Admisión a ciclos formativos de grao superior. Convocatoria 2015

Información xeral para todos os réximes


Con carácter xeral, a totalidade das prazas ofrecidas nun centro e ciclo distribúese por cupos de acceso cunha reserva específica de prazas. Hai dous cupos diferentes de acceso:

Cupo de acceso directo, para aquelas persoas que posúen os requisitos de carácter académico esixidos.

Cupo de acceso por probas, para as persoas que cumpren a certificación de superación das probas de acceso a ciclos por non cumprir os requisitos de acceso directo.

A distribución, ao comezo do proceso de admisión, das prazas dispoñibles para cada ciclo e para cada centro é:

 

Acceso directo

Acceso mediante proba

80%

20%

10% para persoas discapacitadas

5% a maiores para deportistas de alto rendemento

 

En caso de empate entre varias persoas solicitantes, e co obxectivo de favorecer o fomento das vocacións nas áreas con infrarrepresentación de mulleres ou de homes, seleccionarase en virtude do sexo menos representado na área profesional en que se demande a praza. De persistir o empate, resolverase por sorteo público segundo a normativa. (Criterios de desempate)

O procedemento de admisión ten establecidas as datas de publicación das listaxes de adxudicacións e os prazos de formalización de matrícula (consultar o calendario de admisión). As matrículas ou renuncias fóra dos prazos establecidos non serán válidas.

 

Réxime ordinario

Para o acceso a ciclos formativos de grao superior no réxime ordinario é obrigatorio presentar a titulación de nivel académico máis alto da que se dispoña. Cando a demanda de prazas supere a oferta establécense os seguintes criterios de selección:

No cupo de acceso directo séguese a seguinte orde de prelación:

  • Bacharelato con modalidade preferente e materias vinculadas.
  • Bacharelato con modalidade preferente e sen materias vinculadas.
  • Bacharelato, ou equivalente, sen modalidade.
  • Titulación de técnico superior.
  • Titulación universitaria.

Dentro de cada unha destas preferencias ordénanse ás persoas solicitantes pola nota media do título, e de existir empate no primeiro bloque, pola nota media das materias vinculadas.

- Consultar modalidades preferentes e materias vinculadas para o acceso a ciclos formativos de grao superior.

No cupo de acceso por probas ordénanse os solicitantes por nota da proba de acceso a ciclos formativos de grao superior.

 

Réxime para persoas adultas

Neste réxime os requisitos de admisión son iguais que no réxime ordinario, coa salvidade de que as persoas que carecen de requisitos de acceso poden matricularse nos módulos de ciclos LOE asociados a unidades de competencia, sempre que acrediten dous anos de experiencia laboral no ámbito da familia profesional do ciclo formativo que desexou cursar. Estas persoas concorreran polo cupo de acceso directo.

Cando a demanda de prazas supere a oferta, hai establecidos uns criterios de selección, para cada un dos cupos. En cada cupo de acceso ordénanse as persoas solicitantes atendendo a unha puntuación que ten en conta os requisitos de acceso, a experiencia laboral no ámbito profesional do ciclo e os módulos superados no ciclo.

 

Solicitude vía web

A solicitude vía web poderase realizar para todos os réximes e graos, agás para o segundo curso do réxime ordinario.

Logo de realizada a solicitude web, a aplicación informática xera un impreso con instrucións individualizadas para cada solicitante. O impreso xerado pola aplicación informática indica a documentación que cómpre achegar. Esta documentación cos impresos xerados deberá ser entregada, en prazo, en calquera centro público de Galicia con oferta de ciclos formativos de formación profesional. Este documento será validado polo centro e unha das copias será selada e entregada á persoa solicitante. Sen estes requisitos, a solicitude carece de validez e non será tida en conta no proceso de admisión.

No caso de que o impreso xerado pola aplicación informática indique que se trata dun documento xa validado e que non é necesario entregalo nun centro, non será preciso máis trámite, pero o documento impreso deberase conservar como resgardo da solicitude de admisión.

- Instruccións sobre como realizar a solicitude web

- A solicitude web realizarase na ligazón: www.edu.xunta.es/ciclosadmision

 

Documentación e listaxes do procedemento de admisión


Lembre que a normativa sempre prevalece sobre calquera outra información. Esta páxina contén información de carácter xeral extraída da normativa, polo que calquera dúbida ou contradición se resolverá atendendo á normativa vixente. (Acceso a normativa de admisión).