24 de outubro: Día das Bibliotecas

O día 24 de outubro está sinalado, no Calendario do Libro de Galicia, como Día das Bibliotecas. Este ano 2007, a Consellería de Cultura e Deporte encargoulle a Xaquín Marín a imaxe para o cartel divulgativo que lle foi remitido a todas as bibliotecas públicas e escolares. A celebración noutras comunidades autónomas pódese consultar na páxina de Amigos del Libro Infantil y Juvenil.

As bibliotecas non son lugares neutros. Na construción dunha sociedade lectora, requisito para a consecución dunha sociedade máis xusta e solidaria, os bibliotecarios e bibliotecarias deben tomar partido, partido hasta mancharse, retomando o verso de Gabriel Celaya. Así nolo lembra Javier Pérez Iglesias, bibliotecario da Universidade Complutense de Madrid, no texto Por una multitud de minorías, recollido no volume Palabras por la biblioteca:

"As nosas seleccións de documentos, a nosa forma de presentalos aos usuarios, a maneira de clasificalos e de facelos accesibles, todo elo son tarefas estrictamente bibliotecarias que supoñen tomar partido. Ao deseñar a biblioteca estamos actuando, tomando decisións que teñen implicacións políticas e sociais."

Neste día, desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares propoñemos:

Non calquera libro. Si todas as lecturas.

As bibliotecas escolares galegas, a web 2.0 e as redes de colaboración.

A revista EDUCACIÓN Y BIBLIOTECA publica no seu número 16, correspondente a setembro-outubro de 2007, un dosier sobre o uso da web 2.0 nas bibliotecas titulado Bibliotecas y web social. Entre os artigos que contén o dosier hai un específico sobre as bibliotecas escolares de Galicia:

Un segundo artigo, do profesor José Antonio Alonso Martínez, do IES As Mariñas, de Betanzos, difunde a experiencia da biblioteca deste centro educativo no uso das ferramentas web 2.0 para a dinamización da biblioteca escolar: Unha biblioteca escolar 2.0

Catuxa Seoane, pola súa parte, pregúntase: Weblogs en bibliotecas, ¿y por qué no?, un artigo sobre a rede de blogs das bibliotecas municipais de A Coruña.

Este número da revista Educación y Biblioteca vaise presentar na Biblioteca Nacional o vindeiro 26 de outubro, tal e como aparece aquí recollido. Podemos tamén, neste blog A Nosa Biblioteca, acceder a outros artigos do dosier.

Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia 2007

Xa foron... as Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia 2007 celebráronse tal e como estaba previsto. Os resultados a medio prazo iranse vendo, como xa pasou con anteriores convocatorias deste tipo, no traballo cotián do profesorado nos seus centros. As primeiras valoracións son todas positivas: pola asistencia de máis dun milleiro de profesionais dos niveis de educación infantil, primaria e secundaria; pola receptividade amosada aos contidos dos diversos relatorios; pola satisfacción manifestada nas pausas e ao remate das xornadas; pola alegría reflectida nos rostros da xente que descubría, unha vez máis, que son moitos e moitas os que están a traballar a prol das bibliotecas escolares galegas, a prol da promoción da lectura entre o alumnado, a favor dunha mellora da calidade educativa que se ofrece nos centros. Coas conclusións recollidas e lidas ao remate das xornadas, e as valoracións dos asistentes, elaborarase un documento en breve ao que se lle dará difusión a través deste medio.

22 de outubro: Día Internacional da Biblioteca Escolar

A IASL, International Association of School Libraries, convoca anualmente no cuarto luns do mes de outubro a conmemoración do Día Internacional da Biblioteca Escolar, como un xeito de facer visibles as bibliotecas nas súas comunidades educativas. O lema elixido para este ano é APRENDENDO MÁIS E MELLOR DENDE A TÚA BIBLIOTECA ESCOLAR, incidindo na importancia deste recurso educativo na mellora das aprendizaxes.

