Banco de experiencias

Mulleres premios Nobel de Ciencia

Desde o IES de Cacheiras (Teo), recentemente incorporado ao Plan de mellora de bibliotecas escolares, chéganos a nova sobre os materiais dunha exposición elaborados na biblioteca escolar por dúas alumnas de 2º de BAC, Nuria Cancela e Rocío Ferreiro, coordinadas pola profesora Marieta Fandiño, do Departamento de Física e Química. Este material, que consta de 25 paneis deseñados polas alumnas e realizados en formato DIN A4, foi seleccionado para ser presentado en Galiciencia, que se celebra en Ourense, do 18 ao 21 de novembro, onde terá un stand propio, así como este vídeo que difundimos.
Excelente mostra do traballo de investigación na área das ciencias, co apoio da biblioteca escolar.
Parabéns a profesora e alumnas!!

Matemática próxima

BIBLIOTECA ESCOLAR E XOGOS MATEMÁTICOS on PhotoPeach

As bibliotecas escolares galegas está a dar vida ao cartel deste curso "Biblioteca escolar... matemático!!!", organizando exposicións de materiais relacionados coas matemáticas, así como actividades para dar a coñecer estes materiais, sesións de xogos matemáticos, acertixos matemáticos, recompilacións literarias relacionadas coas matemáticas e outros... Un exemplo é este vídeo da biblioteca do IES Blanco Amor (Ourense), no que podemos ver a exposición de materiais e unhas imaxes do alumnado en plena actividade. Outras mostras de actividades:

Materiais das V Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia

 

Están dispoñibles en redeBE os materiais das V Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, celebradas en Santiago de Compostela os pasados 7 e 8 de novembro. 

A través deste espazo moodle  pódese acceder ás presentacións de expertos e docentes incluídos no programa das xornadas; os blogues de cada unha das bibliotecas e outras informacións de interese. 

En breve, subiránse tamén á redeBE as gravacións realizadas nas distintas salas.

 

 

 

Resolución do Concurso de Traballos por Proxectos

 

En marzo de 2014, a Dirección Xeral de Centros e RRHH publicaba a convocatoria dun Concurso de Traballos por Proxectos, coordinados ou coa participación da biblioteca escolar. Contemplábanse varias modalidades e un ou varios premios por modalidade.

Presentáronse 91 proxectos procedentes de 83 centros de ensino público, de todo o territorio galego.

Con data 30 de outubro de 2014, publícase agora a resolución deste concurso, que recolle un total de 16 proxectos, de moi variadas temáticas. Os centros galardoados recibirán unha asignación destinada a desenvolver programas da biblioteca escolar para a educación en información e fomento da lectura.

 

TEXTO DA RESOLUCIÓN E RELACIÓN DE CENTROS GALARDOADOS. 

Día da biblioteca 2014: un día, moitas propostas

Informe Proxecto Kamishibai (2012-2014)


Neste vídeo podemos ver a nenas e nenos de 1º B do CEIP Frián-Teis, de Vigo, empregando o kamishibai para a presentación dun dos seus traballos de investigación, neste caso sobre a historia do Rainbow Warrior, a compañeiros seus do cuarto curso de primaria, un bo exemplo das posibilidades deste teatriño xaponés.

Trala recollida de valoracións dos 15 centros que participaron  no Proxecto Kamishibai no periodo 2012-2014, presentamos un breve infome sobre as posibilidades do kamishibai nas bibliotecas escolares e nas aulas. 

Entre as conclusións que se extraen das valoracións do profesorado destacamos: "O kamishibai é valorado claramente como un recurso moi útil para as actividades de expresión oral, narracións e recitais dentro da biblioteca escolar. Da mesa forma, considérase un recurso útil para a realización de actividades de expresión plástica e artística. Favorece o traballo e os intercambios colaborativos". Un 80% dos equipos de biblioteca consultados (usuarios do kamishibai), valoran positivamente o kamishibai como recurso para a adquisición de competencias básicas. 

  • "Aprenderon a sintetizar o texto nun só debuxo con trazos moi sinxelos"
  • "É un bo recurso para a atención á diversidade"
  • "Permite traballar distintas competencias de forma diferente"
  •  "Permite mellorar a competencia en comunicación lingüística desde a creación dos propios textos ata a posta en escea traballando a lectura expresiva".

ACCESO AO INFOME COMPLETO

Lendo ciencia no IES de Ponteceso


Desde o departamento de Bioloxía do IES de Ponteceso e, máis concretamente, desde a asignatura de Ciencias pra o Mundo Contemporáneo, chéganos esta presentación de libros lidos polo alumnado no curso 2013/2014. Neste enlace podemos atopar maior información: CIENCIAS MUNDO CONTEMPORÁNEO
A ciencia nas mans dos mozos e mozas demostra unha vez máis que cando estes son acompañados debidamente, con coñecemento e intención educadora, len moito e len o que se tercie, mesmo que sexa ensaio (ese do que tantos adultos fuxen a cotío). Parabéns á profesora Isabel Segura polo seu empeño en facer da divulgación científica entre o alumnado unha realidade.

