura e das bibliotecas, a un profesorado que seguiu con interese as 26 experiencias presentadas por centros educativos e as conferencias dos expertos en ámbitos como a investigación sobre os procesos da lectura (Isabel Solé), a biblioteca escolar e a súa contribución ao desenvolvemento do currículo (José García Guerrero) ou os proxectos documentais integrados e a Alfabetización Informacional (Rosa Piquín).

A organización estivo a cargo da Asesoría de Bibliotecas Escolares, en colaboración cos asesores e asesoras deste ámbito dos distintos centros de formación e recursos.

Novos materiais para educación documental. Actualización da páxina de Glória Durban

A profesora catalana Glòria Durban comunícanos que vén de actualizar a súa páxina persoal, bibliotecaescolar.info, referencia imprescindible para o traballo na biblioteca escolar e moi especialmente no ámbito da educación documental/ALFIN. Reproducimos a súa explicación:

 

 

La web bibliotecaescolar.info ha actualidado sus contenidos en referencia a tres aspectos concretos:
- Materiales didácticos para el desarrollo de la competencia informacional con una selección de recursos disponibles en la Red correspondientes a los tres ámbitos de la comtepencia: acceso, tratamiento y comunicación de la información.
- Formulación y concreción de la vinculación necesaria y posible de la biblioteca escolar con la cultura digital.
- Aproximación a los recursos digitales diponibles en Internet: tipologías de recursos, nuevos servicios digitales y una propuesta concreta de biblioteca digital para la biblioteca escolar pensando especialmente en la educación secundaria.
Tambien hay un material nuevo que he elaborado en mi centro con una profesora para un proyecto que hemos llamado "Aprender a investigar" son unas guias didàcticas de cada uno de los tres ambitos de la competencia. Son muy utiles para guiar los trabajos de investigación de 4t de la ESO. El problema es que estan en catalan y ahora no tengo tiempo de traducirlos. Mas adelante. Pero estan disponibles en la web.
Agradecemos, unha vez máis, a xenerosidade de Glòria Durban ao poñer os seus materiais a disposición de todo o profesorado.

II Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia: Bibliotecas para ler e aprender

Baixo o lema BIBLIOTECAS PARA LER E APRENDER vanse celebrar en Santiago de Compostela (Palacio de Congresos, 17-18 de outubro) os II ENCONTROS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA, dirixidos ao profesorado galego interesado e involucrado na xestión e dinamización das bibliotecas escolares.

O prazo para matricularse remata o 30 de setembro e deberá facerse a través da aplicación informática FPROF, do Servizo de Formación do Profesorado.

Nesta ocasión, o groso das intervencións servirán para coñecer experiencias moi concretas de bibliotecas escolares en plena actividade. Intervirán tamén Isabel Solé, José García Guerrero, Rosa Piquín e Antonio Basanta.

Programa

Cadro de experiencias presentadas

Biblioteca Escolar, Servidor Central

Está a chegar aos centros o CARTEL editado neste inicio do curso 2008/2009 pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa (Asesoría de Bibliotecas Escolares), coa finalidade de lembrar a importancia da biblioteca escolar como instrumento necesario e imprescindible ao servizo das aprendizaxes no centro.... de todo tipo de aprendizaxes: a lectura comprensiva de textos diversos en soportes tamén diversos, o uso crítico (e máis ético) de fontes informativas diferentes, a produción de información propia, a elaboración de traballos documentais en función das necesidades xeradas desde as distintas áreas e materias, o ser lector... unha biblioteca que dá servizo a profesorado e alumnado, tamén cando se pode,  ao resto da comunidade escolar... unha ferramenta no traballo por competencias que os novos currículos-LOE apoian decididamente.... é dicir, un auténtico servidor central.

O cartel está ilustrado por Manuel Lariño; continúase así unha liña de traballo con debuxantes galegos que se iniciara co programa de fomento da lectura Hora de Ler, no ano 2006, nun intento de potenciar a presenza da ilustración no contexto educativo e procurando a visión destes autores respecto do mundo da lectura e das bibliotecas.

Plan de mellora de bibliotecas escolares 2008/2009. Resolución

No DOG do 5 de setembro aparece publicada a Orde de 28 de agosto de 2008 pola que se resolve a convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2008-2009. Incorpóranse ao PLAMBE 70 novos centros. Trala baixa por propia vontade de tres centros, son xa 224 bibliotecas escolares as que integran a rede.

Publicado no Portal Educativo da Consellería de Educación.

