Secundaria

Xeometría cálida no IES Sánchez Cantón

 

A biblioteca escolar é un espazo de ciencia e para a ciencia (como o foi sempre), máis alá de preconceptos e esquemas restrictivos aínda presentes nalgún profesorado. As novas bibliotecas escolares amosan esta realidade cada vez que poñen en marcha ou apoian proxectos do ámbito das ciencias. E cando a biblioteca escolar e o Departamento de Matemáticas se aúnan poden dar lugar a proxectos tan fermosos coma este: XEOMETRÍA CÁLIDA, proposta do profesor Manuel Cortegoso, do Departamento de Matemáticas do IES Sánchez Cantón, de Pontevedra, que recibe o apoio total e entusiasta do equipo de biblioteca. Os traballos realizáronse durante todo o curso no espazo da biblioteca escolar, en horas de titoría, con alumnado de 4º curso de ESO. Afirma a responsable da biblioteca, Charo Sánchez: "É tamén un traballo de equipo porque cando traballamos xuntos os proxectos tenden a mellorar". O vestíbulo do centro acolle a exposición dos traballos elaborados polo alumnado, e nós podemos acceder a través desta exposición virutal. Parabéns!!

Biblioteca do CMUS de Vigo, un exemplo de adaptación à especificidade do centro.

Os centros de ensinanzas de réxime especial, como os conservatorios de música, deben adaptar as súas bibliotecas escolares  á especificidade de ensinanzas e alumnado. Cando o fan, contribúen á adquisición das competencias que este alumnado debe desenvolver, así como á posta en marcha dos programas do centro.
Son varios os conservatorios que están a convertir as súas bibliotecas en auténticos centros de recursos de lectura, información e aprendizaxe, adaptados ás necesidades de alumnado e profesorado, e que son, á fin, centros culturais para a súa comunidade educativa.  Estas bibliotecas poderían ser, incluso, bibliotecas especializadas dentro do seu entorno, capaces de subministrar recursos específicos a outros centros máis xeralistas, cando a organización do centro e os recursos humanos e materiais o fixesen posible. 
Animamos a coñecer, a través dos seus blogues, a dinámica dalgunhas destas bibliotecas, comezando pola do CMUS de Vigo, que está aprogramas actividades de gran interese, complementarias ao labor das distintas áreas educativas presentes no centro (Ademais de cubrir necesidades básicas coma o préstamo, a consulta en sala e outros servizos habituais). Ver blogue
E tamén, a biblioteca do CMUS de Lugo 

Paseo virtual por unha biblioteca escolar


Desde a Biblioteca "Mª Victoria Moreno" do IES Gonzalo Torrente Ballester, de Pontevedra chéganos este "paseo virtual" polo que ha ser a finais deste curso a súa biblioteca escolar, logo das transformacións nas que están embarcados. Interesante produción feita con respecto e con agarimo polo espazo, pero sobre todo polas actividades e as oportunidades de convivencia e de aprendizaxe que este "entorno" pode favorecer. Parabéns!

A biblioteca do IES Salvador de Madariaga (a Coruña), de onte a hoxe.


O IES Salvador de Madariaga, de A Coruña, leva algúns anos intentando mudar a súa biblioteca nun centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, actualizado, atractivo e útil para o seu alumnado. O proceso, que nunca remata, foi longo e non foi doado. Non hai máis que ver o vídeo para darse conta do labor que tiveron que enfrontar. É un exemplo dos procesos de transformación que están vivindo as bibliotecas escolares galegas, pero é sobre todo un exemplo (outros houbo xa, afortunadamente) de intervención na que os protagonistas son o profesorado e o alumnado. Vontade de mudar as cousas é o que transmiten esas imaxes, vontade de mellorar e de acadar un espazo educativo de primeiro nivel. Parabéns a toda a comunidade educativa, principalmente ás persoas que o fixeron posible.

Biblioteca escolar, centro de recursos de aprendizaxe.

Rematado o curso 2009/2010, chega o tempo de racapitular e recoller na memoria final do curso a realidade da biblioteca escolar e as súas achegas á innovación e á mellora da calidade do ensino. Entresacamos da memoria dun IES de Pontevedra, integrado no Plan de mellora de bibliotecas escolares, a seguinte valoración ao avaliar a consecución de obxectivos para este curso recen acabado:

"Obxectivo: facilitar o traballo interdisciplinar: Tamén neste aspecto nos sentimos satisfeitos non só pola acollida das nosas propostas neste sentido -Viaxamos, Xeografía do Courel, Repintamos a Seoane, Ilustramos...--, senón tamén porque moitos compañeir@s romperon o esquema de materia pechada e presenza absolutista do profesor ou profesora ao entender que os rapaces e rapazas aproveitan moito máis e desenvolven a súa capacidade de relación cando se rompe o illamento e a unidireccionalidade. Moitos departamentos colaboraron e traballaron conxuntamente para sacar adiante algunhas das actividades programadas, suxeriron ideas, facilitaron materiais, e un longo etc. (...) houbo moito traballo colaborarivo."