Propóñense algunhas actividades, entre outras posibles, no seguinte documento:

Día Internacional da Biblioteca Escolar

A biblioteca escolar como ferramenta educativa

A profesora Glòria Durban Roca renova a súa páxina web http://www.bibliotecaescolar.info/ , e pon xenerosamente ao alcance de todos, materiais de gran interese para o profesorado interesado en facer da biblioteca escolar un recurso educativo de primeiro nivel. Especial importancia ten a achega que esta bibliotecaria escolar nos fai para traballar a prol da competencia dixital do noso alumnado. Este recurso estará dispoñible en lingua galega proximamente.

Alfabetización na era dixital

 

 

O blog TISCAR da profesora de xornalismo da Universidade Carlos III de Madrid, Tíscar Lara, é un exemplo de xenerosidade na difusión de información. Nesta ocasión, unha achega interesante sobre alfabetización na era dixital, que ben merece unha visita.

Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros - 2º trimestre 2007

A Federación de Gremios de Editores de España publicou no mes de xullo o informe sobre hábitos de lectura e compra de libros, correspondente ao 2º trimestre de 2007. Por primeira vez, este informe incorpora datos relativos á poboación entre 10 e 13 anos. De interese para quen traballa neste ámbito. A ter enn conta tamén a relación de libros máis lidos... que podería provocar algunha reflexión.

Ler ao dereito. O dereito a ler: Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia-2007

Está aberto o prazo para solicitar a participación na actividade de formación do profesorado XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA - 2007, que se celebrarán en Santiago de Compostela baixo o título LER AO DEREITO. O DEREITO A LER.

Información sobre a actividade na páxina de formación do profesorado: www.edu.xunta.es/fprof

Programa

LIX que ule a mar

A revista de Literatura Infantil e Xuvenil galega FADAMORGANA vén de publicar un novo número dedicado ao mar, baixo o título LIX que ule a mar. Asinan os diversos artigos Helena Villar Janeiro, Rosa Aneiros, Antonio Reigosa, Miguel Vázquez Freire, Pilar Sampedro, Xosé Cobas, Ánxela Gracián e Gustavo Puertas.

A revista inclúe entrevistas coa autora argentina Graciela Montes, a Noemí López, (autora das ilustracións deste número) e coa escritora Marilar Aleixandre.

Recolle tamén outras seccións habituais como recensións de novidades de literatura infantil e xuvenil en galego, portugués, castelán, éuscaro, catalán, polaco, francés... así como materiais e recursos de interese para os mediadores. Pode resultar de interese como recurso para proxectos interdisciplinares, campañas de fomento da lectura, etc., relacionados co mar.

Guías de lectura para o verán

Coa chegada das vacacións, as bibliotecas escolares están a editar boletíns e guías de lectura con recomendacións para o verán:

Dúas bibliotecas escolares do Plan de mellora, Premios Nacionais de boas prácticas 2006.

A Biblioteca Nacional acolleu, o pasado 29 de maio, a entrega por parte do Ministerio, dos Premios Nacionais de boas prácticas na dinamización de bibliotecas escolares, correspondentes á convocatoria do ano 2006. Dúas bibliotecas galegas, a do IES Leliadoura, de Ribeira, e a do IES Ramón Mª Aller Ulloa, de Lalín, resultaron galardoadas.

Acceso a outras noticias sobre esta entrega de premios:

Non hai outra...

Así o afirma o escritor Miguel Anxo Fernández, despois dunha sesión cos lectores e lectoras na biblioteca escolar do IES Alexandre Bóveda de Vigo, nun artigo publicado en La Voz de Galicia o 17 de maio de 2007:

Unha horiña de charla e medio cento de rapaces, preguntas incluídas, todas intelixentes e que demostraron dúas cousas: leran a novela e metéranse nela! Non hai outra: mestres cómplices e alumnos motivados. O resto, lerias.

Convocatoria Premio Marta Mata á calidade dos centros educativos - 2007

O Ministerio de Educación vén de convocar o Premio Marta Mata á calidade dos centros educativos, correspondente ao ano 2007.

