Voluntariado de lectura-A

Voluntariado de lectura-A. Curso 2014/2015

O Portal Educativo publica hoxe a Resolución do 24 de novembro de 2014, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se pretende impulsar o voluntariado cultural relacionado coa lectura entre o alumnado de 5º e 6º de primaria, dos centros de titulariade da Consellería de Cultura, Educación e O.U., a través da iniciativa denominada "Voluntariado de Lectura-A", integrada no programa Hora de Ler, para o fomento da lectura nos centros de ensino, e para o curso 2014/2015.

Os centros interesados poden presentar solicitudes desde hoxe e ata o 15 de decembro, mediante o impreso e o procedemento recollido na resolución. 

As memorias de actividades desenvolvidas ao longo do curso presentaranse, posterioremente, con data límite do 25 de abril de 2015. 

As accións recollidas por esta convocatoria están relacionadas co labor de voluntariado cultural que desempeña o alumnado colaborador da biblioteca escolar, ben na xestión e dinamización da biblioteca, ben no deseño e desenvolvemento de actividades de lectura compartida, dentro ou fóra do centro. 

O alumnado dos centros finalmente seleccionados participarán, coma no curso anterior, nunhas xornadas de convivencia que se desenvolverán no CRD de A Coruña, a finais de maio/comezos de xuño. 

Esta iniciativa é froito da colaboración entre a Dirección Xeral de Centros e RRHH (Consellería de Cultura, Educación e O.U), e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado (Consellería de Traballo e Benestar), integrándose como programa de voluntariado. 

Iniciouse a Xornada do Voluntariado de Lectura no CRD da Coruña, en Culleredo

 

Os alumnos e alumnas  de Voluntariado de lectura-A, dos centros seleccionados para pasar unha semana no Centro Residencial Docente da Coruña (Culleredo), chegaron a última hora da mañá ás instalacións que lles servirá de base esta semana para unhas xornadas de convivencia arredor dos valores relacionados coa solidariedade, o voluntariado e o traballo colaborativo. Déronlle a benvida o Director Xeral de Centros e Recursos Humanos (de onde parte esta iniciativa, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado), así como a Subdirectora Xeral de Centros e a Directora do CRD da Coruña. O alumnado, procedente do CEIP José María Lage (Ortigueira), do CEIP Plurilingüe de Covas (Viveiro), do CEIP Filomena Dato (Barbadás) e do CEIP Manuel Sieiro (Crecente) participou, trala comida inicial, dunha tarde adicada aos xogos cooperativos e a aprender os rudimentos da Lingua de Signos. No segundo día destas xornadas de convivencia teñen prevista unha visita ás instalacións da Cruz Vermella, de A Coruña, con participación en obradoiros diversos, e xa pola tarde, terán oportunidade de presentar aos seus compañeiros e compañeiras as actividades de Voluntariado de lectura que levaron a cabo na biblioteca escolar e en actividades de lectura compartida, dentro ou fóra do centro, polas que foron seleccionados. 

+ INFORMACIÓN

Voluntariado de lectura-A: centros seleccionados.

 

O pasado día 13 de maio, publicouse no Portal Educativo a resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se daban a coñecer os centros seleccionados na convocatoria do programa VOLUNTARIADO DE LECTURA-A, para participar nunhas Xornadas de Convivencia de voluntariado cultural relacionado coa lectura, que se celebrará na última semana de maio no Centro Residencial Docente de A Coruña.

Nesta xornada os participantes (unha representación de 12 alumnos/as por centro, acompañados dun profesor ou dunha profesora), asistirán a diversos obradoiros, nos que se incidirá nos valores do voluntariado, con carácter xeral, e nas posibilidades do voluntariado cultural, o cooperativismo, os xogos tradicionais, a narración oral, o labor das ONG, os traballos solidarios e outros. Completarase con visitas a unha biblioteca e ás instalacións dunha ONG, onde desenvolverán diversas actividades. As nenas e nenos participantes tamén terán ocasión de presentar as actividades de voluntariado de lectura que levaron a cabo durante o curso ao resto de asistentes.

Como actividade integrada nos programas de voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, todo o alumnado protagonista na xestión das actividades recollidas nas memorias dos diferentes centros participantes, durante o curso 2013/2014,  recibirá un diploma acreditativo polo seu labor de voluntariado de lectura.