Resolución da convocatoria de Clubs de Lectura- 2009/2010

O Portal Educativo publica a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 30 de decembro de 2009, da convocatoria pola que se incentiva o funcionamento de Clubs de Lectura en centros públicos de ensino secundario,  para o curso 2009/2010.

Un total de 177 clubs de lectura reciben axudas por mor desta resolución, o que representa que nun 48% dos centros públicos que albergan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional, ou ensinanzas de réxime espacil, funciona un club de lectura. Algúns  clubs acollen varios grupos, en función da idade ou dos intereses dos participantes; en varios centros funcionan, ademais, círculos de lectores de pais, nais, profesorado e persoal non docente. Cómpre salientar o papel que nesta realidade está exercendo o profesorado que, sen compensación algunha máis ca satisfacción profesional e humana, están dispostos a poñer en marcha un club de lectura, e a involucrarse desta forma na construción dunha sociedade lectora, tan necesaria para a pervivencia dos espazos democráticos e para a mellora da calidade de vida de todos os cidadáns.

Convocatoria de clubs de lectura en centros de ensino secundario

Con data 4 de novembro, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos vén de publicar a Convocatoria  pola que se incentiva o funcionamento de CLUBS DE LECTURA en centros públicos de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que acollan ensinanzas de educación secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial. A data final para a presentación de solicitudes é o 23 de novembro.

Acceso á convocatoria no Portal Educativo

Resolución da convocatoria

Xornada dos Clubs de Lectura - 2009

O vindeiro 5 de xuño está prevista a realización da Xornada dos Clubs de Lectura, en Santiago de Compostela. Asistirá o profesorado que coordina clubs de lectura en institutos e outros centros de réxime especial e que foron seleccionados na convocatoria de clubs de lectura para o curso 2008/2009, da (daquela) Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Máis información, en Ler en man común, blogue dos clubs de lectura en centros de ensino secundario de Galicia.

Proxecto interdisciplinar en 1º da ESO

A biblioteca escolar constitúe o centro de recursos imprescindible para o desenvolvemento dunha materia pensada para mellorar a competencia informacional do alumnado: PROXECTO INTERDISCIPLINAR (1º ESO). No IES Alexandre Bóveda, de Vigo, están a traballar neste curso un proxecto denominadao Todos somos romanos, e publican un blogue no que se pode seguir o desenvolvemento das súas actividades. Un bo exemplo de aproveitamento desta nova materia dos currículos-LOE en Galicia, unha das dúas comunidades autónomas (a outra é Cataluña) nas que se recoñece cun tempo específico(aínda que mínimo) a necesidade de educar nas habilidades de uso e tratamento da información.

Nova convocatoria en apoio a clubs de lectura

O venres 31 de outubro vén de ser publicada no Portal Educativo a convocatoria pola que se incentiva o funcionamento de clubs de lectura en centros que matriculan alumnado de ensino secundario, formación profesional ou ensinanzas de réxiime especial, para o curso 2008/2009.

O prazo de presentación de proxectos remata o 18 de novembro.

Webquest sobre Xosé María Álvarez Blázquez, Letras Galegas 08

Novos materiais froito do traballo colaborativo do profesorado, nesta ocasión as persoas que están detrás de tres blogues de bibliotecas escolares  ben activos: O Segrel do Penedo, A Nosa Biblioteca e Biblioafonso. Xenerosamente, poñen a disposición de todo o profesorado unha webquest para alumnado da ESO sobre Xosé María Álvarez Blázquez, autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Benvido este material!!!

Libros a eito, espazo de intercambio de libros entre os Clubs de Lectura

 

 

Xa leva un tempiño andando o blogue LIBROS A EITO, creado para que os Clubs de Lectura, activos neste curso 07/08 en centros de ensino secundario de Galicia, poidan intercambiar lotes de libros.

A última oferta ingresada chega desde o IES Johan Carballeira de Bueu.

Guías de uso da biblioteca escolar

As bibliotecas escolares poden e deben facer difusión dos seus servizos, ao tempo que facilitan a formación de usuarios e a educación documental. Algúns exemplos deste tipo de materiais:


A estas guías, únese agora a Guía da Biblioteca do CEIP Milladoiro, de Malpica: un bo exemplo, tamén, das transformacións que están a "gozar" as bibliotecas escolares deste país, grazas aos recursos que as administracións van dispoñendo, a través por exemplo do Plan de mellora de bibliotecas escolares, pero especialmente, grazas ao traballo cotián, ao entusiasmo e á convición do profesorado que tira delas  e que inviste estes recursos en beneficio sempre dunha mellora da calidade do ensino do alumnado.

LER EN MANCOMÚN, un espazo para os Clubs de Lectura dos centros de ensino de Galicia

Nace un novo espazo virtual de apoio ao profesorado implicado no fomento da lectura: LER EN MANCOMÚN, un blogue destinado aos clubs de lectura creados nos centros de ensino de Galicia. Iranse incorporando os enlaces aos blogues dos clubs de lectura creados como apoio virtual ás sesións presenciais en cada un dos centros. Así mesmo, se incorporarán informacións relacionadas con esta temática ou coa convocatoria de apoio aos clubs de lectura da Consellería de Educación.

