Bibliotecas escolares

Resolución provisional da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2017/2018. Centros de nova incorporación

 

O Portal Educativo vén de publicar a resolución provisional da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2017/2018, no que se refire aos centros de nova incorporación. Pode haber algúnha incorporación máis en función das renuncias presentadas ou das baixas ocasionadas nos centros PLAMBE.  Iniciado o curso publicarase a resolución definitiva no DOG coa relación de todos os centros integrados no programa, así como o detalle das contías asignadas. 

Novos artigos sobre bibliotecas escolares na Revista Eduga de Xuño 2017

A Consellería de Cultura, Educación e O.U. vén de facer público o novo número da Revista Galega do Ensino (EDUGA), que conta cunha sección fixa de Bibliotecas Escolares con tres sub-seccións: Biblioteca escolar, Boas prácticas e Hora de ler. Neste número 73 de Xuño de 2017 publícanse un total de 8 artigos e unha entrevista relacionados con biblioteca escolar e lectura. Unha revisión destes artigos, e do resto de traballos publicados en números anteriores da revista, serve para achegarse á viva realidade das bibliotecas escolares galegas, auténticos motores de innovación pedagóxica na última década: 

 

 

“Nas propostas lectoras para os clubs teñen que asumirse riscos”
   Val dos libros, club de lectura do IES de Ponte Caldelas: percorrendo camiños
   

Biblioteca escolar, abrindo novos camiños
   O traballo por proxectos nunha escola rural
   

Traballando as competencias clave e a creatividade desde a comunicación audiovisual a partir de centros de interese
 

Unha experiencia coa robótica na biblioteca e nas aulas
   O proxecto documental integrado na biblioteca como motor de cambio metodolóxico na escola
   

A experiencia da integración da biblioteca no ciclo superior de Educación Infantil
   Inclusión, a necesidade de romper barreiras nas bibliotecas escolares

Convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2017/2018

O 2 de xuño publica o DOG a Orde de 19 de maio de 2017 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros non universitarios sostidos con fondos públicos para o curso 2017/2018.

Incorporarase un mínimo de 25 centros públicos e un máximo de 10 centros concertados, que se engadirán aos 615 centros que neste momento forman parte do PLAMBE, un programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, iniciado en 2005, através do cal se estimula a renovación das bibliotecas escolares, mudando as antigas bibliotecas en espazos creativos de aprendizaxe ao servizo do centro e da comunidade educativa, nos que a lectura e o traballo coa información, así como a educación para as competencias informacionais e mediáticas, son os principais ámbitos de actuación e onde se da cabida tamén á creación, a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo e, tamén, a construción do coñecemento de xeito compartido. As solicitudes de nova incorporación ou de continuidade deben presentarse no anexo I da convocaroia, xunto coa documentación correspondente, ata o 3 de xullo de 2017 inclusive.

Proxecto Escornabots na biblioteca escolar - 2017

O Portal Educativo publica a Resolución de 17 de abril de 2017, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convoca o Proxecto Escornabots na biblioteca escolar para o ano 2017, no contexto do Plan LÍA 2016/2020. Esta iniciativa, que botou a andar no ano 2016,  ten dados excelentes resultados nos 20 centros integrados até o momento no proxecto piloto (En breve, difundirase o informe de valoración cos resultados do primeiro ano do programa).

Poderán participar os centros públicos, de titularidade da consellería, ntegrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares no presente curso 2016/2017 e, así mesmo, poderán solicitar a súa continuidade os centros xa integrados. Seleccionaranse un total de 20 centros de nova incorporación entre as solicitudes presentadas. Para a selección terase en conta a valoración acadada na memoria PLAMBE do curso 2015/2016 (ou proxecto, no caso dos centros novos no PLAMBE). Terán prioridade, en igualdade de condicións, os centros situados en concellos de ámbito rural.  A participación neste programa conleva un compromiso de participación nas actividades formativas previstas na convocatoria. O prazo de presentación de solicitudes remata o 27 de abril.

Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2016/2017: vídeo-resume

Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Marzo 2017 from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Vídeo-resume dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2016/2017, celebrados os días 16 e 17 de marzo de 2017 no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. Asistiron, convocados porla Consellería de Cultura, Educación e O.U., un total de 615 profesores e profesoras, todos eles responsables ou integrantes dos equipos de biblioteca dos seus centros, integrados neste programa da consellería que pretende a renovación e actualización constante das bibliotecas dos centros non universitarios e que beneficia ao 66% do alumnado dos centros públicos galegos.

Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares

O Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares é a folla de ruta  da que se dotou a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para continuar o seu traballo  a prol das bibliotecas escolares e o fomento da lectura nos vindeiros anos. 
Lectura, Información e Aprendizaxe son os ámbitos de actuación da biblioteca escolar e dan nome a un plan de actuación estruturado en:
  • Obxectivos xerais do Plan LÍA de bibliotecas escolares
  • Unha ducia de desafíos, ou retos que cómpre abordar
  • Liñas de acción medidas concretas
Aínda que xa se vén traballando con esta nova folla de ruta, desde a a administración educativa galega quíxose formalizar e presentar este PLAN LÍA 2016/2020  de bibliotecas escolares nunha biblioteca en pleno funcionamento. Así hoxe, e con este motivo, o Presidente da Xunta de Galicia e o Consellerío de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria visitaron a biblioteca do IES Maruxa Mallo, de Ordes, e mantiveron un encontro co profesorado do centro, cunha visita incluída ao alumnado que neses momentos traballaba na materia "Investigación e Tratamento da Información", intimamente ligada aos obxectivos que se perseguen no desafío número 5, "as competencias ALFIN/AMI", e que conciben a biblioteca escolar, como instrumento imprescindible para a adquisición de competencias no uso, tratamento e produción de información. 
 

VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia. Vídeo-resume

Os días 18 e 19 de novembro tiveron lugar en Compostela as VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, coa participación de preto dun milleiro de docentes da nosa comunidade. En RedeBE están dispoñibles os materiais destas xornadas.  Velaquí o vídeo resume:

VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia. Vídeo-resume from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

CEIP de Rubiáns: Robótica na biblioteca

Robótica na biblioteca
Ao fío do Proxecto "Escornabots na biblioteca escolar" o CEIP de Rubiáns achéganos o traballo que están a desenvolver coa robótica na biblioteca: http://bibliotecarubians.blogspot.com.es/2017/03/robotica-na-biblioteca.html

CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña: TODOS SOMOS MAKER! Obradoiros maker internivel

Dende o CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña achégannos unha experiencia internivel innovadora dentro do Proxecto "Escornabots na biblioteca escolar": Obradoiros maker internivel.

"Como todos somos maker e neste cole nos encanta mezclarnos @s peques c@s maiores, organizamos uns obradoiros maker internivel. Mezclados por idades, dende os 3 aos 12 anos, pasamos unha divertida e interesante xornada, na que ademais de aprender, ampliamos as nosas posiblidades de xogo no recanto maker.

Os obradoiros elexidos foron 6, 4 relacionados cos escornabots e a programación, onde puxemos a proba aspectos matemáticos e creatividade. Un de littleBits, onde animamos ao Mago Fuco, e outro no que fixemos un proxecto maker que puidemos elaborar con material do máis cotiá, unha man robótica. Porque para ser maker non fai falta gran cousa, so moita imaxinación e creatividade."

CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña: Recanto maker

Recanto maker
 
Dende o CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña achégannos as seguintes experiencias integradas no Proxecto "Escornabots na biblioteca escolar":
 
Puxemos a andar decentemente o noso recanto maker, gracias ao pulo recibido por entrar no Proxecto Escornabots de Bibliotecas Escolares, si nos pareceu pertinente facer un oquiño para ensinarvos algunhas cousiñas do que estivemos a facer. Deixámosvos unha serie de entradas nas que fomos publicando o feito en torno ao recanto e ao que representa:

21 de marzo, equinoccio de poesía

Coincidindo co equinoccio de primavera, celebramos hoxe o Día Mundial da Poesía. Esta conmemoración, aprobada pola UNESCO en 1999, ten como principal obxectivo apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e dar oportunidade ás linguas ameazadas de ser vehículo de comunicación artística nas súas comunidades respectivas. 
Leamos poesía porque como di Fran Alonso: A poesía é unha barricada de palabras rebeldes, un aturuxo de liberdade. A poesía é diurética, dixestiva e antiestresante; é flexible coma o chicle e o seu ADN é profundamente subversivo. Un poema no aire é unha bomba de palabras

Poesía

Materiais dos Encontros PLAMBE 2016/2017 en RedeBE

 
 
 
 
 
Celebrados os Encontros PLAMBE 2016/2017, desde a Asesoría de bibliotecas escolares se poñen a disposición de todo o profesorado interesado os materiais (presentacións e outros) das diferentes intervencións, a través do espazo Moodle RedeBE. En breve engadiranse os vídeos das diferentes sesións, así como un vídeo resume dos encontros. 
 

Os Encontros do PLAMBE 2017 en twitter

Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2016/2017

Os vindeiros 16 e 17 de marzo o Palacio de Congresos de Santiago de Compostela acollerá unha vez máis os ENCONTROS DO PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES. Coma en anos anteriores, está convocado para a primeira xornada o profesorado dos centros que se incorporaron a este programa no curso 2016/2017, así como unha treintena de coordinadores da biblioteca do seu centro que son novos nesta responsabilidade. Xa na segunda xornada, o 17 de marzo, reuniranse os responsables da biblioteca da totalidade dos centros Plambe, que neste curso inclúe  615 bibliotecas (605 centros públicos e 10 centros privados concertados). 