Proxecto Interdisciplinar - 1º ESO: un excelente exemplo

A nova materia de 1º de ESO, Proxecto Interdisciplinar, é unha boa ocasión para que a biblioteca escolar, cos seus recursos e o apoio dos seus responsables, amose toda a súa potencialidade nos centros de ensino secundario. Desde o IES Río Cabe, de Monforte de Lemos, Beatriz González convídanos a coñecer un destes proxectos, apoiado pola biblioteca escolar:

"Mándovos un enlace á entrada do noso blog  onde podedes ver o traballo dos alumnos do Proxecto Interdisciplinar co profesor de Plástica do centro (Manuel Sánchez). Tamén colaboramos dende a Biblioteca posto que no 1º trimestres fixemos con eles (na Biblioteca) a formación de usuarios, no segundo aprenderon a facer un traballo de investigación (proporcionámoslles material). No último trimestre centráronse no Guernica. A montaxe do vídeo é de M. Luz Paramio. Penso que o resultado é magnífico.  Quedamos impresionados cando o venres,espontáneamente, os rapaces empezaron a aplaudir cando viron no blog o resultado do traballo."

http://bibliocabe.blogspot.com/2008/06/proxecto-interdisciplinar.html

E outro excelente exemplo do mesmo centro:

http://bibliocabe.blogspot.com/2008/06/proxecto-interdisciplinar-ii.html

Concurso nacional de boas prácticas en bibliotecas escolares, 2008. Ministerio de Educación

Con data 5 de xuño publícase no BOE a convocatoria do Ministerio de Educación, Política Social e Deporte,  do Concurso nacional de boas prácticas para a dinamización e innovación das bibliotecas dos centros escolares, correspondente ao ano 2008. O prazo de presentación de memorias é de un mes.

Acceso ao texto completo da orde de convocatoria.

Xornada dos Clubs de Lectura

O vindeiro 25 de xuño celebrarase en Santiago de Compostela unha Xornada de Clubs de Lectura, destinada ao profesorado coordinador dos clubs de lectura creados en centros públicos que matriculan alumnado de ensino secundario, durante o curso 2007/2008, e que foran seleccionados segundo a convocatoria da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para incentivar este tipo de actividades. En total, neste curso, recibiron apoio da consellería un total de 104 clubs de lectura, nalgúns casos con varios grupos en funcionamento, mesmo con participación, tamén nalgúns casos, dos distintos sectores da comunidade educativa. Nesta xornada poderanse coñecer varias destas experiencias, ademais de contar coa presenza de dúas persoas de referencia no ámbito dos clubs de lectura: a directora da Biblioteca Pública de Guadalajara, Blanca Calvo, e o escritor e narrador Pep Bruno.

Programa

O Rincón da Fantasía: Bibliotecas escolares de Arousa

Varias bibliotecas escolares da zona da Ría de Arousa unen os seus esforzos nun blogue colaborativo: O Rincón da Fantasía. Contan as súas responsables que tomaron contacto nas pasadas Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia, celebradas en Santiago en outubro de 2007 e que decidiron formar un grupo de traballo.

EEI Vagalume, CEIP Arealonga, CEIP A Escardia, CEIP de Rubiáns, EEI da Pastora e CEIP de Vilaxoán  empregan o blogue O Rincón da Fantasía como ferramenta común para dar compartir as súas experiencias en relación co fomento da lectura e da escritura.

O profesorado galego aproveita de forma diversa as posibilidades desta potente ferramenta para a comunicación que son os blogues: velaquí unha das máis interesantes, a que acorta distancias e facilita traballos comúns. Parabens!!

As bibliotecas escolares galegas no Anuario 2008 de Bibliotecas Españolas

 

 O pasado 23 de abril, Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor, presentábase na Biblioteca Nacional o Anuario 2008 de bibliotecas Españolas, publicado pola Fundación Alonso Quijano para el fomento de la lectura.

O anuario ofrece información sobre bibliotecas escolares, públicas, universitarias, de investigación e de diversas institucións, entre elas, a Biblioteca Nacional de España. Recolle tamén un bo númro de recursos para bibliotecari@s e usuari@s.

As bibliotecas escolares galegas tamén están presentes, a través dun artigo da Asesoría de Bibliotecas Escolares.

Memoria da biblioteca. Curso 2007/2008

Lembramos que a data de presentación da xustificación de gastos e da memoria correspondente ao curso 07/08 remata o 20 de xuño, tal e como aparece recollido no punto oitavo da  correspondente orde de convocatoria.