Ofrécese un espazo, así mesmo, como punto de intercambio de lotes de libros entre os diversos clubs de lectura, o novo blogue Libros a eito, dependente de Ler en mancomún. Os centros interesados en participar desta iniciativa só teñen que enviar un correo electrónico a bibliotecasescolares@edu.xunta.es, iou ben a bescolares@gmail.com, indicando os datos do centro, o título dos libros e o número de exemplares de cada lote que poñen a disposición doutros centros para un préstamo temporal. Esta información ofrecerase a través de Libros a eito  e os clubs de lectura interesados poderán contactar co centro que lles interese,posteriormente,  para o correspondente intercambio.

Guías de lectura: matemáticas - física e química

A biblioteca escolar do IES Afonso X O Sabio, de Cambre, en colaboración dos diversos Departamentos do centro, continúa a elaborar interesantes e atractivas guías de lectura, que pon a disposición da comunidade educativa do centro e de todas as bibliotecas escolares, a través da súa páxina: http://biblioafonso.googlepages.com/home

8 de marzo: Día Internacional da Muller

Desde o IES do Sar (Santiago de Compostela) achégannos unha proposta de traballo, iniciativa do Colectivo de Mulleres Ensinantes, de cara á celebración do Día Internacional da Muller, o vindeiro 8 de marzo.

  1. Proposta 8 de marzo
  2. Ponlle texto ás imaxes

Tamén recibimos unha proposta de traballo desde o IES David Buján, de Cambre:

No noso instituto vimos realizando unha actividade relacionada co Día Intenacional da Muller Traballadora que consiste nun certame co título "Coñeces esta muller?". Este ano celebraremos a terceira edición. A actividade está encadrada na formación de usuarios e consiste en publicar cinco pistas correspondentes a cinco mulleres durante cinco días consecutivos  (total 25 mulleres) que inclúen o 8 de marzo (este ano empezaremos o venres 7 e remataremos o xoves 13, deixando o venres 14 para o desempate)

O alumando ten formar equipos e que anotarse previamente na Biblioteca e entregar cada día as respostas correctas, ao final o equipo que teña máis acertos gañará o certame e de se producir un empate, realízase un desempate na Biblioteca durante un recreo, neste caso gaña o equipo que localice antes a información para resolver o enigma.

 

Resolución da convocatoria de clubs de lectura 2007/2008

 

 Con data de 26 de decembro resólvese a convocatoria de Clubs de Lectura, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Presentáronse un total de 106 proxectos de clubs de lectura, procedentes de diversos centros educativos que acollen alumnado de ensino secundario, baharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial. Prácticamente, un tercio dos centros de ensino secundario de Galicia albergarán nos próximos meses, grupos de lectura (nalgúns casos varios grupos): profesores e alumnos, ás veces pais e nais e persoal non docente, que teñen a vontade de xuntarse para falar de libros e compartir lecturas fóra do tempo lectivo.

Un homiño de plastilina na bibioteca


Dende o IES Manuel Chamoso Lamas de O Carballiño (Ourense) chéganos O HOMIÑO DE PLASTILINA, unha curta de animación, froito dunha experiencia ben interesante: A biblioteca escolar convoca un concurso de guións que ten como premio, xustamente, a realización do guión gañador.  O traballo seleccionado pasa a ser unha realidade grazas ao traballo colaborativo do alumno, Samuel Ortiz, autor do guión e un profesor do centro. Segundo nos dín, a curta que agora podemos ver é o resultado dun traballo de todo o ano, lento e minucioso, realizado fóra do horario lectivo.. Parabéns aos seus autores!!

Clubs de Lectura

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa publica, no contexto das actuacións para o fomento da lectura en centros escolares, unha convocatoria pola que se incentiva o funcionamento de Clubs de Lectura, durante o curso 2007/2008, en centros públicos de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que matriculen alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial.

O prazo de presentación de solicitudes e documentación remata o 20 de novembro.

Texto da convocatoria e impreso de solicitude.

A Guía do Profesorado LER O MUNDO,  dos materiais para o 1º ciclo do ensino secundario da campaña de fomento da lectura HORA DE LER contén informacións sobre os obxectivos e as fórmulas máis axeitadas para a posta en práctica dun club de lectura con alumnado adolescente. Contén tamén recursos e bibliografía.

Os blogs das bibliotecas escolares galegas chaman a atención da tvg


 

As bibliotecas escolares galegas están a empregar os blogs como ferramenta para a difusión das súas actividades e para mellorar os servizos ofrecidos aos lectores e lectoras. Son xa máis de 30 os blogs deste tipo en pleno funcionamento, o que chamou a atención de diversos axentes atentos ao que se move por Internet en materia educativa ou cultural, entre eles, os responsables do programa Libro Aberto da Televisión de Galicia , que vén de emitir unha pequena reportaxe sobre este tema.

O blog é comunicación en estado puro, de aí a fascinación que produce entre os usuarios das tecnoloxías da comunicación e da información, e entre o profesorado que se achega a este medio, descubre as súas poibilidades pedagóxicas e comeza a utilizalos como instrumento nas súas practicas de ensino e aprendizaxe.