Biblioteca e ciencia, proxectos compartidos

FEIRA DA CIENCIA E DA TECNOLOXÍA on PhotoPeach


Un exemplo de traballo colaborativo entre a biblioteca escolar e os departamentos de ciencias, desde o IES Blanco Amor, de Ourense.

III Día da Arte Galega na Escola, nas bibliotecas da Mariña luguesa

Trala primeira convocatoria desde a biblioteca do CEIP de Cervo, van xa tres cursos nos que os centros da Mariña de Lugo (e algúns outros espallados por toda Galicia) veñen celebrando o Día da Arte Galega, arredor da data do 1 de xuño, no que se conmemora o nacemento do artista galego Luís Seoane. Cada centro acomoda a celebración aos seus proxectos anuais e contactan con artistas da zona (pintores, fotógrafos, escultores...) para que as nenas e os nenos coñezan de preto o seu traballo e poñer así en valor a creatividade máis próxima. Desta vez, no CEIP de Cervo adicaron este día (e o traballo previo) á fotografía. Podemos ver imaxes e unha pequena crónica no seu blog. 

A biblioteca debuxada

 

Desde o CPI Dr. López Suárez, de Friol (Lugo) chéganos este plano-debuxo da biblioteca do centro, con moita información sobre os recursos e as posibilidades que esta ofrece á comunidade educativa. Parabéns!

Pódese ver con máis detalle AQUÍ 

 

 

 

 

 

VI Encontros de Banda Deseñada da Mariña

 

O IES Perdouro, de Burela, bota a andar os VI Encontros de Banda Deseñada da Mariña, unha cita anual de gran interese para o achegamento do alumnado, e da sociedade en xeral, a textos, personaxes, temáticas e autores significativos do mundo do cómic e a da novela gráfica. 

Dentro das actividades destes VI Encontros o centro convoca un Concurso de Banda Deseñada, aberto á participación de persoas interesadas, non profesionais, así como de alumnado de primaria e de secundaria de calquera centro de Galicia. O prazo de presentación de orixinais remata o 4 de maio de 2014.

BASES DO CONCURSO

 

8 de marzo, Día Internacional da Muller

O día 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller, unha data que cómpre seguir lembrando en favor de maiores cotas de igualdade na sociedade para un colectivo que supón algo máis da metade da sociedade galega, sen ir máis lonxe. 

As bibliotecas escolares aproveitan esta data para realizar propostas de traballo para a educación en valores, a prol da igualdade de alumnas e alumnos, e para o recoñecemento das importantes achegas que as mulleres fán á sociedade e que carecen, en moitos casos, de visibilidade. Velaquí algúns exemplos: 

* A imaxe que ilustra esta entrada é de Mónica Carretero

Os ecosistemas da Terra. Un traballo documental en 5º de Primaria


 

Desde a biblioteca do CEIP Milladoiro (Malpica de Bergantiños, A Coruña), chéganos información sobre o traballo que estiveron realizando as alumnas e os alumnos de 5º curso de Primaria, dentro do proxecto "Os Ecosistemas da Terra". "Trátase dun traballo documental que puideron escoller presentar en papel ou presentación electrónica. Tiveron catro semanas para elaboralo. O deseño incluía descriptores da competencia de CM, linguística (texto expositivo e exposición oral, diversos tipos de lectura...), tratamento da información e autonomía persoal. O traballo, unha vez finalizado, tivo que ser exposto oralmente ao resto do grupo así como recibir a avaliación deles."

No blogue do alumnado de 3º ciclo, insertado no blogue da biblioteca, podemos ver as distintas presentacións elaboradas no contexto deste traballo: unha labor seria de educación para a competencia informacional e para unha aprendizaxe significativa.

A biblioteca, un espazo para a ciencia



O profesorado das áreas de ciencias ten na biblioteca escolar un aliado esencial para motivar ao seu alumnado, e para ofrecer fontes alternativas ao libro de texto: recursos variados, actualizados, motivadores, imprescindibles para contrastar a información; recursos electrónicos seleccionados, acceso a fontes diversas e plurais. Pero a biblioteca é tamén unha plataforma para a difusión dos traballos de investigación do alumnado.