En canto ao contido da MEMORIA, é importante reflectir as medidas organizativas e de xestión que se levaron a cabo no proceso de transformación da biblioteca nun centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, e reflectir como mínimo, os contidos que se detallan no punto 3, do devandito apartado:
- grao de cumprimento dos obxectivos propostos
- horario real asignado á persoa responsable da biblioteca (dificultades ou logros a maiores, no seu caso)
- actividades desenvolvidas, facendo fincapé naquelas que son propias da biblioteca como recurso educativo, ou que se desenvolven a proposta do equipo de biblioteca  (e non tanto nas actividades de carácter extraescolar ou que afectan a todo o centro, nas que poida colaborar a biblioteca, aínda que se poidan e se deban citar).
- grao de implicación do centro e da comunidade educativa.
- actividades de formación do ámbito das bibliotecas escolares nas que participou o profesorado.
- materiais producidos, no seu caso (especialmente guías de biblioteca, boletíns, blogs, materiais para a educación en información.....)
- avaliación (procurando incluír algún dato estatístico de uso dos servizos; a informatización dos fondos permitirá sen dúbida esta estatística)
- previsións de futuro
É bo incluír imaxes.

Letras Galegas - 2008: máis materiais elaborados polas bibliotecas escolares.

Desde a biblioteca do CEIP San Franciso Xavier, de A Coruña, remítennos para a súa difusión unha presentación ben interesante para o alumnado de primaria con actividades atractivas arredor dos poemas de Álvarez Blázquez. Agradecemos a Julia Tarrío, responsable desta biblioteca escolar, que o poña a disposición do resto do profesorado galego.

Letras galegas 2008. Xosé María Álvarez Blázquez

Nota: Para obter a maior rendabilidade a esta proposta cómpre lembrar que na parte inferior de cada diapositiva, en formato presentación, existen ferramentas de escritura.

Educación documental a propósito de Álvarez Blázquez

Jullia González, desde a biblioteca do CEIP Mestres Goldar, de Vigo, achéganos un material sinxelo pero eficaz, para a educación documental, co gallo do Día das Letras... ou sexa, integrando contidos desde a biblioteca escolar.

Como todos os caderniños que propón a Biblioteca, é unha actividade voluntaria, para facer na hora da biblioteca ou no recreo. O "gancho" que utilizamos son os "mikopuntos" pero tamén os motiva moito o feito de ter que empregar os ordenadores.
Nesta ocasión está destinado ao 2º e 3º ciclos de Primaria para facer en grupo, porque é un pouco longa e poden repartir o traballo. Utilizamos os poemas de Álvarez Blázquez de "Roseira do teu mencer".

Este enlace accede a todos os caderniños, incluídos os de Educación Infantil e 1º ciclo de Primaria

Outras bibliotecas como a do CEIP Quintela, de Moaña, prepararon materiais específicos para a conmemoración deste día. Recoméndase unha visita polos blogues de bibliotecas escolares galegas.

 

Convocatoira do Plan de mellora de bibliotecas escolares - 2008/2009

 

 O DOG do 7 de maio publica a Orde de 25 de abril pola que se convoca o PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES para o curso 2008/2009. Coma en ocasións anteriores, poderán participar os centros xa integrados no programa e todos aqueles centros públicos de titularidade da Consellería de Educación que desexen a súa inclusión neste programa de reactivación das bibliotecas escolares, como recursos imprescindibles para unha educación de calidade.

Texto da convocatoria

Enlace con documentos para cubrir directamente e imprimir

Webquest sobre Xosé María Álvarez Blázquez, Letras Galegas 08

Novos materiais froito do traballo colaborativo do profesorado, nesta ocasión as persoas que están detrás de tres blogues de bibliotecas escolares  ben activos: O Segrel do Penedo, A Nosa Biblioteca e Biblioafonso. Xenerosamente, poñen a disposición de todo o profesorado unha webquest para alumnado da ESO sobre Xosé María Álvarez Blázquez, autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Benvido este material!!!

Libros ao patio!!

 
                

No CEIP Fermín Bouza Brey, de Ponteareas, levan xa algún tempo "botándose a ler ao patio", con gran éxito e moita alegría... que este tipo de experiencias gratas son as que espertan as ganas de ler. Dinos, Beatriz González, a responsable da biblioteca:

Nos tamén para celebrar o Día do Libro decidimos sair ao patio, como xa fixeramos fai dous anos.Tanto o profesorado como o alumnado tiña que traer o seu libro favorito da casa e..."Libros ao patio".

Obxectivo: Descubrir o pracer da lectura fora dos espacios pechados

   

Xeografía e Literatura. 3º ESO

A responsable da biblioteca do IES Fermín Bouza Brey, de Vilagarcía de Arousa, Susana Trigo, ofrece para a súa difusión este traballo, froito dunha Licenza por estudos concedida pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa no ano 2007:

XEOGRAFÍA E LITERATURA. Unha proposta para 3º da ESO, segundo Decreto 133/2007:

Bloque 3: Organización política e espazo xeográfico. Bloque 4: Transformacións e desequilibrios no mundo actual.

