Información

"Radio na biblio" - 2017/2018. Centros seleccionados.

 

O Portal Educativo publica hoxe a Resolución do 17 de novembro de 2017, da D.X. de Centros e Recursos Humanos, pola que se fai pública a relación de centros que se integran nesta primeira convocatoria do Proxecto "Radio na biblio", durante o curso 2017/2018, unha iniciativa destinada a introducir un laboratorio de radio vinculado á biblioteca escolar en centros que forman parte do Plan de mellora de bibliotecas escolares. 

"Radio na biblio" pretende contribuír ao desenvolvemento do modelo de biblioteca cara a "centros creativos de aprendizaxes" e promover a creación de emisoras/laboratorios de radio no contexto destas bibliotecas. Pode axudar, así mesmo, a ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltipel e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado. Cando a biblioteca incorpora un laboratorio de radio pode impulsar novos proxectos de carácter interdisciplinario, vinculados á educación para as competencias en información e medios. O laboratorio de radio, na biblioteca escolar, poderá estár asociado a un programa de voluntariado na biblioteca.

 

"Radio na biblio"

 

O Portal Educativo publica a convocatoria da Dirección Xeral de Centros e RRHH, de 17 de outubro de 2017, pola que se elixirán 20 centros integrados que teñan interese en introducir a radio na súa biblioteca escolar. Poden participar centros que acollen alumnado de infantil, primaria, secundaria, bacharelato ou formación profesional e que estean integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares no presente curso 2017/2018. 

Es proxecto piloto "RADIO NA BIBLIO" pretende estimular o desenvolvemento do modelo de biblioteca cara a "centros creativos de aprendizaxes" e promover a creación de emisoras/laboratorios de radio nas bibliotecas escolares, co fin de favorecer e apoiar proxectos de educación das competencias informacionais e mediáticas do alumnado. Búscase, así mesmo, ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado. O laboratorio de radio na biblioteca escolar poderá estar asociado a un programa de voluntariado na biblioteca. 

Para a selección dos centros terase en conta a actividade da biblioteca escolar no curso precedente, así como a prioridade dos centros localizados en concellos de ámbito rural, procurando unha distribución equilibrada polo territorio galego. Estes centros recibirán contías destinadas á posta en marcha do proxecto e das actuacións que supoña, incluída a realización dun obradoiro de formación para o alumnado que se considere. O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de outubro. 

Imaxe que ilustra esta entrada está tomada do blogue do CEIP A Lama (A Lama, Pontevedra), un centro pioneiro na inclusión dun "Laboratorio de comunicación" para a formación do seu alumnado en competencia mediática e informacional.