En tempos de evolución e cambios profundos no ámbito social e educativo cómpre empregar utensilios ben calibrados para acertar no rumbo a seguir; imponse a necesidade de estudar ben as direccións dos ventos e a súa intensidade; é obrigatorio dotarse de argumentos e razóns para seguir adiante nos camiños de innovación encetados e sortear, así, perigos diversos. O faro como símbolo da luz e o coñecemento tense empregado para referirse ás bibliotecas. Reivindicámolo aquí tamén como invento humano imprescindible para guiarse na escuridade: o mesmo que a biblioteca escolar.

 

CEIP de Rebordáns: Entroidobot

Despois dun traballo de investigación na Biblioteca e na clase descubrimos o entroido de Galicia xogando co noso Escorni.

Sorry, flash is not available.


Novas experiencias do EEI Barrionovo (Arteixo, A Coruña) cos Escornabots e as familias

Nestes días quixemos que as familias formaran parte opinando sobre os okupas que tiveron nas casas durante unha semana a través das mochilas viaxeiras. Outra visión do traballo coa robótica desde a biblioteca escolar.

Materiais das VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia

 

 

Están xa dispoñibles en RedeBE para todo o profesorado interesado os materiais das VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, celebradas en Compostela os pasados 18 e 19 de novembro. Tamén estarán, en breve, os vídeos das diferentes intervencións. 

VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia - 18/19 novembro

 

Os días 18 e 19 de novembro, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, terán lugar as VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, a cita anual do profesorado interesado polas bibliotecas escolares, a lectura e as competencias en medios e información (ALFIN/AMI).

Serán día e medio intensos dedicados a revisar algúns aspectos fundamentales sobre a biblioteca escolar e as súas funcións nos centros educativos, como soporte e ferramenta imprescindible para unha educación acorde ás necesidadees do alumnado do século XXI e no contexto galego.

Xunto coa difusión de experiencias de interese en todos os ámbitos de actuación da biblioteca escolar (promoción da lectura, traballo coa información, metodoloxía de proxectos, implicación das familias na construción de lectores, apoio ao desenvolvemento do currículo, integración das TIC, interculturalidade e atención á diversidade (biblioteca inclusiva)... Así mesmo haberá unha sesión para comunicacións super-breves titulada "A fume de carozo" no que se poderán coñecer un máximo de 10 actividades "potentes" procedentes de 10 centros (en breve abrirase o prazo de propostas).

A lectura e as linguaxes artísticas, as narracións transmedia, a poesía, a educación artística ou musical, a metodoloxía de proxectos e as necesarias transformacións no modelo de biblioteca escolar serán tema para a reflexión e a ampliación de coñecementos, axudados por expertos nos seus ámbitos como Andrea Giráldez, Xosé Tomás, Silvia González Goñi, Mónica Muñoz Sobrino e Asunción Carballo, Glória Durban, Maria Conceição Tomé, Carlos C. Scolari e Fran Alonso.

Até o día 23 de outubro está aberto o prazo de inscrición en FPROFE: https://www.edu.xunta.es/fprofe/ empregando a referencia G1602011.

As candidaturas que desexen inscribirse na actividade "A fume de carozo"  deberán remitirse até o 25 de outubro.

 

 

Novembro, Mes da Ciencia en Galego nas bibliotecas escolares- 2016

 

A ciencia debera estar en galego en calquera día do ano, pero como chamada de atención, ben sirva esta proposta de celebrar un mes dedicado á ciencia en galego nas bibliotecas; tamén nas bibliotecas escolares. Velaquí algunhas das actividades que se levan a cabo nos centros galegos integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, por mor desta proposta normalizadora: 

 

Pola súa parte, desde a Asesoría de bibliotecas escolares mantéñense estes dous espazos con recursos para a ciencia en galego: 

Explorando o máis próximo co apoio da biblioteca escolar

Neste novembro, Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, chéganos unha nova desde o o IES Miguel Ángel gonzález Estévez, de Carril (Vilagarcía de Arousa), que amosa o resultado dun traballo colaborativo, coa participación de profesorado do Departamento de Ciencias, Bioloxía e Xeoloxía e a Biblioteca Escolar do centro durante o curso 2015/2016. Gústanos saber, ademais, que este traballo do alumnado de 1º de ESO (agora en 2º curso) segue a estela do lema "Biblioteca EScolar, base de exploracións" proposto ás bibliotecas escolares galegas no pasado ano escolar.

O espazo verde do IES Carril é unha "completa guía das 33 especies arbóreas e as 18 especies arbustivas que viven (ou viviron) dentro do recinto escolar  do centro desde os seus inicios alá polo ano 1986. Ademáis recolle moi sucintamente a historia deste conxunto botánico e contén un plano coa localización de cada elemento ou grupo descritos. A maiores dunha pormenorizada información de cadansúa especie (que abrangue os nomes correspondentes en galego, castelán, inglés e francés,  o nome científico, a etimoloxía da denominación, a toponimia xerada, a orixe e maila historia, e a descrición) ilustrada con fotografías fermosas e moi pertinentes, inclúese un pequeno estudio dos exemplares máis representativos en Galicia e máis a historia particular do exemplar do instituto."