10 de decembro, Día dos Dereitos Humanos

Desde a biblioteca do CEIP A Maía, de Ames (A coruña) chéganos esta presentación sobre Nelson Mandela, unha boa forma de homenaxear á figura deste home que hoxe despide o mundo entre declaracións diplomáticas, alardes informativos e sentimento desbordado, mentres os dereitos humanos polos que el sempre traballou seguen pendentes para moitos miles de persoas en todos os recunchos da terra. É unha boa maneira tamén de lembrar, neste 10 de decembro, que se pode construír aínda unha sociedade xusta coa urdimbre que ofrece a Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
As bibliotecas escolares galegas estanse sumando a esta homenaxe a Nelson Mandela, con entradas nos seus blogues e actividades diversas nos centros. Velaquí algúns exemplos:

Axudantes da biblioteca, unha forma de adquirir competencias ALFIN

APRENDENDO A TRABALLAR CO "MEIGA" by Slidely Slideshow

Formar un grupo de colaboradores da biblioteca escolar é unha das fórmulas máis axeitadas para conseguir vincular o alumnado á biblioteca, aos beneficios e ás posibilidades da biblioteca escolar. Pero, ademais, cando ese grupo de colaboradores se forma a comezo de curso, e se responsabiliza de tarefas complexas como o préstamo de libros a través do programa informático, están adquirindo destrezas dixitais e de uso da información de gran interese. Velaquí o exemplo dunha sesión de formación "para aprender a usar o Meiga" na que participaron nenas e nenos de 3º ciclo de Primaria do CEIP Santiago Apóstolo, de Franza (Mugardos). Despois, estas nenas e estes nenos serán quen de realizar o préstamo aos seus compañeiros e compañeiras, pero sobre todo están aprendendo minimamente a manexarse cunha base de datos, a seguir un proceso, a identificar categorías, etc., etc.
Na meirande parte dos casos, o profesorado da biblioteca complementa estas sesións de formación cunha guía de colaborades ou axudantes. Podemos ver algúns exemplos

Premios Nacionais de Educación 2013. Presenza galega


O pasado 29 de novembro, o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte daba a coñecer a relación de centros galardoados cos Premios Nacionais de Educación na ensinanza non universitaria 2013. Resulta moi satisfactorio comprobar a presenza de centros galegos entre os premiados, moi especialmente cando as experiencias son, ademais, impulsadas ou apoiadas pola biblioteca escolar de cada un destes centros. Este é o caso do "Premio para el uso de las TIC como apoyo a la personalización del aprendizaje en educación secundaria", concedido ao equipo docente do IES Sánchez Cantón, de Pontevedra, polo proxecto "m-TIC. Programado aplicacións con _APP INVENTOR", e que podemos coñecer a través deste vídeo que xa publicáramos na páxina de bibliotecas escolares.
É gratificante ver tamén recoñecido o proxecto documental integrado A LINGUA SABE A PAN, do CEIP Frián-Teis, de Vigo, unha das experiencias de traballo interdisciplinar, impulsada desde a biblioteca escolar e que involucra a toda a comunidade educativa, que consideramos modélica e que se está a difundir a través das actividades de formación do profesorado, como una práctica de excelencia. Nesta ocasión é un "Premio al Desarrollo de Competencias de Lectoescritura y Audiovisuales".
Resultaron tamén galardoados traballos do IES de Ames: Los petroglifos de Ames ("Premio al Uso de Tecnologías Aplicadas a la Educación ").
Entre os centros galardoados figuran outros centros galegos:
- Colegio Internacional SEK Atlántico, de Poio, por unproyecto "productores de cine"
- Catro centros que participan no "Proyecto colaborativo Libro Virtual Gloria Fuertes" (CEIP Manuel Sieiro, de Crecente; CEIP Nosa Señora das Dores, de Forcarei; CEE Terra de Ferrol, de Ferrol; CPR Luis Vives, de Ourense), un proxecto no que participan cincuenta e catro centros docentes de diferentes Comunidades Autónomas. Reciben o premio para proyectos conxuntos entre equipos docentes de distintos centros españois de primaria.
Parabéns a todas as comunidades educativas que están detrás destes traballos.

Centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares 2013/2014 nun clic

 

A CORUÑA
 

LUGO
 

PONTEVEDRA
 

OURENSE
No seguinte enlace podemos ver a localización dos centros que están integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares no actual curso 2013/2014

Que é unha biblioteca para ti? CEIP A Lama


As familias do alumnado de ensino infantil do CEIP A Lama (A Lama, Pontevedra), colaboraron deste xeito á difusión das posibilidades da biblioteca no inicio deste curso 2013/2014. Fermosa recreación dunha fórmula que está a dar moi bos resultados. Parabéns!

Centros inscritos na inicitiva "Voluntariado de Lectura - A"

 

O Portal Educativo publica hoxe a relación de centros inscritos na iniciativa denominada "Voluntariado de lectura - A", da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, destinada a recoñecer o traballo do alumnado do 3º Ciclo de Primaria que participa ns grupos de colaboradores de biblioteca do seu centro, e noutras actividades de lectura compartida, dentro ou fóra do centro.  Os centros participantes enviarán memoria das actividades realizadas antes do 30 de abril de 2014. 

ACCESO Á RELACIÓN DE CENTROS

ACCESO Á CONVOCATORIA. 

Campaña da ONU: "Espazos seguros para mulleres e nenas"

Arredor do 25 de novembro moitas bibliotecas escolares organizan actividades, recompilan recursos e serven de plataforma para a presentación de materiais elaborados por grupos do centro a prol da igualdade e contra a violencia de xénero.

Pola súa parte a ONU chama ao seguemento dunha campaña para poñer fun á violencia contra as mulleres, reclamando "espazos seguros para mulleres e nenas"

Velaquí algunhas actividades e recursos desde as bibliotecas escolares galegas: 

A lectura na axenda. Un exemplo desde o IES Antón Losada Diéguez (A Estrada)

Grazas ao traballo de colaboración entre a Biblioteca, o Club de lectura do centro "Os retelladores do galiñeiro" e o Departamento de Orientación, as mozas e mozos do IES Antón Losada Diéguez de A Estrada poden contar cunha estupenda axenda escolar e de lecturas. Esta axenda leva unhas recomendacións de libros e unhas citas para facer boca, todas elas arredor do tema "Africa diversa", un excelente traballo que aborda o centro este curso e que conta cun blogue específico: http://africanolosada.blogspot.com.es/
Este blogue, que leva por título "Africa diversa", pode convertirse nunha referencia para todos os centros que queiran abordar algún tipo de traballo sobre este continente, toda vez que no mesmo se vai recompilando unha boa selección de recursos de todo tipo (vídeos, textos, artigos, outros blogues...), todos destinados a amosar unha visión desprexuizada das xentes e da realidade africanas.

Ler ciencia na biblioteca escolar do IES Eduardo Blanco Amor (Ourense)

LER CIENCIA NA BIBLIOTECA ESCOLAR on PhotoPeach


A biblioteca do IES Blanco Amor, de Ourense, aproveitou a data do 24 de outubro, Día da Biblioteca, e o cartel editado este curso pola consellería, para estimular a lectura científica entre o seu alumnado e para dar a coñecer á comunidade educativa os recursos informativos que ten á súa disposición. Esta exposición aproveitaba para difundir as posibilidades da biblitoeca escolar, da biblioteca municipal máis próxima así como da biblioteca nodal de Ourense. 