"O obxectivo do mesmo é recoñecer, destacar e dar visibilidade á traxectoria daqueles centros docentes non universitarios que se teñan distinguido polas súas boas prácticas e polo esforzo compartido da comunidade educativa na busca da mellora da acción educativa, para conseguir unha educación de calidade para todos. "

Nos criterios de selección, se recolle, entre outros: "Que o centro docente, no marco dos obxectivos educativos plantexados pola Unión Europea, adopte medidas organizativas e curriculares para colaborar na creación dun entorno de aprendizaxe aberta, desenvolver a iniciativa e a autonomía persoal do alumnado, mellorar a aprendixzaxe de idiomas estranxeiros e abrir o centro ao contorno, ao mundo do traballo e á sociedade en xeral, realizando intercambios con outros centros e participando en redes educativas."

Unha biblioteca escolar activa constitúe un factor de calidade do ensino que se oferta no centro. Moitas realidades de centros escolares galegos, con bibliotecas escolares consolidadas, entran de cheo nas condicións desta convocatoria, que pode ser unha oportunidade para facer visible un traballo sistemático a prol dunha educación integral do alumnado.

Texto completo da convocatoria publicada no BOE

Plan de mellora de bibliotecas escolares - 2007/2008

O DOG do 16 de maio publica a Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade da consellería, para o curso 2007/2008. Existen tres modalidades:

  1. Centros que se integraron no Plan na 1ª convocatoria (PLAMBE_1)
  2. Centros da segunda convocatoria (PLAMBE_2)
  3. Novos centros

O prazo de presentación de solicitudes e documentación remata o 18 de xuño.

Neste enlace pódense cubrir os anexos directamente e imprimilos para o seu envío co resto da documentación.

O blog da biblioteca escolar do IES As Mariñas, premio Espiral Edublogs 2007

O blog A Nosa Biblioteca 3.0 da biblioteca escolar do IES As Mariñas, de Betanzos, recibiu onte, 13 de maio, o terceiro premio do concurso de blogs educativos, na modalidade Blogs de colectivos, organizado pola Associació Espiral: educació i tecnología, unha agrupación de profesores, estudiantes, investigadores, entidades e técnicos interesados na aplicación das tecnoloxías da información no ámbito educativo.

Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros

A Federación de Gremios de Editores de España vén de facer público o Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros corrspondente ao primeiro trimestre de 2007.

Interesa unha lectura atenta destes datos, máis aló do optimismo que leva a afirmar que o índice de lectura acada en España o 56% neste primeiro trimestre. Un dato si pode ser de interese para ir eliminando tópicos: A relación entre idade e hábito de lectura amosa o índice máis elevado entre os mozos de 14 a 24 anos (73,2%).

Estes e outros estudos anteriores pódense consultar na páxina da FGEE, no apartado de documentos sobre o sector editorial español.

Achégase arquivo co estudo anteriormente aludido.

Arquivo adxunto

María Gripe, in memoriam

O pasado 5 de abril morreu a escritora sueca María Gripe. Os mediadores que levan anos seguindo a literatura xuvenil europea coñecen ben a esta autora, de indubidable calidade literaria e humana.

Os escaravellos voan á tardiña é un dos seus  libros máis coñecidos para os lectores adolescentes galegos.

María Gripe recibira o premio Hans Christian Andersen, o nobel da literatura infantil e xuvenil, no ano 1974

Tres novos libros galegos na lista White Ravens

A Biblioteca Internacional da Mocidade de Munic vén de incluír na súa selección de libros The White Ravens, correspondente ao ano 2007,  tres títulos escritos orixinalmente en galego:

  • A princesa do Courel, de Patacrúa, na editorial OQO.
  • A sombra descalza, de An Alfaya, en edicións Xerais.
  • Smara, de Paula Carballeira, na editorial Kalandraka.

A White Ravens é unha relación de títulos seleccionados anualmente polos especialistas da Internationalen Jugendbibliothek, que salientan pola súa calidade literaria ou plástica,  polos valores que promoven e pola súa idoneidade para poñer nas mans dos lectores máis novos.