Inclúe dous ficheiros: Índice de materias e Catálogo bibliográfico.

Literatura na rúa!!

 
 

  Para celebrar o Día do Libro o alumnado de Literatura Galega do século XX (2º BAC) deixou a aula e saíu ás rúas de Pontevedra agora con pouco tránstito e acolledoras. Cada alumno/a foi lendo un texto de homenaxe a autores que contan cunha estatua, busto ou placa nas rúas pontevedresas. Castelao, Bóveda, Valle Inclán, Paz Andrade... deixáronse acompañar uns momentos polos mozos e mozas do IES Sánchez Cantón. (Charo Sánchez-Gabriel, responsable da biblioteca)

As bibliotecas escolares son lugares abertos, espazos de liberdade.... derruban fronteiras e bótanse á rúa, porque a lectura é vida. Velái aos rapaces e rapazas do IES Sánchez Cantón, no Día Internacional do Libro, levando a literatura polas rúas e prazas de Pontevedra, "animando" até as estatuas...

E uns días antes, mozos e mozas do IES Alexandre Bóveda de Vigo fixeron a ruta literaria de Rosalía de Castro, tal e como contan no seu blogue:  http://biblioboveda.blogspot.com/2008/04/ruta-literaria-de-rosala.html

Día Internacional do Libro nas bibliotecas escolares

Moitas son as actividades que ao longo deste mes se veñen celebrando, coma no resto do ano, nas bibliotecas escolares galegas. Algunhas destas propostas son as seguintes:

Un punto no Liberespazo

Un punto de lectura, un marcapáxinas, un marcador.... un momento para a reflexión sobre o significado da lectura literaria na formación dos máis novos, sobre a importancia dos textos que poñemos nas súas mans, sobre a responsabilidade que supón o noso traballo como mediadores, sobre a necesidade de primar calidade sobre cantidade, de elixir tamén con criterios de calidade as actividades que deseñamos para fomentar a lectura no contexto escolar, nas aulas e nas bibliotecas. Un momento para repensar prácticas que axuden aos rapaces, ás rapazas, a atopar os sendeiros que levan a ese territorio libre do que fala Carlo Frabetti.

Un punto no Liberespazo

Materiais para a educación documental - Ensino Secundario

Desde a biblioteca do IES Poeta Añón de Outes (A coruña) remítennos uns materiais para educacióndocumental de gran interese. Atendendo a un dos contidos do Alfabetización Informacional, o uso ético da información, sendo como son na súa meirande parte tradución e adaptación de materiais preexistentes, dispoñibles a través de internet, recoñécese a autoría orixinal cunha mención explícita. En calquera caso, son excelentes instrumentos para a formación do alumnado de ESO, bacharelato e ciclos formativos no uso e tratamento da información, e debe recoñecerse o traballo realizado e agradecer a posibilidade de difundilo e poñelo a disposición do resto de bibliotecas escolares a través desta páxina:

Novas guías de lectura... para o Día Internacional do Libro

Chegan novas guías de lectura, seleccións de gran interese elaboradas polos equipos das bibliotecas escolares, co fin de orientar as seleccións do alumnado, dar a coñecer novidades e títulos de referencia en relación a unha temática determinada, un xénero ou un autor. Son recursos fundamentais para os mediadores e a súa difusión serve, entre outras cousas, para rendabilizar o traballo de todos e todas e ampliar os efectos do traballo colaborativo. Detrás de cada guía de lectura, de cada selección, hai un traballo previo, de moitas horas de consulta de catálogos e visitas a  librerías e bibliotecas, de lectura e análise, de elaboración... un traballo que cómpre recoñecer e agradecer.

IES Poeta Añón, de Outes (A Coruña):

IES Pedra da Aguia, de Ponte do Porto (Camariñas):

Día Internacional do Libro: materiais para a educación documental

Este mes de abril é un fervedoiro de actividade arredor do libro e a lectura na práctica totalidade dos centros educativos. Algunhas propostas poden aproveitarse para reforzar as habilidades no uso e tratamento da información, unha das competencias básicas que o alumnado debe ir adquirindo pouco a pouco, aproveitando todas as oportunidades posibles. Así o entenderon, por exemplo, no CEIP Mestres Goldar, de Vigo, que poñen a disposición de todas as bibliotecas escolares a súa proposta de educación documental para estes días próximos á conmemoración do Día Internacional do Libro.