 

Tamén no IES Torrente Ballester, de Pontevedra organizaron unha exposición de materiais relacionados coas ciencias. Ver AQUÍ

Biblioteca escolar e Matemáticas

 

A colaboración da Biblitoeca Escolar cos distintos departamentos só pode traer beneficios para profesorado e alumnado. Cando a biblioteca está activa, é dicir, cando ten recursos materiais suficientes, un programa de actuacións orientado a cubrir as necesidades da comunidade educativa en materia de lectura e de información, e cando dispón tamén de recursos humanos axeitados ás funcións que realiza, pode exercer plenamente a súa "misión" (IFLA/UNESCO 2000), que é fundamentalmente apoiar o desenvolvemento do proxecto educativo de centro. Un exemplo recente é esta iniciatva da biblioteca "Rosalía de Castro" do IES Pazo da Mercé (As Neves, Pontevedra). Biblioteca e Departamento de Matemáticas propoñen actividades lúdicas relacionadas con esta materia: "XOGANDO COAS MATEMÁTICAS", cunha periodicidade semanal e un concurso final. A primeira actividade AQUÍ.

Esta iniciativa súmase a outras anteriores, de gran interese: 

Tamén foron bibliotecas escolares as que realizaron estas seleccións de recursos para este área:

Libros que van e veñen. Orientacións para as familias

As bibliotecas escolares contemplan nos seus programas algunhas actividades pensadas para implicar ás familias na formación dos nenos e nenas como lectores. As mochilas viaxeiras ou as bolsas destinadas ao alumnado de infantil, e que serven para gardar o libro que collen en préstamo na biblioteca para levar á casa, son dous exemplos destes LIBROS QUE VAN E VEÑEN e que vinculan á biblioteca coa casa, espazos privilexiados para inciar aos máis pequenos na lectura. Editouse un tríptico informativo sobre as distintas posibilidades de colaboración entre a biblioteca e as familias que se envía xunto coas bolsas de "libros que van e veñen". A modo de exemplo:

As bibliotecas poden ofrecer: 

  • Un espazo reservado ás familiar: o recuncho dos pais e das nais
  • Unha sección de materiais seleccionados segundo os intereses de nais e pais
  • Programa de mochilas viaxeiras
  • Actividades de lectura compartida
  • Acceso a internet
  • Recursos lectrónicos seleccionados
  • Orientación sobre lecturas
  • Guías de lectura, recomendacións de libros, cine, música...
  • Club de lectura, faladoiros, tertulias. Cinefórum
  • Obradoiros específicos (como ler un conto, como contar un conto...)
  • Actividades como "Lemos xuntos" (Sanxenxo), para apoiar os vínculos familia-escola e lectura. 

TRÍPTICO "Libros que van e veñen"

Espazo de "lecturas compartidas" no CEIP de Andrade

Segundo van cobrando vida, as bibliotecas escolares van creando novos espazos e atopando novas funcións que cubrir. Atender a todos os sectores da comunidade educativa significa poñer atención ás súas necesidades e ás súas formas de relación con  respecto á lectura. Velaquí o novo espazo creado pola biblioteca do CEIP de Andrade (Pontedeume, A Coruña), destinado ao intercambio de libros entre os adultos da súa comunidade e que chamaron acertadamente "Lecturas Compartidas". A disposición das cadeiras chama ao encontro e á conversa, tan necesarios. 

Esta iniciativa súmase a outras anteriores nas que os centros recuperan pequenos espazos como "seccións" da biblioteca especialmente destinadas a pais e nais. En definitiva, trátase de abrir a biblioteca a todos os axentes que interveñen na formación dos pequenos lectores, pero que tamén queren vivir experiencias lectoras persoais e novidosas, en contacto con outros.

+ información 

 

A biblioteca escolar ofrece e ofrécese: "Atopa o teu libro"


As bibliotecas escolares, ademais de coidar a selección de materiais e recursos postos a disposición do alumnado, deben difundir estes materiais, facelos visibles, "chamar" a usalos. Velaquí un exemplo, en formato electrónico, desde o CEIP Víctor Sáenz, de Mazaricos (A Coruña), que aúna formación de usuarios e chamada reclamo para o uso da biblioteca escolar e das súas fontes informativas e de lecer. 

Educación dixita e astronomía: "Con brillo de cometa". Alfabetización informacional, desde o IES de Porto do Son.