Nesta ocasión, a biblioteca do IES Alexandre Bóveda (Vigo) é escenario para a presentación dun "concurso" de maquetas realizadas polo alumnado de ESO na materia de Bioloxía. E velaquí o vídeo que documenta este importante momento para o alumnado: o de explicar o "produto" dun proxecto. Detrás da maqueta hai horas de investigación, explicacións, estudo, deseño, colaboración e aprendizaxe. Saber expoñer o traballo, neste caso unha maqueta, ao resto dos compañeiros, é tamén unha práctica necesaria porque en tempos da sociedade da información as habilidades orais, lonxe de quedar superadas, constitúen unha das ferramentas máis poderosas para moverse no ámbito persoal, académico, laboral, social e cidadán. 

Formación de usuarios básica (pero esencial)


Vídeo sobre a CDU realizado pola biblioteca do IES A Xunqueira II, de Pontevedra, e empregado nas primeiras sesións de formación de usuarios.

Guía dos colaboradores da biblioteca. IES Rafael Dieste

A formación do alumnado colaborador é esencial para que este grupo de apoio á biblioteca poida exercer con eficiencia as súas funcións. Desde o IES Rafael Dieste, de A Coruña, chéganos esta GUÍA DOS COLABORADORES, que pode dar unha idea do tipo de actividades que poden desenvolver na biblioteca.

A biblioteca, apoiando proxectos de centro. Nos conservatorios de música, tamén.

Son moitos os camiños da educación en valores nos que a biblioteca ten un papel fundamental, e a organización dun concerto solidario cunha causa xusta pode ser un deses camiños. Cando se trata, ademais, dun centro especializado en ensinanzas musicais, a actividade entronca radicalmente co currículo que imparte e coa formación integral imprescindible. E aí está a biblioteca. 

Velaquí a proposta do Conservatorio Profesional de Música de Vigo que, en colaboración coa Asociación ASPERGA (Asociación de Familias de Persoas Afectadas pola Síndrome Asperger), de Vigo, está a organizar unha xornada específica sobre o síndrome de Asperger, cunha charla dirixida a alumnado, familias e calquera outra persoa interesada en coñecer "como se debe actuar cun neno, cunha unha nena, afectados por este síndrome".  Será o 20 de febrerio ás 18,30h. da tarde. Posteriormente, alumnado do centro dará un concerto solidario para recadar fondos para a devandita asociación.

Desde aquí damos difusión a esta actividade pero, especialmente, celebramos o feito de que a biblioteca participe neste tipo de iniciativas que, finalmente, reforzan vínculos de cidadanía, pero ademais, son plataforma para a difusión dos avances do alumnado do centro nas materiais que lles son propias como alumnos de estudos musicais. 

Voluntariado de lectura - A no Vales Villamarín, de Betanzos


NO CEIP Vales Villamarín, de Betanzos, que participa na iniciativa Voluntariado de Lectura - A, existe un grupo de colaboradores da biblioteca que teñen moi claras as súas competencias, tal e como lemos no blogue da biblioteca e podemos apreciar nestas imaxes:

63 nenas e nenos de  5º de E.P. forman o grupo de alumnos colaboradores da biblioteca, que, en parellas, desenvolven moi ben as súas tarefas:

    Acompañar ao alumnado do 1º ciclo na travesía cara a biblioteca.
    Axudar no cumprimento das normas.
    Colaborar cos demais, especialmente co alumnado de 1º ciclo, a buscar libros apropiados á súa idade e gustos.
    Colocar e axudar a colocar correctamente os libros nos andeis.
    Retirar os libros deteriorados.
    Participar no taller de reparación de libros deteriorados, denominado Hospital de libros.

30 de xaneiro: Día escolar pola Paz e a Non Violencia nas bibliotecas escolares

Chega xaneiro ao seu fin pero antes unha data no calendario civil cunha gran potencialidade educadora: O Día Escolar da Non Violencia e a Paz, que se celebra en España desde 1964, e á que se foron sumando múltiples asociacións e colectivos que traballan pola Cultura de Paz, entre eles o Seminario Galego de Educación para a Paz.  As bibliotecas escolaresacollen esta data nas súas programacións, programan actividades e recompilan recursos que poñen ao servizo das súas comunidades educativas e, a través de internet, dispoñibles para toda a cidadanía:

Voluntariado de Lectura-A, en marcha.

