Actividade de orientación "Ferramentas e actividades de orientación para a carreira en liña"

Os días 9, 10 e 11 de xuño desenvolverase a actividade de orientación profesional "Ferramentas e actividades de orientación para a carreira en liña" (Online career guidance tolls and activities), organizada pola rede Euroguidance e dirixida tanto a membros desta rede como a orientadoras e orientadores e persoal técnico.

A actividade organízase a través dun conxunto de webinars con formato interactivo e quenda de preguntas, onde se tratarán temáticas tan innovadoras e necesarias como o desenvolvemento das competencias profesionais ao longo da vida a través de programas de orientación en liña, as TIC na orientación e a co-orientación. Exporanse exemplos de boas prácticas e experiencias por parte de persoas expertas e autoridades dos diferentes países participantes: Hungría, República Checa, Dinamarca Serbia, Suecia e Finlandia. As webinars serán gravadas e o material subirase á web de Euroguidance www.euroguidance.eu.

O rexistro para a actividade poderase realizar ata o día 7 de xuño estará dispoñible a través da seguinte ligazón: https://kvop.tempus.ac.rs/registration-form-for-the-webinars-online-career-guidance-tools-and-activities-examples-of-good-practices-from-europe/

Euroguidance é unha rede de colaboración entre 65 centros nacionais de recursos de orientación profesional distribuídos en 32 países europeos. A rede ten como obxectivo apoiar as orientadoras e orientadores na promoción da mobilidade europea e na difusión da dimensión europea na educación e a formación. Establece puntos de unión entre os Sistemas de Orientación Europeos e coopera nos sectores educativo e laboral en toda Europa.