 

Un recurso para a alfabetización informacional, ALFIN, para a formación do alumnado na adquisición da competencia denominada "tratamento da información e competencia dixital" nos actuais currículos. Trátase dunha ferramenta elaborada polo equipo de biblioteca do IES Porto do Son (Porto do Son, A coruña), como resultado dun Seminario Permanente no curso 2012/2013. 

Baixo o título: "Con brillo de cometa". Educación dixital e astronomía, ofrécennos un material que serve para iniciar ao alumnado de ensino secundario no mundo das fontes informativas, dos traballos de investigación, e aprenderlles a obter o máximo de rendemento dos recursos informativos existentes na biblioteca ou en internet. Contén múltiples recursos e informacións e pode accederse a través deste enlace (entrar como convidado na aula virtual).  Agradecemos a xenerosidade dos seus autores por poñelo a disposición da comunidade educativa.

Actividades arredor do Día da biblioteca 2013

Nesta semana entre o 21 e o 25 de outubro sucedéronse as actividades destinadas a salientar o papel da biblioteca escolar no centro. Foron moitas as bibliotecas que prepararon un programa especial para dar a coñecer a toda a comunidade educativa os recursos e os servizos que ofrecen, e avanzar así no aproveitamento das oportunidades da biblioteca escolar. Velaquí algúns exemplos: 

Boas prácticas en bibliotecas escolares: outubro, mes da biblioteca escolar - 9

CEIP Quintela (Moaña, Pontevedra) from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Un dos aspectos que lle cómpren á biblioteca escolar é a implicación das familias na formación dos pequenos lectores. Esta implicación pode conseguirse de formas diversas pero sempre resulta beneficiosa tanto para o alumnado como para os obxectivos educativos. Cando as familias comprenden o seu papel como mediadores de lectura, esta actividade e o gusto polo libros, a cultura en definitiva, cobra valor e mellora de forma significativa. Pero a biblioteca tamén pode, ás veces, dar cabida a nais e pais nas súas actividades. Desta forma vaise construíndo unha comunidade de aprendizaxe arredor do tema da lectura, que ben pode desenbocar noutro tipo de colaboracións. A través das distintas voces da comunidade educativa podemos coñecer como se constrúe esta comunidade no CEIP Quintela, de Moaña, neste vídeo: "A biblioteca e as familias".

Boas prácticas en bibliotecas escolares: outubro, mes da biblioteca escolar - 8

IES Sanchez Cantón (Pontevedra) from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

A biblioteca do IES Sánchez Cantón, de Pontevedra, leva tempo traballando en colaboración co Departamento TIC do centro, nunha simbiose de obxectivos que favorece de forma significativa os resultados das distintas iniciativas. A incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación, as posibilidades da web 2.0 e, máis recentemente, a inclusión da tecnoloxía móvil ao servizo da aprendizaxe son retos aos que tratan de dar resposta con múltiples propostas desde a biblioteca escolar. Unha destas iniciativas é a que nos explican neste vídeo: "A biblioteca escolar e as competencias dixitais"

Boas prácticas en bibliotecas escolares: outubro, mes da biblioteca escolar - 7

IES Alexandre Bóveda (Vigo, Pontevedra) from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

As bibliotecas escolares veñen liderando a incorporación dos proxectos de carácter interdisciplinar para o tratamento de contidos curriculares de diversas áreas ou materias de aprendizaxe, a partir dun determinado tópico ou centro de interese. Desde o IES Alexandre Bóveda, de Vigo, explícanos neste vídeo un exemplo destas prácticas que favorecen a toma de contacto con metodoloxías máis activas e unha aprendizaxe máis acorde coas necesidades que xorden nesta sociedade da información.