23 de abril: Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor

"A lectura non é un deber de ninguén. É un dereito, si, de todo cidadán, e por el temos que loitar, loita que si constitúe un deber. Incluso na guerrilla cotiá da resistencia constante, empeñándose en sacar libros da biblioteca, levar libros á casa, ler no autobús, regalar libros, falar de libros con compañeiros e amigos, apagar o televisor a cambio dun libro no momento en que hai un programa aburrido (non é posible que todo o mundo crea que nunca hai nada aburrido na televisión). E na estratexia máis ampla, frecuentando librerías aínda que sexa para follear un libro e sacar algún proveito, escribindo a xornais e revistas para esixir máis espazo dedicado á literatura, esixindo aos candidatos a alcalde, concelleiro e deputado un compromiso público coa consideración dese dereito en cada provincia e concello. Na acción cotiá profesional, esa estratexia adopta outras formas, pero debe manterse viva, comprometéndose na loita por unha sala de lectura na escola, pola garantía dun tempo reservado á lectura no horario escolar, pola renovación do fondo de libros do colexio."

Lectura, escuela y creación literaria
Ana María Machado. Premio Andersen de literatura infantil.

LENDO EN ABRIL 2007

Chega por terceiro ano consecutivo aos centros escolares o boletín Lendo en abril, unha ferramenta para a difusión de experiencias que se están a levar a cabo nas bibliotecas escolares galegas.

O biblioletín medra en número de páxinas e de colaboradores: CEIP de Sigüeiro, IES Auga da Laxe, CEIP Emilia Pardo Bazán, CIFP Anxel Casal, IES As Mariñas.

Seve Calleja, docente e escritor achega a súa visión das prácticas de escritura no contexto escolar no artigo A escrita como xogo.

Lendo en abril 2007 (arquivo pdf)

Números anteriores:

Concurso nacional de boas prácticas en bibliotecas escolares - 2007

O Ministerio de Educación publica no BOE do día 14 de abril a convocatoria do concurso nacional de boas prácticas en bibliotecas escolares, correspondente ao ano 2007. Anímase ás bibliotecas escolares galegas "en activo"  a presentar as súas memorias. O prazo remata o 31 de maio.

Achégase texto completo da convocatoria.

Biblioteca escolar, centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe

A actual sociedade da información fai imprescindible a presenza de bibliotecas escolares nos centros educativos, concibidas como dinámicos centros de recursos de información, con fondos documentais actualizados e diversos; espazos de achegamento á lectura de todo tipo de textos, en todo tipo de soportes, con todo tipo de finalidades; lugares para a aprendizaxe guiada ou autónoma; puntos de encontro e convivencia entre todos os membros da comunidade educativa.

Formarse, ensinar, aprender..., nunha sociedade complexa, diversa e democrática é dar resposta ás necesidades emerxentes, adaptarse e adoptar as medidas organizativas necesarias para que as "comunidades de aprendizaxe", que deberan ser todos os centros, sirvan aos intereses de todos e favorezan a formación permanente e o acceso aos bens culturais comúns.

A existencia dunha biblioteca escolar dinámica, ben dotada e actualizada, supón unha oportunidade para a innovación pedagóxica, achega recursos para o tratamento dos contidos propios de todas as áreas e ámbitos de aprendizaxe e muda a forma de entender o ensino e a aprendizaxe de quen participa da súa vitalidade.

Pódese descargar arquivo: A biblioteca escolar, centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe.

Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, 2006/2007

O mes de marzo  foi un mes para encontros e reencontros entre as xentes do Plambe.

Celebráronse en Sanxenxo e Santiago, os pasados 1, 2 e 10 de marzo, os Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, 2006/2007, no se que atoparon os responsables das bibliotecas dos centros que se veñen de incorporar ao programa neste curso que camiña.

Declaración de Toledo sobre alfabetización informacional (ALFIN)

Profesionais da información e da educación do Estado español reuníronse en Toledo, en febreiro de 2006, convidados polo Ministerio de Cultura e a Consejería de Cultura de Castilla-La Mancha, nun seminario de traballo - Biblioteca, aprendizaxe e cidadanía: a alfabetización informacional -, co fin de analizar a aplicación do concepto e a situación dos programas de alfabetización informacional en España, así como para propoñer as liñas de actuac