Bibliotecas escolares

Convocatoira do Plan de mellora de bibliotecas escolares - 2008/2009

 

 O DOG do 7 de maio publica a Orde de 25 de abril pola que se convoca o PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES para o curso 2008/2009. Coma en ocasións anteriores, poderán participar os centros xa integrados no programa e todos aqueles centros públicos de titularidade da Consellería de Educación que desexen a súa inclusión neste programa de reactivación das bibliotecas escolares, como recursos imprescindibles para unha educación de calidade.

Texto da convocatoria

Enlace con documentos para cubrir directamente e imprimir

Encontros do PLAMBE en directo

No transcurso dos encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, 07/08, a celebrar os días 3 e 4 de abril, vaise levar a cabo un pequeno experimento. Imos retransmitir en directo dúas das conferencias previstas. Máis información e acceso directo, neste enlace: http://bega-horadeler.blogspot.com/2008/04/probando-probando.html

Guías de uso da biblioteca escolar

As bibliotecas escolares poden e deben facer difusión dos seus servizos, ao tempo que facilitan a formación de usuarios e a educación documental. Algúns exemplos deste tipo de materiais:


A estas guías, únese agora a Guía da Biblioteca do CEIP Milladoiro, de Malpica: un bo exemplo, tamén, das transformacións que están a "gozar" as bibliotecas escolares deste país, grazas aos recursos que as administracións van dispoñendo, a través por exemplo do Plan de mellora de bibliotecas escolares, pero especialmente, grazas ao traballo cotián, ao entusiasmo e á convición do profesorado que tira delas  e que inviste estes recursos en beneficio sempre dunha mellora da calidade do ensino do alumnado.

Encontros Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares- 2007/2008

Os Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 07/08 xa están en marcha: celebraranse os vindeiros 3 e 4 de abril na localidade pontevedresa de Sanxenxo. Alí se reunirán os responsables das bibliotecas escolares de todos os centros incluídos neste programa, co obxectivo de intercambiar informacións e materiais e avanzar na súa formación nos diversos aspectos da dinamización deste importante recurso educativo. 

 

Bibliotecas escolares galegas, na Habana

As bibliotecas escolares galegas estiveron presentes tamén na Habana, no "Encuentro bibliotecológico" celebrado no contexto da Feira do Libro, do 14 ao 17 de febreiro, organizado por ASCUBI, Asociación Cubana de Bibliotecarios. Foi unha ocasión para compartir inquedanzas e comprobar que os medios materiais non o son todo, pero son decisivos á hora de enfrontar os retos da sociedade da información; que a profesionalidade das persoas que están á fronte das bibliotecas é imprescindible, o mesmo que as súas ganas por facilitar o uso dos recursos (moitos ou poucos que se teñan); as ganas, tamén, por contaxiar o gusto pola lectura e o coñecemento.

En palabras de Manuel Rivas (El País, 22 de febreiro de 2008): Como non estar orgulloso dun país que envía libros e non armas?

   

Os blogs das bibliotecas escolares galegas chaman a atención da tvg


 

As bibliotecas escolares galegas están a empregar os blogs como ferramenta para a difusión das súas actividades e para mellorar os servizos ofrecidos aos lectores e lectoras. Son xa máis de 30 os blogs deste tipo en pleno funcionamento, o que chamou a atención de diversos axentes atentos ao que se move por Internet en materia educativa ou cultural, entre eles, os responsables do programa Libro Aberto da Televisión de Galicia , que vén de emitir unha pequena reportaxe sobre este tema.

O blog é comunicación en estado puro, de aí a fascinación que produce entre os usuarios das tecnoloxías da comunicación e da información, e entre o profesorado que se achega a este medio, descubre as súas poibilidades pedagóxicas e comeza a utilizalos como instrumento nas súas practicas de ensino e aprendizaxe.

24 de outubro: Día das Bibliotecas

O día 24 de outubro está sinalado, no Calendario do Libro de Galicia, como Día das Bibliotecas. Este ano 2007, a Consellería de Cultura e Deporte encargoulle a Xaquín Marín a imaxe para o cartel divulgativo que lle foi remitido a todas as bibliotecas públicas e escolares. A celebración noutras comunidades autónomas pódese consultar na páxina de Amigos del Libro Infantil y Juvenil.

As bibliotecas non son lugares neutros. Na construción dunha sociedade lectora, requisito para a consecución dunha sociedade máis xusta e solidaria, os bibliotecarios e bibliotecarias deben tomar partido, partido hasta mancharse, retomando o verso de Gabriel Celaya. Así nolo lembra Javier Pérez Iglesias, bibliotecario da Universidade Complutense de Madrid, no texto Por una multitud de minorías, recollido no volume Palabras por la biblioteca:

"As nosas seleccións de documentos, a nosa forma de presentalos aos usuarios, a maneira de clasificalos e de facelos accesibles, todo elo son tarefas estrictamente bibliotecarias que supoñen tomar partido. Ao deseñar a biblioteca estamos actuando, tomando decisións que teñen implicacións políticas e sociais."

Neste día, desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares propoñemos:

Non calquera libro. Si todas as lecturas.

22 de outubro: Día Internacional da Biblioteca Escolar

A IASL, International Association of School Libraries, convoca anualmente no cuarto luns do mes de outubro a conmemoración do Día Internacional da Biblioteca Escolar, como un xeito de facer visibles as bibliotecas nas súas comunidades educativas. O lema elixido para este ano é APRENDENDO MÁIS E MELLOR DENDE A TÚA BIBLIOTECA ESCOLAR, incidindo na importancia deste recurso educativo na mellora das aprendizaxes.

Propóñense algunhas actividades, entre outras posibles, no seguinte documento:

Día Internacional da Biblioteca Escolar

LENDO EN ABRIL 2007

Chega por terceiro ano consecutivo aos centros escolares o boletín Lendo en abril, unha ferramenta para a difusión de experiencias que se están a levar a cabo nas bibliotecas escolares galegas.

O biblioletín medra en número de páxinas e de colaboradores: CEIP de Sigüeiro, IES Auga da Laxe, CEIP Emilia Pardo Bazán, CIFP Anxel Casal, IES As Mariñas.

Seve Calleja, docente e escritor achega a súa visión das prácticas de escritura no contexto escolar no artigo A escrita como xogo.

Lendo en abril 2007 (arquivo pdf)

Números anteriores:

Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 05/06

Os días 23 e 24 de marzo e o 1 de abril reuníronse os responsables das bibliotecas escolares integradas no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, na súa primeira convocatoria, correspondente ao curso 2005/2006.

Reuníronse en Sanxenxo primeiro, e máis tarde en Santiago, profesoras e profesores que están ao fronte das súas bibliotecas ou que colaboran nas mesmas, procedentes dos 40 centros cos que a consellería iniciou este programa específico para a creación dunha rede de bibliotecas escolares.