Boas prácticas en bibliotecas escolares: outubro mes da biblioteca - 6

CEIP Milladoiro (Malpica, A Coruña) from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Traballar para que o alumnado acade competencia informacional, adquira habilidades no uso e na produción de materiais informativos, saiba consultar fontes informativas diversas (máis aló do libro de texto) e constrúa o seu coñecemento, co uso de instrumentos de distinto tipo, incluídos os dixitais, e mediante traballos colaborativos, é tarefa complexa e de longo percorrido. Sábeno ben no CEIP  Milladoiro, de Malpica que levan tempo programando actividades para a adquisición da competencia informacional a través de distintas propostas da biblioteca escolar. A través deste vídeo podemos asistir a situacións de aprendizaxe que van orientadas a adquirir esta e outras competencias.

Boas prácticas de bibliotecas escolares: outubro, mes da biblioteca escolar - 5

CEP Xosé María Brea Segade (Taragoña-Rianxo, A Coruña) from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

"O día a día dunha biblioteca escolar" permítenos coñecer algúnhas das actividades máis exitosas da biblioteca do CEP Xosé María BRea Segade (Tragaoña, Rianxo), na voz de profesorado, alumnado e membros da comunidade educativa.

Boas prácticas en bibliotecas escolares: outubro, mes da biblioteca escolar - 4

IES de Poio (Poio, Pontevedra) from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

A biblioteca do IES de Poio realiza múltiples actividades destinadas a mellorar a competencia lectora e o índice nos hábitos de lectura do seu alumnado. Os diversos grupos do club de lectura participan á súa vez, en sendos programas europeos e de colaboración intercentros, posibilitando así o contacto do alumnado con outras culturas e outras realidades, sempre coa lectura e os libros como mediación. Explícano moi ben neste vídeo: "A biblioteca escolar forma lectoras e lectores".

Boas prácticas en bibliotecas escolares: outubro, mes da biblioteca escolar - 3

EEI Barrionovo (Arteixo, A Coruña) from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

A Escola de Educación Infantil de Barrionovo (Arteixo) é un espazo de aprendizaxe global, onde as tecnoloxías da información e a comunicación son instrumentos cotiás para un alumnado que traballa por proxectos e aprende con fontes informativas orais, escritas, audiovisuais, electrónicas... Neste vídeo podemos ver a través do seu proxecto "A prehistoria, menuda historia", como se desenvolve a actividade ao longo do curso.

Boas prácticas en bibliotecas escolares: outubro, mes da biblioteca escolar - 1

CEIP José Cornide Saavedra (A Coruña) from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

A modo de celebración do mes da Biblioteca Escolar e do Día da biblioteca (24 de outubro) iníciase a difusión de un bo feixe de boas prácticas nas bibliotecas escolares galegas. Estes vídeos foron gravados coa finalidade de seren incluídos na sección de formación Webcast do portal Leer.es, do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, no que se verán en breve. Cada experiencia incide nun aspecto esencial da biblioteca escolar: a formación dos lectores, a integración das tecnoloxías da información e da comunicación, a implicación das familias, o apoio na aprendizaxe en todas as áreas e materias, a aprendizaxe por proxectos... Distintas voces (profesorado, alumnado, familias) falan da presenza da biblioteca escolar e das súas oportunidades nos centros educativos.
Este primeiro vídeo foi gravado no CEIP José Cornide Saavedra, de A Coruña, no final do curso 2011/2012, ano no que levaron a cabo o proxecto interdisciplinar sobre o bosque, baixo o título "Do teu verdor".

As mochilas viaxeiras xa están rulando


No CEIP Plurilingüe de Covas (Viveiro) xa botaron a andar as mochilas viaxeiras. Esta iniciativa integrada no programa HORA DE LER, para o fomento da lectura nos centros de ensino, subministra as mochilas que as bibliotecas enchen de contido e xestionan en préstamo domiciliario ás familias. Nenas e nenos son os embaixadores da biblioteca nas súas casas e comparten cos seus, grandes e pequenos, os libros, as revistas, as películas a música cos que a mochila vai cargada. As familias poden realizar suxestións ou contar a experiencia de lectura compartida no "diario da mochila". A experiencia dos centros é positiva pero o éxito ten un par de claves: boa selección de contidos e, sobre todo, nada de imposicións. En materia de lectura, o encantamento dá mellores resultados.