Son moitas as bibliotecas que contan con alumnado colaborador e todas e todos eles están realizando, de seguro, unha actividade de voluntariado cultural, de voluntariado de lectura. Na imaxe,colaboradora de biblioteca do CEIP Mestres Goldar (Vigo)

Pero ademais, algúns centros acolléronse á iniciativa "Voluntariado de Lectura -A" da Consellería de Cultura, Educación e O.U., que procura, en consonancia con esta dinámica xa creada nas bibliotecas escolares, contribuír á formación das nenos e dos nenos en actitudes de solidaridade e de colaboración ao ben común e, tamén, vinculalos á actividade lectora. Comezan a chegar algunhas novas sobre actividades encadradas nesta iniciativa:

Nova sección de Bibliotecas Escolares na revista EDUGA

 
 
A revista dixital EDUGA, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, fai público o seu número semetral correspondente a decembro de 2013, con novas seccións e un bo feixe de artigos de interese. Inclúese unha nova sección de Bibliotecas escolares, coordinada pola Asesoría de bibliotecas escolares, que consta de tres apartados: Biblioteca Escolar, Boas prácticas e Hora de ler.
Este número acolle, entre outras prácticas de excelencia, varias experiencias relacionadas coas ciencias: proxectos e dinámicas de bibliotecas escolares arredor dos contidos científicos, como expresión dun enfoque integrador que se propón como esencial para o funcionamento da biblioteca escolar nos centros de ensino.

Conto para o Kamishibai: O APALPADOR

 

O kamishibai ou teatriño xaponés, é un bo aliado para reforzar a oralidade. Desde o CPI Luís Díaz Moreno, de Baralla, nos remiten este conto para kamishibai, que xenerosamente ofrecen a todos os centros interesados: 

Axudantes da biblioteca, unha forma de adquirir competencias ALFIN

APRENDENDO A TRABALLAR CO "MEIGA" by Slidely Slideshow

Formar un grupo de colaboradores da biblioteca escolar é unha das fórmulas máis axeitadas para conseguir vincular o alumnado á biblioteca, aos beneficios e ás posibilidades da biblioteca escolar. Pero, ademais, cando ese grupo de colaboradores se forma a comezo de curso, e se responsabiliza de tarefas complexas como o préstamo de libros a través do programa informático, están adquirindo destrezas dixitais e de uso da información de gran interese. Velaquí o exemplo dunha sesión de formación "para aprender a usar o Meiga" na que participaron nenas e nenos de 3º ciclo de Primaria do CEIP Santiago Apóstolo, de Franza (Mugardos). Despois, estas nenas e estes nenos serán quen de realizar o préstamo aos seus compañeiros e compañeiras, pero sobre todo están aprendendo minimamente a manexarse cunha base de datos, a seguir un proceso, a identificar categorías, etc., etc.
Na meirande parte dos casos, o profesorado da biblioteca complementa estas sesións de formación cunha guía de colaborades ou axudantes. Podemos ver algúns exemplos

Premios Nacionais de Educación 2013. Presenza galega


O pasado 29 de novembro, o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte daba a coñecer a relación de centros galardoados cos Premios Nacionais de Educación na ensinanza non universitaria 2013. Resulta moi satisfactorio comprobar a presenza de centros galegos entre os premiados, moi especialmente cando as experiencias son, ademais, impulsadas ou apoiadas pola biblioteca escolar de cada un destes centros. Este é o caso do "Premio para el uso de las TIC como apoyo a la personalización del aprendizaje en educación secundaria", concedido ao equipo docente do IES Sánchez Cantón, de Pontevedra, polo proxecto "m-TIC. Programado aplicacións con _APP INVENTOR", e que podemos coñecer a través deste vídeo que xa publicáramos na páxina de bibliotecas escolares.
É gratificante ver tamén recoñecido o proxecto documental integrado A LINGUA SABE A PAN, do CEIP Frián-Teis, de Vigo, unha das experiencias de traballo interdisciplinar, impulsada desde a biblioteca escolar e que involucra a toda a comunidade educativa, que consideramos modélica e que se está a difundir a través das actividades de formación do profesorado, como una práctica de excelencia. Nesta ocasión é un "Premio al Desarrollo de Competencias de Lectoescritura y Audiovisuales".
Resultaron tamén galardoados traballos do IES de Ames: Los petroglifos de Ames ("Premio al Uso de Tecnologías Aplicadas a la Educación ").
Entre os centros galardoados figuran outros centros galegos:
- Colegio Internacional SEK Atlántico, de Poio, por unproyecto "productores de cine"
- Catro centros que participan no "Proyecto colaborativo Libro Virtual Gloria Fuertes" (CEIP Manuel Sieiro, de Crecente; CEIP Nosa Señora das Dores, de Forcarei; CEE Terra de Ferrol, de Ferrol; CPR Luis Vives, de Ourense), un proxecto no que participan cincuenta e catro centros docentes de diferentes Comunidades Autónomas. Reciben o premio para proyectos conxuntos entre equipos docentes de distintos centros españois de primaria.
Parabéns a todas as comunidades educativas que están detrás destes traballos.

Que é unha biblioteca para ti? CEIP A Lama


As familias do alumnado de ensino infantil do CEIP A Lama (A Lama, Pontevedra), colaboraron deste xeito á difusión das posibilidades da biblioteca no inicio deste curso 2013/2014. Fermosa recreación dunha fórmula que está a dar moi bos resultados. Parabéns!